//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
O Comité pretende aproveitar as capacidades da industria galega para a fabricación do equipamento que máis se está necesitando nos centros hospitalarios, nos centros de atención a maiores e persoas con discapacidade, e noutros lugares de traballo: EPIs, luvas, mascarillas, produtos desinfectantes ou pezas para respiradores. As propostas estanse canalizando a través da plataforma Marketplace que está xestionando xa 55 propostas viables. Destacan os EPIS doados por Ceaga, as batas médicas xestionadas polo clúster téxtil Cointega, os mandís impermeables que fabrica a industria do plástico, pantallas protectoras, respiradores que están fabricando Bendix e Cinfa, ou o pedido de mascarillas no que colabora Gabadi.
Unha das facetas máis complexas da loita contra o COVID-19 é comprender como se comporta o virus e como pode evolucionar. Con este obxectivo, o grupo de investigación MODESTYA da USC desenvolveu un modelo preditivo do Coronavirus, que está dispoñible nunha
aplicación web interactiva. A ferramenta permite predicir a evolución do virus nun horizonte temporal de tres días, baseándose no seu comportamento nos quince días anteriores. Este modelo de predición de casos futuros serve para coñecer a situación de España, pero tamén do resto de países ou rexións do mundo e por comunidade autónomas dentro do Estado. A base de datos empregada para alimentar esta ferramenta usa os casos diarios confirmados e falecidos por rexión, extraídos da evolución da pandemia en todo o mundo.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da app Gohu, vén de activar unha canle de novas dirixida a empresas e autónomos a través da que poderán recibir toda a información de interese relacionada coas medidas que se están a adoptar desde a Xunta -especialmente no ámbito económico e laboral- con motivo do estado de alarma polo coronavirus. As persoas interesadas deben descargar a aplicación desde Google Play Store ou Apple Store; crear un usuario; e introducir o enderezo postal. Deste xeito, a plataforma poderá enviar a información ao usuario e este recibila en tempo real.
A Axencia Galega de Innovación (Gain) ten aberta unha chamada a todos os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o coronavirus. Búscanse solucións innovadoras que se poida desenvolver de xeito inmediato e que poderán ser presentadas ata o vindeiro venres 27 de marzo. Trátase de proxectos para ámbitos directamente relacionados co brote de COVID-19, como, por exemplo, novos dispositivos de intervención ou tratamento; solucións innovadoras para fabricación de ventiladores invasivos; equipos de protección individuais ou colectivos (mascarillas, cortinas, traxes, gorros, luvas...); detección e destrución do virus; sistemas ou produtos de desinfección.
O espazo A Molinera acolleu hoxe a primeira reunión para perfilar as liñas económicas e os aspectos de organización e coordinación para a posta en marcha do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense. No encontro participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director xeral do Igape, Juan Manuel Cividanes; o director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García; o vicerreitor adxunto de Investigación e Transferencia da UNED, Julio González; o interventor do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, e o profesor da Universidade de Vigo David Olivieri.
Chámase ELBA (Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia), e durante o vindeiros tres anos contribuirá a mellorar a capacitación e formación de investigadores europeos e asiáticos no ámbito da análise de grandes cantidades de datos. O novo proxecto, que arrincou oficialmente hoxe coa reunión de lanzamento na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC), estará en vigor ata finais de 2022 e disporá dunha dotación orzamentaria próxima ao millón de euros (994.968). Un consorcio liderado desde o CiTIUS polo investigador David E. Losada, que conta coa participación dos tamén investigadores do centro Paula López e Tomás Fernández Pena e o Servizo de Relacións Exteriores da USC (SRE).
Galicia tivo presenza hoxe en Bruxelas na segunda reunión de CIVEX do novo mandato 2020-2025 do CdR. Dos catro debates celebrados, salienta o dedicado a como utilizar as novas ferramentas dixitais para mellorar os servizos públicos e achegar o proceso de toma de decisións o máis posible aos cidadáns. Este debate precede á elaboración dun ditame que será aprobado o próximo verán e encádrase na nova política dixital europea que vén de anunciar a Comisión Europea. Galicia presentou o camiño percorrido dende a adopción dunha primeira axenda dixital en 2010 ata a actual Axenda Dixital 2020, pasando pola aprobación da Lei da Administración Dixital de Galicia o ano pasado.
Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural. Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica. No primeiro semestre, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.
Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.
A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade e aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real.
O enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador Andrés Comerma y Batalla será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público. O carácter polifacético e visionario deste intelectual, xunto coas importantes achegas en termos de progreso e modernidade que o seu traballo supuxo para Galicia, foron os principais motivos da súa elección unánime por parte do pleno da RAGC. O acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, pero a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas a Comerma.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol da UDC acolle, o vindeiro luns 14 de outubro, a primeira das conferencias do Ciclo 'Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade', que organiza un grupo de profesores e profesoras do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, foi o encargado de inaugurar este venres no campus de Vigo a V edición do seminario SPERTUS, a Plataforma Ibérica de Transición Enerxética e Competitividade Industrial, un encontro de 70 especialistas dirixido a analizar os retos tecnolóxicos, industriais e sociais do cambio de modelo enerxético.
Con éxito e unha notable participación internacional, concluíu hoxe 3 de outubro o congreso da Polymer Processing Society (PPS) que se iniciou en Ferrol o 30 de setembro. Este prestixioso evento científico reuniu a preto de 250 investigadoras e investigadores de 29 países, e consolidou Ferrol como centro de referencia na investigación sobre o procesamento de polímeros.
A Universidade da Coruña e a Fundación Princesa de Girona celebrarán o vindeiro luns, día 7 de outubro, a xornada 'Talento novo e impacto profesional na IA', que se enmarca dentro do programa 'Xeración Talento' e que servirá tamén para explicar en detalle esta iniciativa. O evento, que comezará ás 10:00 horas no edificio da Reirotía da UDC, contará cunha conferencia de apertura a cargo de Nacho Belda, director xeral da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), baixo o título 'AI que poñer límites?'
Un equipo de investigación de atlanTTic acaba de presentar, no marco dunha xornada organizada por Afaga, os resultados do proxecto Sapiens (Services & Applications for Healthy Ageing), unha iniciativa que tiña como obxectivo o deseño de ferramentas para a detección do deterioro cognitivo e a depresión mediante altofalantes intelixentes adestrados con intelixencia artificial.
A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa crearon os Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves, co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia e dar recoñecemento e potenciar as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros galegos.
As comunidades mariñas están a experimentar cambios significativos baixo a influencia de diversos factores, como o cambio climático, a extracción de recursos naturais, a contaminación, a degradación do hábitat e as especies invasoras, o que dá especial relevancia a iniciativas como a Rede Europea de Observación da Biodiversidade Mariña Ómica, EMO BON, un marco de observación da biodiversidade para Europa.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña coordinará durante os vindeiros catro anos o proxecto europeo DRYAD, consistente na demostración e modelización de solucións baseadas na natureza (SBN) para mellorar a resiliencia dos ecosistemas e paisaxes agrosilvopastorís mediterráneos, co obxectivo promover as prácticas sostibles e resilientes ao clima e facilitar plans rexionais de adaptación.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu este venres a presentación do proxecto Rentur (Rendibilidade social nas decisións de investimento do turismo post-pandémico: clave para o desenvolvemento sostible en destinos de interior). Nel, un equipo da Universidade de Vigo leva a cabo o deseño e desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a avaliación da rendibilidade social de proxectos e produtos turísticos.
Este ano cómprese unha década da posta en marcha do programa Iacobus, iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que fomenta a cooperación e intercambio de persoal docente, investigador e de administración e servizos do ámbito da educación superior galega e portuguesa. Co gallo desta conmemoración, o campus de Ourense acollerá o mércores 18 de setembro a celebración do I Congreso do Programa Iacobus.