Noticias

USC, UVigo e Universidade de Aveiro preverán os recursos necesarios contra a COVID-19 a través de modelos matemáticos

Ser capaces de prever a través de modelos matemáticos adecuados os recursos indispensables para loitar de modo eficiente contra a COVID-19, a curto e medio prazo, é a finalidade do proxecto que acaba de financiar a Fundação para a Ciência e Tecnologia de Portugal (FCT) e no que toman parte investigadores da USC, UVigo e Universidade de Aveiro. O proxecto aspira tamén a preparar as persoas infectadas para a recuperación no domicilio e a identificar problemas de saúde mental. O estudo permitirá prever, por exemplo, o número de Unidades de Coidados Intensivos necesarias na loita contra a pandemia. O equipo de científicos pretende optimizar, deste xeito, o impacto de medidas de prevención e tratamento na redución da mortalidade por COVID-19.

Para estes obxectivos, o grupo de matemáticos e físicos aliouse con grupos das Escolas Superiores de Saúde do Porto e Leiria, da Unidade de Saúde Pública do Agrupamento de Centros de Saúde Pinhal Litoral.

Hai xa case dous meses que este grupo de investigadores adiantou como sería a expansión da pandemia da COVID-19 en Galicia. Baseándose na análise dos datos de Wuhan, o grupo integrado polo catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, así como por Iván Area da Universidade de Vigo, e Faiçal Ndaïrou, das Universidades de Vigo e Aveiro, realizou unha serie de simulacións que situaban o máximo número de casos da pandemia arredor do 5 de abril, data prevista para as eleccións galegas, que finalmente houbo que adiar.

Coa incorporación de Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri da USC, así como de Cristiana Silva da Universidade de Aveiro, este equipo de científicos presentou a proposta que vén de ser concedida para o control da epidemia á FCT e á Agência de Investigação Clínica e Inovação Biomédica (AICIB) de Portugal, no marco da liña excepcional 'Research 4 COVID-19'. Este financiamento obtense no marco dunha convocatoria altamente competitiva, onde unicamente acadaron financiamento 66 das 302 propostas presentadas, é dicir, na que houbo un 22% de taxa de éxito.

, 2020-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES