Noticias

A edición 2020/2021 do programa "Digicraft no teu cole" reforza a súa presenza en Galicia e contará coa participación de ata 250 centros escolares galegos

A Xunta de Galicia, a través da Amtega e a Consellería de Educación, Universidade e Formación, e a Fundación Vodafone España presentan a nova edición do proxecto ‘DigiCraft no teu cole’ para o curso académico 2020/2021. A nova edición consolida o acordo de colaboración asinado por ambas as institucións en 2019 para levar a Galicia esta iniciativa pioneira en España e fomentar o desenvolvemento de competencias dixitais desde a infancia, enmarcándose no Plan DigiTalent da Xunta. Co lanzamento desta segunda edición de ‘DigiCraft no teu cole’, a Xunta e a Fundación Vodafone España incorporarán ao programa ata 200 novos centros escolares de educación primaria en toda Galicia, que se sumarán aos 50 que xa participaron o último ano e seguirán desenvolvendo o proxecto.

Esta nova convocatoria publicarase no primeiro trimestre do próximo curso 2020/21 e a posta en marcha do programa farase no segundo trimestre do curso escolar, momento no que os centros escolares que se inscriban recibirán todos os materiais tecnolóxicos e a formación ao profesorado.

Final curso DigiCraft 2019/2020 e entrega premio Reto DigiCraft Online Galicia 2019

A primeira edición desta iniciativa conclúe agora co peche do curso 2019/2020 e nela participaron 3.800 alumnos de educación primaria e 100 docentes de 50 centros educativos galegos, que puxeron en marcha diferentes itinerarios formativos centrados en realidade aumentada, intelixencia artificial, videoxogos e robótica.

A Fundación Vodafone puxo tamén ao dispor da comunidade educativa a plataforma online de acceso gratuíto DigiCraft cuxos contidos e recursos online, grazas á colaboración da Xunta, tiveron moi boa acollida estes últimos meses, superando os 4.000 usuarios na Comunidade.

Ademais, durante estas últimas semanas, a Xunta e a Fundación Vodafone España organizaron unha actividade online para pechar o actual curso académico 2019/2020 e adaptarse ao novo contexto de educación online provocado pola pandemia. Esta actividade, denominada Reto DigiCraft Online, contou coa participación de máis de 500 escolares de forma totalmente online e a través de diferentes ferramentas colaborativas postas á súa disposición por ambas as entidades.

Mañá venres 19 de xuño terá lugar o acto de clausura do Curso DigiCraft, unha cerimonia en aberto onde poderán participar todos os alumnos e alumnas que formaron parte do programa. O evento contará coa presenza de representantes da Xunta de Galicia e Remedios Orrantia, presidenta da Fundación Vodafone España e, durante o mesmo, farase entrega do premio ao centro gañador do Reto DigiCraft Online, que recibirá novos materiais para continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas o ano que vén.

Convenio de colaboración asinado en xuño de 2019

O programa “DigiCraft no teu cole” é froito do convenio de colaboración asinado en xuño de 2019 pola Fundación Vodafone España, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.

DigiCraft é un programa educativo pioneiro, creado en España, para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e a mocidade, poñendo ao dispor de nenas e nenos de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a intelixencia artificial, a realidade aumentada ou o deseño 3D dunha forma fácil e divertida.

Todo iso articulado a través dunha metodoloxía de aprendizaxe baseada no xogo e a experimentación deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca.

R., 2020-06-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES