Notas de prensa

O proxecto EC4Rural deseña dúas ferramentas para analizar a viabilidade económica das comunidades enerxéticas

Xusto un ano despois do seu inicio, o consorcio de EC4Rrural, liderado pola UVigo, acaba de presentar dúas innovadoras ferramentas de cálculo ad hoc para analizar a viabilidade dunha comunidade enerxética rural ou de calquera iniciativa para produción de enerxía comunitaria. Baseadas nunha aplicación de uso xeneralizado como é Microsoft Excel, o seu obxectivo é servir de instrumento na toma de decisións con transcendencia económica para os xestores destes proxectos.

Estes avances están sendo xa presentados ao sector en foros como a xornada As Comunidades Enerxéticas como motor da transición enerxética, que organizou o proxecto Eu-Nets en Vigo a pasada semana en Vigo e estarán tamén dispoñibles na web de EC4Rural para uso libre das e dos usuarios.

çUn proxecto para unha cidadanía activa

O proxecto EC4Rural botou a andar hai agora un ano cun orzamento de 1,6M€ cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea, dentro do subprograma Clean Energy Transition. Con catro anos de duración e dez socios de tres países, o obxectivo é transformar as relacións entre as entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario climático. Tamén se busca evitar a pobreza enerxética a pesar da súa riqueza de recursos.

Nestes 48 meses, o consorcio de EC4Rural vai desenvolver un traballo que aspira á constitución de 34 comunidades enerxéticas rurais en Galicia (España) e en Estonia, para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos. à fronte do proxecto está o catedrático do Departamento de Economía Aplicada Xavier Simón, que forma parte do centro de investigación CISPAC, o Centro de Investigación sobre Paisaxes Atlánticas Culturais.

As ferramentas

Os primeiros resultados do proxecto tras o seu primeiro ano de traballo son estas dúas ferramentas para analizar a viabilidade económica de iniciativas de enerxía comunitaria. A primeira delas foi concibida para facer a avaliación previa das implicacións económicas que tería unha iniciativa de produción de enerxía eléctrica de propiedade comunitaria. En base a unha selección de hipóteses e do perfil do usuario, a ferramenta de cálculo realiza as estimacións e presenta os principais conceptos dunha forma visual e resumida. O resultado sería similar a un Plan de viabilidade económica, que é un elemento imprescindible na planificación estratéxica de calquera proxecto con repercusións económicas, argumenta Xavier Simón, investigador principal do proxecto. “Vainos dar unha idea da sostibilidade dunha proposta de produción enerxética comunitaria previamente á súa realización e, consecuentemente, tamén antes de que se comprometan os recursos para financiar os investimentos requiridos”, continúa Simón que, xunto co seu equipo no proxecto EC4Rural e no Observatorio Eólico de Galicia, desenvolveu estes dous recursos.

A segunda das ferramentas complementa á primeira en canto aos seus obxectivos e perspectiva de análise. Esta deseñouse para asistir aos xestores na avaliación do rendemento obtido anualmente ou noutro período concreto de tempo cando a comunidade enerxética xa está operativa.

Balance dun ano de traballo, en Estonia

Tras un ano de traballo, o proxecto EC4Rural celebrou a súa segunda reunión presencial na cidade de Tartu, Estonia, hai unhas semanas. A xuntanza brindoulle aos dez socios a oportunidade de facer balance e reflexionar sobre o progreso acadado desde a xuntanza de lanzamento en setembro de 2023, tratar asuntos organizativos e delinear os próximos pasos. Organizado pola Universidade de Tartu, o encontro foi altamente produtivo, permitindo manter discusións construtivas sobre os fitos acadados. Para Simón a reunión foi un éxito en termos do debate sobre os fitos e desafíos que enfronta o EC4Rural e “tamén foi útil para contextualizar as particularidades que enfrontan territorios rurais tan distantes como Galicia e Estonia”, recordou. Os membros do consorcio coincidiron na certeza de que as dificultades que encaran para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas nos dous pilotos requiren solucións específicas de acordo cos contextos sociais, políticos e económicos de cada área.

A base de EC4RURAL, unha cidadanía activa

A Universidade de Vigo lidera este consorcio multidisciplinar formado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia. Con sede en Bélxica, atópase a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (Elard) e, por parte de Estonia, están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU). En España, participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión Espazocoop de Cooperativas Galegas e a Fundación Juana de Vega.

Os 22 concellos galegos implicados, distribuídos nas catro provincias, ocupan case 2700 hectáreas e suman unha poboación de case 94.000 habitantes. Son Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense); Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).

En Estonia, nos 12 municipios participantes viven máis de 125.000 habitantes, ocupando unha superficie total de máis de 9000 hectáreas. Son Alutaguse, Elva, Hiiumaa, Järva, Lääne-Harju, Põltsamaa, Rõuge, Saku, Tori, Türi, Viimsi e Viru-Nigula.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES