Notas de prensa

Premios para as mellores investigadoras e investigadores galegos de ata 40 anos

A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa crearon os Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves, co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia e dar recoñecemento e potenciar as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros galegos.

Acaba de publicarse a primeira convocatoria deste certame, que terá unha periodicidade bienal e distinguirá tres ramas de coñecemento, cunha dotación de 5000 euros cada un dos tres premios. Por un lado, recoñecerase a contribución da investigación ao desenvolvemento das Ciencias Básicas en Galicia, en calquera dos campos da física, a química, as matemáticas, a bioloxía, as ciencias biomédicas e a xeoloxía. Ademais, premiarase o impacto da investigación no desenvolvemento das Ciencias Sociais na nosa comunidade nos eidos da economía, a socioloxía, a antropoloxía social e a psicoloxía social. Por último, na rama das Ciencias Técnicas recoñecerase a contribución da investigación ao desenvolvemento tecnolóxico nas áreas da enxeñaría e a arquitectura, valorando o grao de innovación e a súa aplicabilidade. En cada unha das categorías poderá concederse un accésit.

Tal como se recolle nas bases do certame, poderán presentar a súa candidatura todos aqueles investigadores e investigadoras que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que foran nais ou das persoas con algunha incapacidade.

O 15 de outubro remata o prazo para presentar as candidaturas a estes premios

As candidaturas deberán presentarse a través dun formulario específico na web da RAGC (www.ragc.gal), describindo a traxectoria investigadora. Valorarase a contribución á creación de coñecemento por medio de publicacións en libros e revistas, a traxectoria internacional, a dirección ou participación en proxectos e captación de fondos para investigación, a dirección de teses de doutoramento e de proxectos fin de máster, así como a difusión da ciencia á sociedade. O prazo da convocatoria remata o vindeiro 15 de outubro. As premiadas e premiados recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará en decembro.

Real Academia Galega de Ciencias, 2024-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES