Noticias

Galicia convértese na primeira rexión europea que regula por lei o uso da intelixencia artificial

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia que agora será remitido ao Parlamento. Deste xeito, salientou que, 'Galicia convértese na primeira rexión europea en regular por lei o deseño, adquisición e uso desta ferramenta, primeiro na administración e logo en toda a sociedade'. O obxectivo, tal e como resaltou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, é garantir un desenvolvemento e unha utilización da intelixencia artificial 'ética, segura, fiable e centrada nas persoas'. 'Dotamos á comunidade dun marco xurídico estable que de certezas e blinde dereitos', engadiu.

En virtude desta lei, as actuacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público que impliquen o uso desta tecnoloxía deberán contar cun informe de proxecto de IA que, ademais de describir o seu funcionamento e características detalladas, incluirá unha avaliación de impacto relativo aos dereitos fundamentais das persoas, de acordo co modelo da Oficina Europea de IA.

A lei, segundo indicou o conselleiro, tamén “prevé a supervisión humana” en todos os procedementos administrativos que empregan esta tecnoloxía sempre que sexa necesaria ou solicitada por calquera persoa implicada no trámite.

A lei parte do convencemento de que Galicia pode e debe asumir o papel de liderado que lle corresponde na conformación dunha rexión intelixente a través da ordenación e xestión dunha das tecnoloxías que está a marcar o futuro da humanidade.

A norma está en plena conexión coa lexislación comunitaria e coas ideas expresadas por organismos multilaterais (como a OCDE, a Comisión Europea ou o Consello de Europa), que animan os gobernos a desenvolver unha contorna de políticas que faga posible a adopción de sistemas de intelixencia artificial dun xeito fiable e seguro.

Para velar polo cumprimento destes principios e obxectivos, a lei regula a creación de novos órganos, como a Oficina de Intelixencia Artificial de Galicia ou o Consello Galego de Intelixencia Artificial, así como de novas figuras, como o comisionado en intelixencia artificial, que velará pola prevención, detección e eliminación de riscos e resultados negativos, ou o inventario de sistemas de intelixencia artificial, que reflectirá o ciclo de vida de cada sistema, desde o seu deseño ata a súa desactivación.

A intelixencia artificial na Xunta de Galicia

Na actualidade, tal e como indicou Corgos, a Xunta de Galicia emprega e desenvolve en todos os seus ámbitos de competencia sistemas que utilizan a intelixencia artificial. O seu uso permitirá, por exemplo, reducir ata unha terceira parte as lesións que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional das mamografías para a detección de cancro de mama, así como poder analizar un maior número de probas en menor tempo.

Tamén se emprega intelixencia artificial para axudar as persoas a atopar emprego ao relacionar oferta e demanda laboral a través dunha ferramenta pioneira en España e Europa que permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas ata setembro de 2025.

Esta tecnoloxía tamén está a ser especialmente útil para a xestión do medio rural e a redución das diferenzas con respecto ás zonas urbanas. A Xunta ten en marcha o desenvolvemento dun sistema de inspeccións intelixentes avanzadas no marco da política agraria común (PAC) que permite aumentar o número de inspeccións da PAC, así como a súa eficiencia, ademais de reducir a complexidade e custos. Galicia tamén usa a intelixencia artificial para a detección automática de incendios forestais, así como para prever a evolución dos lumes de especial gravidade.

Na Administración, os sistemas de IA empréganse para reducir os tempos e facilitar as tramitacións por parte da cidadanía e do persoal empregado público con sistemas como a Plataforma de automatizacións da Xunta de Galicia.

A lei e os sectores produtivos

A lei recoñecerá o carácter de sector estratéxico para as empresas cuxa actividade teña relación directa con esta tecnoloxía. Entre as medidas para promoción da IA nos sectores privados, a lei impulsará a creación de factorías de intelixencia artificial, de acordo coa recomendación da Comisión Europea, arredor do Centro de Supercomputación de Galicia. Estas factorías estarán abertas ás empresas emerxentes ou a calquera axente do ecosistema de IA que necesite desenvolver, adestrar e validar sistemas de intelixencia artificial. Tamén facultará a creación dun sistema de vixilancia tecnolóxica en intelixencia artificial para as empresas. Regula, así mesmo, a creación de programas de incubación, aceleración e consolidación de startups en IA, así como un fondo de participación en empresas que desenvolvan en Galicia sistemas de IA.

Tras a aprobación no Consello de Goberno, o proxecto de lei será agora remitido ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva.

R., 2024-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES