Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

Co obxectivo de desenvolver ideas innovadoras que ofrezan solucións físicas ou virtuais a esta nova realidade nace este hackathon virtual que unirá, de xeito remoto, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. O #HACKatHOME ofrece unha experiencia intensiva e inmersiva de creación de catro días de duración na que se intentará desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posible no ámbito industrial, comercial e do emprego.
A Xunta de Galicia, a través da Amtega e a Consellería de Educación, Universidade e Formación, e a Fundación Vodafone España presentan a nova edición do proxecto ‘DigiCraft no teu cole’ para o curso académico 2020/2021. A nova edición consolida o acordo de colaboración asinado por ambas as institucións en 2019 para levar a Galicia esta iniciativa pioneira en España e fomentar o desenvolvemento de competencias dixitais desde a infancia, enmarcándose no Plan DigiTalent da Xunta. Co lanzamento desta segunda edición de ‘DigiCraft no teu cole’, a Xunta e a Fundación Vodafone España incorporarán ao programa ata 200 novos centros escolares de educación primaria en toda Galicia, que se sumarán aos 50 que xa participaron o último ano e seguirán desenvolvendo o proxecto.
Os centros educativos públicos galegos sitúanse á cabeza do Estado na disposición de servizos dixitais provistos pola Administración pública como entornos virtuais de aprendizaxe, aulas virtuais e servizos na nube. Así se recolle na estatística "Ensino non universitario. Sociedade da información e a comunicación nos centros educativos. Curso 2018-2019", que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional e que reflicte a boa situación da dixitalización nos centros públicos galegos no contexto nacional. O 96% dos centros de ensino públicos de Galicia dispoñen de aulas virtuais, grazas aos proxectos EDIXGAL e Webs dinámicas, fronte o 41,3% da media estatal. Ademais, o 99% dos centros públicos dispoñen de servizos na nube e o 93,3% dos centros públicos dispoñen de páxina web, fronte ao 86,9% a nivel nacional.
O Centro Tecnolóxico do Mar - Fundación Cetmar presentará o próximo venres os avances acadados no marco do proxecto europeo MATES, para o impulso da economía azul, e que apuntan a que o uso de combustibles alternativos e de novas fontes de enerxía renovable serán claves para o futuro do sector da construción naval, especialmente no desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en sensores e redes intelixentes, e o uso de big data. Os progresos logrados polos investigadores daranse a coñecer durante a celebración do seminario virtual Fomento de la Economía Azul en el Atlántico: Estrategia de Formación y Capacitación a través da plataforma online Webex.
A Consellería de Sanidade ven de pór en marcha esta mañá a plataforma tecnolóxica de seguimento coa que rastrexará e monitorizará os contactos das persoas infectadas por Covid-19. Dotado cun equipo inicial de 20 operadores, o departamento sanitario da Xunta estima que superará os 50 profesionais nas vindeiras dúas semanas. O sistema tecnolóxico de rastrexo empregado en Galicia para identificar posibles novos casos de infeccións por coronavirus, contará cun protocolo único, e encargarase de identificar e contactar con cada unha das persoas que tiveran contacto cun caso positivo por Covid-19. Tras unha consulta médica, presencial ou telefónica, na que o facultativo diagnostique ao paciente como caso sospeitoso de padecer COVID-19, se lle solicitará a proba PCR.
“Estamos desenvolvendo un proxecto pioneiro en España que marcará un punto de inflexión na capacidade diagnóstica da sanidade pública galega fronte ao Covid-19, que nos permitirá garantir áreas libres de virus circulante, e nos dotará, por tanto, dunha nova arma para seguir avanzando na loita contra este virus ”. Con estas palabras resumiu o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, a iniciativa que se está levando a cabo no Complexo Hospitalario vigués, nun encontro cos medios por videoconferencia. O xerente -que estivo acompañado polo xefe do servizo de Microbioloxía, Benito Regueiro-, informou dos detalles do sistema para o procesamento agrupado de mostras PCR na detección de coronavirusSARS-CoV2.
Ser capaces de prever a través de modelos matemáticos adecuados os recursos indispensables para loitar de modo eficiente contra a COVID-19, a curto e medio prazo, é a finalidade do proxecto que acaba de financiar a Fundação para a Ciência e Tecnologia de Portugal (FCT) e no que toman parte investigadores da USC, UVigo e Universidade de Aveiro. O proxecto aspira tamén a preparar as persoas infectadas para a recuperación no domicilio e a identificar problemas de saúde mental. O estudo permitirá prever, por exemplo, o número de Unidades de Coidados Intensivos necesarias na loita contra a pandemia. O equipo de científicos pretende optimizar, deste xeito, o impacto de medidas de prevención e tratamento na redución da mortalidade por COVID-19.
O reitor Antonio López e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron este luns, nun acto celebrado por videoconferencia, un convenio de colaboración entre a USC, a Consellaría de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, para a obtención de datos de xenotipado, actividades científicas e de investigación entre outras, no ámbito da Medicina Xenómica. Para este convenio, a Consellaría de Sanidade destinará un importe total de 669.962 euros. Esta cantidade asegura a cobertura financeira do programa ata 2022. Con este convenio preténdese materializar e regular a colaboración entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Universidade de Santiago de Compostela, que conta cun nodo do Centro Nacional de Xenotipado (CeGen-USC).
Esta semana a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega comezaron o reparto dun novo lote de 1.750 equipos con conexión de balde a internet entre as familias con menos recursos que teñen escolarizados aos seus fillos en centros públicos. Con este novo envío -que se engade aos 1.000 kits informáticos xa distribuídos polos centros escolares nos días pasados- elévase a 2.750 o número total de equipos para asegurar a conectividade ao alumnado que presenta maiores dificultades no acceso ao ensino en liña. A medida vai dirixida ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, que recibirá os equipos en préstamo.
A Xunta de Galicia vén de solicitarlle ao Goberno do Estado traballar nun marco común estatal que estableza os criterios básicos de privacidade e interoperabilidade que deben garantir as diferentes aplicacións das CCAA sobre o uso da tecnoloxía e os datos para combater superar a crise do COVID-19. Así llo trasladou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, á Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, durante a xuntanza interterritorial convocada por este departamento para abordar as iniciativas de dixitalización relacionadas co Covid19.
« Anterior | 31  de  65 | Siguiente »

Notas tecnologia

A traxectoria investigadora do catedrático da UVigo e profesor Ikerbasque de CIC biomaGUNE Luis Liz Marzán acaba de ser merecedora dun novo recoñecemento internacional. O Consello Europeo de Investigación (ERC) concédelle un dos prestixiosos Synergy Grant, unha axuda que ten como obxectivo financiar proxectos de investigación moi ambiciosos e de alto risco que involucren grupos de diferentes disciplinas.
A Intelixencia Artificial é o presente, non o futuro. Así o consideran os numerosos expertos que participaron onte na xornada organizada pola Cátedra Fundación Inade – UDC na Coruña. Este evento, que tiña como obxectivo presentar a obra “Os riscos xerados pola Intelixencia Artificial e os posibles mecanismos para a súa mutualización”, converteuse no escenario perfecto para que diferentes especialistas na materia compartisen a súa visión sobre os inminentes perigos desta nova tecnoloxía.
A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense acolle este luns e martes a celebración do 2º Simposio Iberoamericano de Blockchain e Ciberseguridade, centrado nas Experiencias de aplicación e transferencia de blockchain e ciberseguridade na industria. O evento reúne a alumnado, profesorado, persoal investigador e profesionais de diferentes sectores.
Contribuír ao benestar físico e psicolóxico das e dos menores que se enfrontan a un tratamento oncolóxico. Ese é o obxectivo da liña de traballo que desenvolven investigadores do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo, e do grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, xunto o Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Vigo.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña finalizou este venres a “Semana de Proxectos Internacionais (WIPO Week)”. Trátase dunha iniciativa que reuniu a 19 participantes procedentes de 8 países europeos, representando unha ampla diversidade de sectores, que participaron nunha serie de actividades para fomentar a colaboración e o intercambio de coñecementos en proxectos internacionais de investigación.
A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro martes, día 29 de outubro, en horario de 9:30 a 12:30 horas, as xornadas 'Los riesgos de la inteligencia artificial: ¿Estamos seguros?', no marco da Cátedra Fundación Inade-UDC. Durante as xornadas terá lugar a presentación do IX volume da colección Cadernos da Cátedra Fundación Inade-UDC, co título 'Los riesgos generados por la inteligencia artificial y los posibles mecanismos para su mutualización'.
Xusto un ano despois do seu inicio, o consorcio de EC4Rrural, liderado pola UVigo, acaba de presentar dúas innovadoras ferramentas de cálculo ad hoc para analizar a viabilidade dunha comunidade enerxética rural ou de calquera iniciativa para produción de enerxía comunitaria. Baseadas nunha aplicación de uso xeneralizado como é Microsoft Excel, o seu obxectivo é servir de instrumento na toma de decisións con transcendencia económica para os xestores destes proxectos.
O VII Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, rematou este venres coa entrega de premios, tras dúas xornadas de intensa actividade. Este ano, o evento experimentou un notable crecemento, cun total de 74 traballos presentados fronte aos 50 da edición anterior, o que representa un incremento dun 48% respecto do ano pasado.
A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC celebrará o 16 e 17 de outubro as xornadas 'Foro Riazor: Global Maritime Sustainability', como conmemoración do Día Internacional contra o Cambio Climático (24 de outubro) para analizar as vías de descarbonización do sector marítimo. Daranse cita empresas referentes do sector para debater sobre regulacións, novas tecnoloxías e oportunidades laborais no mar.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña acolleu a presentación do proxecto Atendis-VR, unha innovadora iniciativa de realidade virtual desenvolvida durante o último ano e orientada á estimulación cognitiva de persoas maiores e persoas con discapacidade intelectual.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES