Notas de prensa

70 especialistas debaten no campus sobre transición enerxética e competitividade industrial

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, foi o encargado de inaugurar este venres no campus de Vigo a V edición do seminario SPERTUS, a Plataforma Ibérica de Transición Enerxética e Competitividade Industrial, un encontro de 70 especialistas dirixido a analizar os retos tecnolóxicos, industriais e sociais do cambio de modelo enerxético.

Organizado pola Cámara Mineira Oficial de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Universidade de Vigo e o Inega, a apertura do encontro contou coa participación do presidente fundador de SPERTUS, o profesor da USC Luis Varela Cabo; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso Prieto, e o representante da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan Ricoy Alonso.

A transición enerxética, entendida como a gran transformación das fontes e infraestruturas enerxéticas actuais por fontes e redes enerxéticas estables que contribúan á descarbonización é, tal e como se expuxo neste encontro, un gran reto mundial. A nivel europeo, significa non só a descarbonización, senón tamén a independencia enerxética, e supoñerá un importante reequilibrio da actual arquitectura da Unión Europea, que transformará aos países do sur, concretamente á península ibérica, nun importante centro enerxético do continente. Ao seu modo de ver, esta transición debe ser xusta, sen deixar a ninguén atrás e fomentando a solidariedade entre as rexións e os Estados membros da UE, neutralizando as profundas diferenzas de status rexional e de custos do proceso nas distintas etapas do seu desenvolvemento.

As materiais primas da UE, claves para afrontar a transformación

Na presente edición de Spertus o debate céntrase na necesidade de dispoñer das materias primas necesarias para esa gran transformación, convidando á investigación dos recursos dispoñibles en territorio europeo para reducir o risco de dependencia exterior; todo dentro do marco de desenvolvemento e aplicación dos criterios dunha minaría eficiente e sostible, compatible coa capacidade económica, a protección ambiental e a satisfacción das persoas, tanto dos propios traballadores e traballadoras do sector como da contorna. En concreto, abórdase o papel de España e Portugal como grandes produtores potenciais de minerais estratéxicos, como o litio, analizando os principais proxectos actuais e futuros a desenvolver conxuntamente.

Nas distintas mesas redondas afóndase en asuntos tan importantes como a seguridade enerxética, a mobilidade e o impacto social, así como as cuestións científicas e tecnolóxicas asociadas á transición enerxética, con especial atención ás iniciativas conxuntas sobre o litio e as materias primas, así como aos proxectos sobre o hidróxeno verde, e a como deben servir de panca para a súa industrialización en sectores tecnoloxicamente avanzados, promovendo unha maior cohesión europea.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-10-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES