Noticias

Unha app interactiva anticipa a posible evolución do COVID-19

Unha das facetas máis complexas da loita contra o COVID-19 é comprender como se comporta o virus e como pode evolucionar. Con este obxectivo, o grupo de investigación MODESTYA da USC desenvolveu un modelo preditivo do Coronavirus, que está dispoñible nunha aplicación web interactiva. A ferramenta permite predicir a evolución do virus nun horizonte temporal de tres días, baseándose no seu comportamento nos quince días anteriores. Este modelo de predición de casos futuros serve para coñecer a situación de España, pero tamén do resto de países ou rexións do mundo e por comunidade autónomas dentro do Estado. A base de datos empregada para alimentar esta ferramenta usa os casos diarios confirmados e falecidos por rexión, extraídos da evolución da pandemia en todo o mundo.

A aplicación presenta tres parámetros con distintas posibilidades a escoller. No primeiro deles, ‘Model’, o usuario decide entre tres opcións de modelos axustados. Un lineal (FLM), outro aditivo (FSAM) e outro non paramétrico (FNP). Os dous últimos son máis flexibles que o primeiro dada a heteroxeneidade dos datos que empregan.

O segundo parámetro, 'Variable', serve para determinar se a predición vai ser dos casos confirmados ('confirmed') con COVID-19 ou falecidos ('deaths') por esta enfermidade. En ambos casos, a predición será para un horizonte de tres días. Para rematar, 'Country/Region' permite seleccionar o país do que se fará a predición, baseándose nos datos rexistrados nesa área.

Con toda esta información, a aplicación web proporciona tres gráficas, aloxadas en tres pestanas. A primeira, ‘Cumulative cases’ amosa a evolución dos casos acumulados de casos confirmados ou falecidos nos últimos quince días, e a predición para os seguintes tres. A segunda, ‘Growth rate’, amosa a evolución do ratio de crecemento da variable nas dúas semanas previas, e a predición para os próximos tres días.

Para rematar, ‘Daily cases’ expón os casos diarios da enfermidade e predí a evolución nos seguintes tres días. Ademais, unha cuarta pestana, ‘About’, recolle brevemente a información do estudo realizado: fontes, metodoloxía,...

Nas tres gráficas, a predición amosa datos de tres escenarios posibles: os valores axustados representados cunha liña continua, e os límites inferior e superior, representados cunha liña discontinua. En cada unha das tres pestanas, na parte inferior da páxina, aparecen recollidas nunha táboa as cifras de predición.

Manuel Febrero e Wenceslao González, catedráticos de Estatística, Análise Matemático e Optimización, e Manuel Oviedo, investigador da USC, son os membros do grupo MODESTYA que levan traballando nesta aplicación desde o principio da pandemia. “A ferramenta estatística son os modelos de regresión funcional con resposta escalar, para o cal se emprega a libraría fda.usc, da que é coautor xunto con Manuel Febrero”, explica Oviedo.

Empregando esta aplicación, Febrero elabora informes diarios sobre o estado da cuestión. Tanto a información que facilita a App coma os informes diarios envíanse ao CEMat, en resposta á súa iniciativa de predición cooperativa a curto prazo, ‘Acción Matemática contra el Coronavirus’.

R., 2020-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES