Notas de prensa

Conclúe o Polymer Processing, que reuniu no Campus de Ferrol a máis de 250 persoas

Con éxito e unha notable participación internacional, concluíu hoxe 3 de outubro o congreso da Polymer Processing Society (PPS) que se iniciou en Ferrol o 30 de setembro. Este prestixioso evento científico reuniu a preto de 250 investigadoras e investigadores de 29 países, e consolidou Ferrol como centro de referencia na investigación sobre o procesamento de polímeros.

Durante catro días, máis de 200 presentacións científicas e conferencias destacadas ofreceron unha visión avanzada sobre os últimos desenvolvementos na industria dos polímeros, con especial énfase na sustentabilidade, a economía circular e a innovación en materiais.

O congreso tivo diversos momentos clave, entre os que cabe salientarmos a cerimonia de recepción o 30 de setembro en Exponav, na que participaron diferentes autoridades, así como a inauguración institucional, que tivo lugar o 1 de outubro no Campus Industrial de Ferrol. Nela, Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña; e Marcos Míguez, o director do campus; entre outras autoridades, puxeron de manifesto a relevancia deste congreso para o avance científico e a proxección internacional da cidade.

Momentos relevantes deste encontro internacional foron as conferencias plenarias (plenary speakers) e as impartidas por líderes da industria (industrial keynotes), como Navantia e Airbus. Entre estas persoas, Mariano Campoy (ICMAB-CSIC) destacou os avances vinculados á electrónica orgánica para producir enerxía solar, mentres que Víctor Casal (Navantia) falou da relevancia das tecnoloxías de fabricación aditiva aplicadas ao ámbito naval, especialmente a impresión 3D de materiais poliméricos para substituír pezas metálicas; pola súa vez, Zulima Martín (Airbus) presentou avances sobre materiais compostos aplicados á industria aeroespacial. Así mesmo, subliñouse o éxito das conferencias impartidas por outro persoal científico de renome como Walter Focke, Suryasarathi Bose, Álvaro Goyanes e Celina Bernal, que abordaron temas sobre polímeros avanzados aplicados en diversas industrias, con especial énfase no ecodeseño e a reciclaxe.

A isto hai que sumarlle unha cea de gala na que se homenaxeou ao investigador do Departamento de Enxeñaría de Polímeros da Universidade do Minho (Portugal), José Antonio Covas; e á investigadora da Universidade de Bos Aires (Arxentina), Celina Bernal, quen están próximos á súa xubilación. Do mesmo xeito, tamén se recoñeceu a traxectoria da investigadora do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), María del Carmen Ramírez, quen tamén rematou a súa etapa laboral na Universidade da Coruña hai un par de semanas.

Ana Ares, presidenta do comité organizador, puxo de relevo na súa intervención final as cifras do congreso: “Con máis de 250 asistentes de 29 países, o evento reafirma a importancia da colaboración internacional para afrontar os desafíos tecnolóxicos do sector”.

A clausura institucional, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial, contou coa participación da concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga; e o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas; que agradeceron o impacto positivo do evento na proxección internacional da cidade. A conferencia tamén serviu de plataforma para empresas que buscan integrar as novas tecnoloxías de procesamento de polímeros, ao tempo que promoven a innovación sostible e a competitividade industrial.

O congreso PPS 2024 concluíu cun optimismo compartido sobre o futuro do procesamento de polímeros e cun forte compromiso coa investigación de tecnoloxías que apoien unha transición cara a un modelo industrial máis sostible. As próximas edicións do congreso levaranse a cabo en Nova Zelandia en abril de 2025 e Canadá en setembro dese mesmo ano.

Liderado do CITENI

O Polymer Processing 2024 estivo organizado por persoal investigador vinculado ao Grupo de Polímeros, ao Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) e ao Grupo Integrado de Enxeñaría, todos eles vencellados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da UDC. Con todo, o congreso contou co apoio do Campus Industrial e da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, do Concello de Ferrol, Navantia, Exponav e máis da empresa Airbus.

A maiores, patrocinaron este encontro internacional a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, promovida pola Universidade da Coruña xunto con Navantia e adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o Instituto Multidisciplinario de Publicacións Dixitais e as empresas Netsch , Waters-TA Instruments, Tecnosa-Explore e Anton Paar.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES