Noticias

#HACKatHOME, o primeiro hackathon virtual de Galicia, desenvolverá solucións innovadoras dirixidas ao comercio, a industria e o emprego

Co obxectivo de desenvolver ideas innovadoras que ofrezan solucións físicas ou virtuais a esta nova realidade nace este hackathon virtual que unirá, de xeito remoto, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. O #HACKatHOME ofrece unha experiencia intensiva e inmersiva de creación de catro días de duración na que se intentará desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posible no ámbito industrial, comercial e do emprego.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria celebrou esta mañá un seminario online de presentación do #HACKatHOME, o primeiro hackathon virtual de Galicia, que se celebrará do 27 ao 30 de xuño co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas pola pandemia na industria, o comercio e o emprego. A directora de Gain, Patricia Argerey, explicou que a nova realidade demanda de novas ideas para adaptarse en ámbitos como a seguridade das persoas, a mellora dos espazos de traballo para evitar a dispersión do virus, incrementar a seguridade dos espazos comerciais, optimizar o teletraballo, coordinar equipos nun contexto de separación física ou reducir as necesidades de desprazamento da industria, entre outros.

Patricia Argerey apuntou que esta iniciativa se enmarca, por un lado, na estratexia de fomento do emprendemento da Xunta de Galicia e, por outro lado, no fomento da Compra Privada Innovadora como unha ferramenta que permite promover a innovación desde a demanda, a través da compra de produtos ou servizos que aínda non existen no mercado e que requiren un proceso de co-deseño e co-creación entre comprador e provedor.

“Neste caso -sinalou- pretendemos dinamizar a identificación de solucións ás necesidades do tecido empresarial galego no ámbito da loita contra a covid-19 e os seus efectos, aliñando a I+D+i co tecido empresarial, potenciando as capacidades para a innovación que temos no noso ecosistema e estimulando o investimento en actividades de ciencia, tecnoloxía e innovación”.

Sobre o #HACKatHOME

Do 27 ao 30 de xuño, empresas tecnolóxicas, universidades e persoas innovadoras traballarán para dar solución a 5 retos cos que adaptar o tecido empresarial á nova realidade. O #HACKatHOME pretende involucrar a estudantes e profesionais da programación, a investigación, o deseño e, en definitiva, a calquera persoa que crea que traballando en grupo e colaborando é posible sentar as bases coas que construír solucións, tanto físicas como dixitais, para afrontar os cambios aos que se enfronta a sociedade.

Os participantes poderán presentarse individualmente ou en grupo, pero todas as persoas formarán equipos de traballo co fin de aproveitar a sinerxía á que dá lugar a cooperación. Durante 4 xornadas intensivas de traballo, cada equipo presentará unha ou varias propostas de produtos físicos ou solucións TICs e converteraas nun prototipo mínimo viable.

Os integrantes contarán, para o seu desenvolvemento, coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao mundo empresarial que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e os detalles técnicos e poderán gozar, para atopar inspiración, dunha serie de minieventos paralelos ao hackathon.

#HACKatHOME conta coa colaboración de preto de corenta entidades, entre as que se contan clústers e asociacións empresariais de Galicia (Clúster TIC, Aclunaga, Cointega, Bioga, Clúster Alimentario de Galicia, Ceaga, Federación Galega de Comercio, Clúster Madeira, DiH DATAlife e Clúster Saúde Galicia), empresas de primeiro nivel (Grupo Nueva Pescanova, Imatia, Zendal, Televés, Kelea, Hack a Boss e No Legaltech), as tres universidades galegas e centros de coñecemento, centros tecnolóxicos (Instituto Tecnológico de Galicia, Gradiant, Atiga, CTAG e CETIM), outras organizacións e axentes (Cesga e Ilustre Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia), así como distintos departamentos da Administración autonómica.

Solucións a cinco retos

O obxectivo de #HACKatHOME é darlle solución a cinco retos e non existe para conseguilo ningún tipo de límite en canto a ideas ou utilización de tecnoloxías: desde propostas de aplicación hardware e prototipos de software ata propostas de redefinición de metodoloxías. Poderán utilizarse para o seu desenvolvemento aplicacións software, tecnoloxías móbiles, realidade aumentada, xeolocalización, machine learning, intelixencia artificial, robótica, blockchain, internet das cousas, etc.

O período de inscrición de #HACKatHOME permanecerá aberto ata as 23:59 horas do 21 de xuño. Tras 4 xornadas de traballo intenso, os 3 mellores proxectos contarán cun apoio económico de 1000 euros e un seguimento específico por parte das entidades colaboradoras do hackathon.

R., 2020-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES