Na presentación do evento que tivo lugar este xoves no campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor deste campus, amosou a satisfacción e agradecemento da institución académica pola elección de Ourense para acoller a celebración deste primeiro congreso. O responsable académico puxo en valor o interese do programa Iacobus, do que el mesmo participou como docente e investigador, e da colaboración que ao seu redor se articula. Esta colaboración transfronteiriza, afirmou, non suma senón que multiplica o impacto das accións levadas a cabo.
Pola súa banda, Xosé Lago, subdirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), entidade que xestiona o programa Iacobus, explicou como esta iniciativa foi evolucionando ao longo dunha década ata abranguer na actualidade 39 entidades galego-portuguesas de educación superior e centros tecnolóxicos. A celebración deste primeiro congreso, indicou, pretende reunir ás entidades implicadas e persoas beneficiarias del co obxectivo de aprender todos de todos, mellorar e trasladar á sociedade o interese e resultados desta iniciativa. Pola súa banda, Ángel Miramontes, director da Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal), subliñou a efectividade e produtividade desde todos os puntos de vista do programa e a súa contribución ao traballo en unión dun territorio que mantén unhas relacións tan sólidas como é Galicia e o Norte de Portugal.
Estadías, patentes e artigos conxuntos
As tres universidades públicas galegas (Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela), así como as universidades lusas de Porto, Minho, Trás-Os-Montes e Alto Douro, Católica Portuguesa e os institutos politécnicos de Porto, Viana do Castelo e Bragança, participan no programa Iacobus xunto a centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas. Nesta década de existencia, indican desde a organización do congreso, a iniciativa destinou máis de dous millóns de euros a financiar estadías de investigación (máis de 1400 desde o seu inicio), patentes e artigos conxuntos publicados en revistas científicas, contando co apoio da Unión Europea a través do Programa Interreg, concretamente do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (Poctep), que achega ata o 75% do investimento.
Arredor de 150 persoas asistirán a este primeiro congreso, que está previsto que sexa inaugurado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e António Cunha, presidente do CCDR Norte (Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte-Portugal), contando ademais coas intervencións de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; António Sousa Pereira, reitor da Universidade do Porto, e Nuno Almeida, director do GNP-AECT. Ao longo da xornada, que terá lugar no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico, Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Emídio Gomes, ex presidente do CCDR Norte e actual reitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, explicarán como se creou este programa e a súa misión. Posteriormente, Jorge Sobrado, vicepresidente da CCDR-Norte; Xosé Lago, subdirector de GNP-AECT, e Ángel Miramontes, director da Fundación CEER, farán balance destes dez anos de cooperación.
Xa nas sesións da tarde, haberá unha mesa redonda sobre a Visión das institucións participantes sobre o programa Iacobus e unha conferencia sobre a experiencia de participantes nesta iniciativa. Pechará o programa o vicerreitor do campus de Ourense. Por último, no evento darase ademais entrada a dúas novas institucións (o Centro Tecnolóxico Clúster da Acuicultura e o Centro de Interface Tecnológico e Industrial) que pasarán a beneficiarse do programa Iacobus, cuxa nova convocatoria está previsto que teña lugar en novembro.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.