Actualidad de Sociedad

Noticias sociedad

A Xunta de Galicia e os gobernos doutras 12 comunidades e cidades autónomas —Andalucía, Aragón, Baleares, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia, Valencia, Ceuta e Melilla— acaban de dirixirse ao Executivo central para exixirlle que lles envíe “no prazo máis breve posible” o informe preliminar sobre a situación do lobo en España, paso previo e imprescindible para poder sometelo á aprobación por parte das comunidades antes da súa remisión á Comisión Europea.
O festival desenvolverase no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop. A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana. O dúo compostelán Boyanka Kostova pechará o festival Acento 2025 coa súa proposta retranqueira, na que o urbano e os sons máis contemporáneos conviven co tradicional.
No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vénse de activar a alerta nivel 1 por episodio de calor. O episodio comeza hoxe, 17 de xuño, prevéndose unha duración de 4 días. Segundo informa Meteogalicia, as altas presións permanecerán estacionarias ao norte da península Ibérica durante esta semana. Desde esa posición, achegarán a suficiente estabilidade para que o predominio sexa de ceo despexado. Ademais irán atraendo unha masa de aire moi cálida procedente do sur da península Ibérica e do norte de África, o que ocasionará un importante aumento nas temperaturas.
A Real Academia Galega incorpora doce novos concellos das catro provincias galegas á nova edición da campaña 'Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra', coa que se salvagarda e divulga o importante patrimonio inmaterial que atesoura a toponimia galega. Este proxecto conta xa con case 4.000 colaboradores e preto de 90.000 microtopónimos recuperados desde que se puxo en marcha en 2019, e conta coa innovadora aplicación Galicia Nomeada, a través da cal os colaboradores poden achegar nomes de lugares, montes, leiras, fontes, camiños, regos, ou devesas dos que teñan constancia, evitando que cheguen a perderse.
As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso catro dobres graos e 12 másteres de nova implantación, dentro das 17.102 prazas universitarias totais dispoñibles, tal e como avaliou o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe. Coma todos os anos, a oferta deberá ser ratificada definitivamente polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Conferencia General de Política Universitaria. No que atinxe ás titulacións de grao, condicionado á resolución de verificación favorable a nivel estatal, o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe autorizou a implantación de dobres graos nas universidades da Coruña e de Vigo.
Os datos oficiais ratifican que Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos, manténdose por riba do 60% e superando en case 13 puntos a media de España. Esta porcentaxe sitúa á comunidade galega ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca. A conselleira Fabiola García destacou que este liderado é consecuencia directa da aplicación do programa da gratuidade da Xunta, xa que desde que se comezou a implantar hai tres cursos a porcentaxe de matriculacións neste 1º ciclo de Educación Infantil aumentou en 14 puntos.
Os concellos de Larouco, A Rúa e O Barco de Valdeorras, en Ourense, acollerán os meses de xuño, xullo e agosto a primeira edición do Festival ‘Entre Covas: Festival de Artes e Enoturismo de Valdeorras’, organizado pola Ruta do Viño de Valdeorras. O Festival 'Entre Covas' dará comezo o 20 de xuño na Cova da Xabreira cun espectáculo de maxia; o 18 de xullo será nas covas da Adega Melilla, Joaquín Rebolledo e Alán de Val con distintos expoñentes de música tradicional e, finalmente, o 22 de agosto será a cova das adegas Blare, que acollerá un espectáculo de danza contemporánea. O aforo será limitado debido ao espazo reducido das covas.
Galicia é a comunidade con mellores indicadores de pobreza. Así o reflicte o último informe publicado onte pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN) que analiza os datos correspondentes ao ano 2024. A EAPN recalca que a taxa AROPE, que mide o risco de pobreza e exclusión social, se situou en Galicia no 18’8%, unha cifra que se sitúa sete puntos por debaixo da rexistrada en promedio no conxunto do Estado que é dun 25,8%. Este indicador tamén revela que a comunidade galega presenta os mellores datos no que se refire á situación da infancia, que representa só o 17,5%, 17 puntos por debaixo da media estatal, que é do 34,6%.
O festival Meirasland incorpora este ano a música electrónica á oferta dos Concertos do Xacobeo. A segunda edición desta cita que terá lugar o próximo 9 de agosto no campo da festa do Porto, en Meirás. Entre os primeiros nomes confirmados do evento destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento e o DJ compostelán Kike Varela. Ademais da vertente musical, a oferta do festival incluirá foodtrucks, zonas de descanso e actividades paralelas para todos os públicos.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o novo fito acadado pola atención primaria galega ao conseguir cubrir a totalidade das prazas de formación convocadas para a especialidade de medicina e de enfermería comunitaria, un total de 260. Segundo explicou, 'Galicia terá a maior cobertura de prazas de formación en atención primaria dos últimos anos', ao lograr cubrir 207 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria e outras 53 no ámbito da enfermería. Caamaño destacou que este feito amosa que as propostas trasladadas polo Goberno galego ao Ministerio de Sanidade eran medidas necesarias e acertadas.
« Anterior | 16  de  401 | Siguiente »

Notas sociedad

Un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías organiza en Santiago a Masterclass Internacional de física de partículas que conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Será o martes 11 de febreiro na Facultade de Matemáticas da USC cando alumnas de 1º bacharelato de centros educativos de toda Galicia convivirán con investigadoras do IGFAE e o CERN.
Segundo unha investigación publicada recentemente na revista Ecology and Society, as áreas Mariñas Protexidas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e máis da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos, xeran importantes beneficios ambientais e sociais ao proporcionar Servizos Ecosistémicos Mariños, coñecidos como SEM.
A calidade de vida é un recurso estratéxico clave para mellorar a competitividade das cidades. Así o pon de manifesto o artigo 'Quality of life in cities: An outcome and a resource?', publicado no European Research on Management and Business Economics e que é froito do traballo desenvolvido por persoal investigador da USC e da UDC. O traballo afonda en como a calidade de vida é moito máis que un fin en si mesmo.
Como un traballo que 'fala das expectativas vitais na mocidade e pon en valor a diversidade' presenta a titulada en Comunicación Audiovisual Ashling Ocampo La casa de la abuela, unha curtametraxe de ficción que narra a historia dunha moza con síndrome de Down que anuncia a súa decisión de sacar o carné de conducir na festa do seu 18 aniversario e coa que se converte na gañadora do IV Concurso A Canteira-Augal.
O campus de Ourense acolleu o lanzamento de Iberlongeva. Programa Integral Dixitalizado, Baseado en Intelixencia Artificial, para a Promoción do Envellecemento Saudable. Nel, un equipo multidisciplinar das universidades de Vigo, Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança estudará a fraxilidade da poboación de máis de 60 anos na zona transfronteiriza e desenvolverá ferramentas para fomentar a saúde e aumentar a esperanza de vida.
A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu unha xornada sobre microcredenciais e as oportunidades de aprendizaxe que brindan estas acreditacións competenciais, con especial atención nesta ocasión para as persoas en situación de vulnerabilidade. O encontro de hoxe foi o marco para a presentación dun proxecto piloto realizado pola Red Acoge en colaboración coa UDC, co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e o Fondo Social Europeo
O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, xunto cos seus homólogos en Vigo e A Coruña, Manuel Reigosa e Ricardo Cao, asinaron este mércores co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, dous acordos en materia de I+D+i e de equipamento científico-técnico. Por unha banda, formalizáronse os acordos para accións estratéxicas de I+D+i no período 2023-2024, que supoñen unha inxección adicional de 4,6 millóns de euros, un 33% máis do inicialmente previsto.
A Universidade da Coruña celebrou hoxe reunión do seu Claustro, na que o equipo de Goberno fixo balance das diferentes actuacións realizadas ao longo destes meses á fronte da institución académica, período no que a participación, a humanización, a igualdade e a sustentabilidade están a marcar a súa xestión.
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organiza, en colaboración coa Facultade de Óptica e Optometría, un obradoiro de prismáticos e telescopios para examinar o ceo nocturno que se desenvolverá o xoves 28 de novembro, e o luns 2 e o martes 3 de decembro en horario de 19.30 a 21.00 horas. A primeira das xornadas desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Óptica e Optometría.
O Campus Industrial de Ferrol acollerá en 2025, concretamente, o 29 de marzo, a gran final da FIRST LEGO League España (FLL España), un evento organizado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña en colaboración con Ingeniera Soy baixo o patrocinio da Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES