Noticias

A Cidade da Cultura convida a festexar a primavera correndo a Holi Gaiás o sábado 8 de xuño

A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.

Aínda que o máis importante non é a competición, si haberá premios nas categorías infantil e adulta para as mellores clasificacións.

A proba está organizada pola Xunta a través da Cidade da Cultura e patrocinada por Viaqua, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis. Está aberta a persoas tanto federadas como non federadas e a idade mínima para participar é a das persoas nadas antes do 31 de decembro de 2020.

Información práctica

A saída da Holi Gaiás, cun circuíto de 5 kilómetros, será ás 12.00 horas e nela participan a categoría infantil (nados do 2009 ao 2014) e adulta (nados no 2008 e anos anteriores). Pola súa banda, a cativada que participe na Peque Holi (nados entre o 2015 e o 2020) farán un percorrido de 700 metros con saída ás 11.30 horas. Os nenos e nenas nesta última proba poden ir acompañados dunha persoa adulta.

As inscricións xa están abertas na páxina www.carreirasgalegas.com, cun custo de 5 euros por dorsal e 3€ para a Peque Holi. O prazo para apuntarse remata o 5 de xuño ás e a recollida de dorsais realizarase na propia Cidade da Cultura durante o venres 7 de xuño e o mesmo día da carreira ata as 11.00 horas para a proba dos pequenos e ata as 11.30 para a carreira principal. Toda a información sobre as bases, o seu regulamento e a inscrición atópanse na páxina www.cidadedacultura.gal.

R., 2024-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES