
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernándo Suárez, e, renovaron recentemente a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo con tres liñas de actuación para desenvolver ao longo deste ano, centradas na realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia.
O convenio, enmarcado dentro da Axenda Dixital de Galicia 2020, recolle a realización de actividades e accións de difusión da Sociedade Dixital de Galicia, a celebración da terceira edición do Programa Tech Kids e xornadas formativas para traballadores dos sectores TIC e de administración e servizos.
Desafíos científicos para os máis pequenos
Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará en 2020 un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.
A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade, aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real e potenciarán habilidades e competencias como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación, e participarán en torneos e celebracións en formato deportivo.
Actividades de difusión
O CPEIG realizará tamén ata seis cursos de distintas temáticas orientados a especialización de ata 300 profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado e innovación para poñer en valor o papel fundamental das TIC no camiño cara á mellora económica de Galicia. A Amtega achegará ao CPEIG 65.000 euros para o desenvolvemento destas actividades.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.