Notas de prensa

O proxecto Rentur desenvolve unha ferramenta para avaliar a rendibilidade social de iniciativas turísticas

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu este venres a presentación do proxecto Rentur (Rendibilidade social nas decisións de investimento do turismo post-pandémico: clave para o desenvolvemento sostible en destinos de interior). Nel, un equipo da Universidade de Vigo leva a cabo o deseño e desenvolvemento dunha ferramenta innovadora para a avaliación da rendibilidade social de proxectos e produtos turísticos.

O proxecto está desenvolvido por membros do grupo de investigación Emitur-Márketing e Turismo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Diego R. Toubes é o seu investigador principal, estando ademais as e os investigadores Elisa Alén, Trinidad Domínguez e Pablo de Carlos e un equipo técnico formado por Santiago Pérez, Iago Barreiro e Sergio Martínez. Rentur conta con financiamento do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo e da Unión Europea-Next Generation EU/Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. O estudo arrancou a principios de 2023 e está na actualidade na súa recta final.

O sector turístico, explican desde Rentur, “enfróntase ao desafío de reconciliar o crecemento económico coa sostibilidade”. Neste senso, o proxecto presentado parte da premisa de que calquera iniciativa neste sector debe xerar beneficios económicos pero tamén sociais. “Tradicionalmente no ámbito turístico só se valorou a rendibilidade financeira. Isto contrasta coa crecente preocupación pola sostibilidade e os obxectivos de desenvolvemento sostible”, detalla o equipo investigador.

Utilidade para administracións e sector privado

Na ferramenta deseñada aplícase unha metodoloxía da análise custo-beneficio para cuantificar os impactos ambientais, sociais e económicos dos proxectos e produtos turísticos. “Un dos aspectos máis innovadores é a incorporación de indicadores sociais e ambientais, e non só económicos, para a valoración integral dos proxectos. Isto permite ter en conta dimensións ata o de agora obviadas, como a calidade do emprego, a inclusión de colectivos desfavorecidos ou a protección do patrimonio natural”, afirman os responsables da iniciativa. Ademais clasifica os impactos en diferentes categorías segundo a súa prioridade, con variables adaptadas ao contexto local e así ofrece un modelo que pode replicarse en diferentes destinos de interior.

Neste senso, outro elemento crave do modelo proposto é a participación de axentes locais na definición de variables e indicadores, para axustalos ás necesidades e particularidades de cada territorio. Así, a ferramenta pode orientarse a resolver problemáticas concretas de despoboamento, cohesión social ou conservación ambiental, comentan os seus responsables. O prototipo foi probado utilizando como caso de estudo o Plan de Sostibilidade Turística en Destino Ourense Termal, avaliando os seus impactos.

A ferramenta resultante, indican os seus responsables, “preséntase como un valioso apoio tanto para as administracións como para o sector privado”. Por unha banda, detallan, permite valorar alternativas e tomar decisións aliñadas co desenvolvemento sostible, en beneficio das comunidades locais. Por outra, un dos principais valores do proxecto é a súa utilidade para as pemes turísticas. A pandemia, comenta o equipo investigador, acelerou tendencias como a dixitalización, a economía verde e o turismo de proximidade. A aplicación da ferramenta proposta, sinalan, “permitirá ter unha visión máis integral dos proxectos turísticos, considerando tamén os seus impactos sociais e ambientais”.

Universidade de Vigo, 2024-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES