
O obxectivo das xornadas é concienciar sobre a importancia de desenvolver novas tecnoloxías de mobilidade no transporte marítimo para que sexa máis respectuoso co medio ambiente e se adapte aos retos da Axenda 2030, xa que o transporte marítimo xera máis de mil millóns de toneladas anuais de CO2, o que supón preto do 3 % de todas as emisións de orixe humana. Para cumprir cos obxectivos de redución de emisións, as compañías do sector están a investir en investigación de novas tecnoloxías que faciliten o avance cara a unha mobilidade marítima máis sostible. Algúns destes desenvolvementos tecnolóxicos mostraranse ao longo destas xornadas.
O encontro contará con tres mesas redondas nas que participarán diferentes organizacións empresariais que operan na cadea de valor do ámbito marítimo. A primeira das mesas está dedicada á revisión e análise da normativa relativa á
regulación de emisións de gases de efecto invernadoiro, coa participación de voces expertas no campo lexislativo, que poñerán luz sobre o marco normativo e os retos futuros que debe abordar o sector para lograr unha mobilidade marítima eficiente.
A segunda das mesas abordará os sistemas de propulsión que permitan reducir as emisións contaminantes e o uso de novos combustibles en buques, como poden ser os motores que consomen amoníaco, metanol ou hidróxeno, así como os sistemas de propulsión híbrida con almacenamento de enerxía e mesmo sistemas de captura de CO2 ou o uso da tecnoloxía nuclear.
A terceira mesa redonda está enfocada a coñecer os perfís máis demandados e identificar novas oportunidades laborais no sector, tamén ligadas ao mundo offshore e do gas.
Ademais destas tres mesas redondas, o xoves haberá un relatorio de apertura sobre a presenza da muller no mundo mariño e a presentación de WISTA (Women's International Shipping & Trading Association).
O evento conta co patrocinio da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) da Unión Europea.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.