Notas de prensa

Investigadores do CIM-UVigo avalían o impacto dos aditivos químicos do plástico no medio mariño

Os aditivos químicos son substancias que se agregan intencionalmente durante a fabricación de plásticos para mellorar algunhas das súas propiedades, como a resistencia á calor, a flexibilidade, a durabilidade ou a transparencia. A diferencia dos polímeros virxes, que maioritariamente son inocuos, os aditivos químicos poden causar toxicidade no material plástico final. Dado que entre o 61% e o 87% do lixo mariño son plásticos, cómpre avaliar o impacto ambiental que estes aditivos teñen nas contornas acuáticas.

Para obter información ao respecto, hai un ano púxose en marcha o proxecto Sapin, Safe Additives for the Plastic INdustry, desenvolvido de xeito conxunto entre a Universidade da Coruña, que é a entidade coordinadora, e a UVigo.

Á fronte do proxecto está a profesora da UDC Soledad Muniategui, do grupo de Química Ambiental, mentres que na UVigo o investigador principal é o catedrático Ricardo Beiras, do grupo Ecocost (Ecoloxía Costeira) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo. Beiras explica que Sapin xurde como continuación doutro proxecto desta mesma convocatoria, denominado Arpa-Acua (Alternativas Ambientalmente Respetuosas para Polimeros y sus Aditivos Químicos en Medio Acuático) co obxectivo de contribuír á redución do impacto do lixo nos ecosistemas mariños, apoiando o obxectivo principal da Directiva de Estratexias Mariñas, que é lograr o bo estado ambiental das augas.

Os investigadores detallan que os produtos químicos actualmente empregados como aditivos na fabricación de biopolímeros e pneumáticos, e ocasionalmente presentados como substitutos de aditivos perigosos (como polibromados, bisfenol-A ou ortoftalatos de baixo PM), causan disrupción endócrina, entre outros efectos, en organismos acuáticos. Por este motivo, a European Chemicals Agency’s (ECHA) así como outros reguladores esixen investigación prenormativa para o correcto rexistro e autorización de produtos químicos na UE. É neste contexto no que se sitúa Sapin, que busca contribuír a un mellor coñecemento científico-técnico e achegar esa evidencia científica prenormativa sólida na que basear as iniciativas lexislativas da UE sobre fabricación de plásticos e xestión dos seus residuos, (The European Green Deal, Estrategia de Plásticos, Directiva SUP EU 2019/904).

O traballo estenderase ata agosto de 2026, co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, a Agencia Estatal de Investigación e co cofinanciado pola Unión Europea, cun orzamento total de 163.750 euros.

Na procura de alternativas ambientalmente máis seguras

O obxectivo do equipo científico é que “os resultados do proxecto poidan promover a substitución progresiva de aditivos que por si mesmos ou os seus produtos de degradación provocan efectos nocivos, por alternativas ambientalmente máis seguras”. En concreto, destacan que o feito de poder contar cunha base de datos de acceso aberto de aditivos de plásticos dinamizará a comparación e a estandarización de métodos para testar o impacto destes aditivos empregados comercialmente, identificando substancias con mecanismos de acción similares que poderían representar un maior risco no medio mariño.

Ademais, os investigadores engaden que existe un factor que agrava o problema, xa que “a composición de aditivos en obxectos de plástico non se revela ao consumidor e a súa presencia potencial actualmente está limitando a reciclaxe a tipoloxías únicas (como botellas PET) e impedindo a reciclaxe como unha alternativa de fin de vida adecuada para un espectro moito maior de residuos, en liña, coas políticas actuais da UE.

Ferramentas de avaliación para ourizo de mar e peixiño cabeza de ovella

O equipo da UVigo neste proxecto está formando, ademais de polo catedrático Ricardo Beiras, por outro persoal do grupo Ecocost como Óscar Nieto (Química Analítica), Alexandre Martínez Schönemann (Ecotox), e Sara López Ibáñez (Ecotox, Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña), así como Begoña Espiña e Carla Sofía Leite Azavedo, como investigadoras externas do Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía, avaliando a potencial formación de nanopartículas por parte de algúns polímeros.

A parte do proxecto que desenvolven os científicos da UVigo céntrase nos aspectos de toxicoloxía ambiental, poñendo o foco en dous modelos mariños para os que Ecotox desenvolveu ferramentas de avaliación. Por unha banda, un test de embrión de ourizo de mar, que cubre os efectos a curto prazo dos tóxicos convencionais e, por outra, un test de disrupción endócrina con larvas de Cyprinodon variegatus, baseado na expresión diferencial de xenes que responden a estróxenos sintéticos e outros xenobióticos. “Estas ferramentas de avaliación rápidas e rendibles permiten á industria a elección de alternativas seguras para os aditivos funcionais e, ao tempo, proporcionan aos reguladores métodos sensibles para a avaliación a priori de risco ambiental”. Especificamente, Sapin proba tres tipos de materiais: aditivos actualmente utilizados na fabricación de materiais poliméricos sospeitosos de disrupción endócrina (MBT, TCEP, bisfenois, ortoftalatos); desgaste de pneumáticos e bioplásticos.

O proxecto leva xa máis dun ano en funcionamento e, neste tempo, como avanza o catedrático Ricardo Beiras, xa realizaron avances significativos. “Atopamos que os plásticos compostables, moi utilizados xa en bolsas de alimentación finas tipo froitería, teñen unha degradación mecánica no mar moito máis rápida que as convencionais de polietileno, pero en contrapartida son lixeiramente máis tóxicas para o plancto”. Estes avances foron publicados na revista Environmental Pollution nun artigo no que se explica que avaliaron a degradación das bolsas de plástico disponibles comercialmente, tanto as tradicionais como as compostables, en condicións mariñas a dúas escalas: acuarios (60 días) e mesocosmos de fluxo continuo ao aire libre (120 días).

Para os autores, este tipo de estudos son de especial relevancia porque “facilitan a clasificación de productos plásticos segundo a súa degradabilidade mariña e permiten a selección dos que presentan o menor risco para a fauna mariña”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) Galicia garante un ano máis de estabilidade e pona ao servizo da cidadanía, sendo a primeira comunidade en aprobar no Parlamento o teito de gasto non financeiro para 2027, que supera os 15.000 millóns para dar resposta ás prioridades dos galegos: o reforzo dos servizos públicos e a transformación do modelo produtivo, cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial, ademais de mellorar o acceso á vivenda e garantir o mellor Xacobeo da historia. Durante a súa presentación no Parlamento, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pediu a todos os grupos o seu apoio para un teito de gasto que esgota a capacidade máxima fixada pola regra de gasto e que consolida unha senda crecente dos orzamentos de Galicia.
Foto de la tercera plana (economia-graficos.jpg) O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o 40º informe 'A Economía Galega', un estudo que realiza de maneira ininterrompida dende 1986. Os seus directores, Dolores Riveiro e Melchor Fernández, explicaron que o documento se pode resumir nunha 'evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade, confirmando unha notable capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo'.

Notas

A electrónica orgánica promete revolucionar sectores como os da electrónica de consumo, a saúde ou a xeración de enerxía grazas á súa flexibilidade, lixeireza e baixo custo de fabricación. Con todo, a súa limitada resistencia mecánica continúa sendo un dos principais desafíos para ampliar as súas aplicacións. Comprender como inflúe o proceso de produción no comportamento destes materiais é o obxectivo da pescuda que desenvolveu Jesika Asatryan.
O profesor Alberto Vaquero é o novo director do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Relevando no cargo a Roberto Ignacio Fernández, o novo responsable asume con ilusión e ganas a dirección dun Campus Auga que, afirma, 'ten que ser o selo de calidade para o noso campus de Ourense'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES