Notas de prensa

A UVigo e o Hospital Álvaro Cunqueiro desenvolven un programa de exercicio con realidade virtual para menores en tratamento oncolóxico

Contribuír ao benestar físico e psicolóxico das e dos menores que se enfrontan a un tratamento oncolóxico. Ese é o obxectivo da liña de traballo que desenvolven investigadores do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo, e do grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, xunto o Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Vigo.

A través de programas de exercicio terapéutico de oito semanas, baseados no uso de videoxogos que implican movemento nuns lentes de realidade virtual, o propósito desta iniciativa é que as e os menores poidan realizar terapias baseadas no movemento”, en momentos “nos que non poden saír do domicilio”, como explica Pablo Campo, investigador do grupo HealthyFit, pertencente tamén ao IIS Galicia Sur.

“Os videoxogos son algo próximo para eles e dannos a opción de que traballen un pouco desde o punto de vista físico e cognitivo”, sinala Campo, que este venres impartía un curso de adestramento a persoal dos servizos de Pediatría e Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que este expuxo aspectos técnicos e de manexo destas tecnoloxías para a súa correcta aplicación e obtención de resultados. Ademais, esta xornada formativa tivo tamén como obxecto que este tipo de tecnoloxías poidan servir de apoio na asistencia a nenas, nenos e adolescentes no Hospital de Día, mediante o emprego deste tipo de dispositivos.

“Os tratamentos de quimioterapia aos que teñen que enfrontarse as e os menores xeran unha serie de efectos adversos, como perda de masa muscular ou edemas, que o exercicio axuda a minimizar”, engade a doutora María Tallón, oncóloga pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro, promotora desta experiencia e investigadora deste grupo Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica, que coordina a responsable do servizo de pediatría, Ana Concheiro. “Contribuír á mobilidade de pacientes menores que están sendo sometidos a longas terapias que inflúen no seu manexo cotiá é esencial, xa que axudan, non só a mellorar o que corresponde a manter un físico saudable, senón a unha mellor actitude psicolóxica, que favorece o seu proceso de recuperación”, engadiu nese senso Tallón, que incide en que “a elección deste tipo de tecnoloxías é atractiva e de fácil emprego polas nenas e nenos, o que supón un método moi axeitado para alcanzar estes obxectivos”.

Unha experiencia piloto á que se dá continuidade

A iniciativa comezou cunha proba piloto cun mozo co que levouse a cabo un programa de oito semanas, cuns resultados “moi positivos”, como recoñece Campo, investigador da Facultade de Fisioterapia. Coa colaboración da asociación Bicos de Papel, a Fundación García Chillón e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), puido darse continuidade a esta iniciativa, na que participaron xa unha decena de nenos, nenas a adolescentes, de entre 6 e 16 anos. Este grupo leva a cabo este programa nos seus domicilios despois de someterse á quimioterapia, durante o propio tratamento ou, “nalgúns casos, antes de inicialo”, explica Campo, coa idea de que poidan afrontalo “nas mellores condicións físicas e funcionais”. Trátase, lembra, dun programa “cunhas pautas moi específicas”, que implican a realización de sesións, cos videoxogos seleccionados, de entre cinco e nove minutos, “un mínimo de tres días por semana e un máximo de seis”, coa idea de que poidan levalos a cabo “no momento no que o neno se atope mellor e con máis enerxía”. Para iso, sinala, “contamos coa colaboración de pais e nais”, cos que se realiza unha sesión informativa previa, “como “cun seguimento remoto dos equipos”.

Unha liña de investigación por desenvolver

Ao inicio e remate do programa realízase ademais unha avaliación dirixida a coñecer a evolución dunha serie de variables antropométricas e de capacidades físicas e funcionais. Ata o de agora, “todos melloran a súa forza, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria, aspectos ligados á coordinación e tempos de resposta...”, recoñece Campo. Nese senso, dar continuidade ao programa permitirá tamén seguir reunindo datos para levar a cabo unha investigación pioneira xa que, apunta, “ata onde chega o noso coñecemento non hai un programa parecido en ningún hospital español”. De xeito paralelo tamén se realiza unha avaliación “de valores específicos de saúde mental e doutros aspectos relevantes”, por parte da oncóloga pediátrica María Tallón, que formará parte da súa tese de doutoramento.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES