
Ademais de unirse aos manifestos polo 8M de entidades como a Conferencia de Rectores y Rectoras de las Universidades Españolas (CRUE) e da Red de Unidades de Igualdad de Género para la Excelencia Universitaria (RUIGEU), a UVigo realiza unha campaña institucional que neste 8M rende homenaxe ao traballo das mulleres a partir da figura das lavandeiras. Así, a súa imaxe gráfica recolle unha obra da artista e egresada da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra Xoana Abraira de Bernardo, presentada no seu traballo fin de grao O oficio de lavar. Unha cartografía sensible. Desde a Unidade de Igualdade da UVigo sinalan que neste 8 de marzo queren recoñecer o papel das mulleres traballadoras que rompen cos estereotipos de xénero a través da figura das lavandeiras.
As lavandeiras, subliñan, desenvolveron un traballo que requiría de gran fortaleza física, xa que non só pasaban longas xornadas na auga fría enxaboando, fregando e clareando a roupa, senón que cargaban con ata 30 quilos de roupa mollada para facer o seu traballo. Ademais, en moitos casos, tamén exercían como costureiras, pasadoras de ferro e tecedoras. Os lavadoiros tiveron un papel importante como espazos de sociabilidade feminina e o oficio sería unha das ocupacións principais das mulleres das clases populares, como traballo remunerado e como tarefa cotiá para a reprodución da vida. Elas foron, e son, figuras de memoria e acción, comentan desde a Unidade de Igualdade.
Na súa campaña fan un percorrido histórico polo legado das mulleres na vida económica das súas comunidades. Así comeza pola prehistoria, destacando como as investigacións arqueolóxicas e antropolóxicas con perspectiva de xénero revelaron que as mulleres neste período desempeñaban roles fundamentais e diversos nas súas comunidades, ao contrario da visión nesgada que as relegaba a tarefas reprodutivas. O percorrido da Unidade de Igualdade chega ata o século XX, ás guerras mundiais e como nelas as mulleres asumiron postos tradicionalmente masculinos mentres que os homes estaban na fronte; continúa coa fin destes conflitos, cando moitas destas mulleres foron despedidas e relegadas novamente ao ámbito doméstico, e remata achegándose a como a segunda metade do século estivo marcada polos movementos feministas, que lograron avances fundamentais en dereitos laborais. Aínda así, no presente persisten desafíos como a fenda salarial, a segregación ocupacional e a precarización de sectores feminizados, afirman desde a Unidade de Igualdade.
Eventos
Polo que se refire á programación de actos, alén dos eventos organizados por diferentes centros, grupos ou colectivos da institución académica, a UVigo celebra o seu acto institucional do 8M o xoves 6 de marzo, ás 12.00 h, no salón de graos do Edificio de Ferro do campus de Ourense. Nel participarán Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade, e nel entregarase o Premio Uviguala 2025. Para abrir e pechar o evento Branca Trigo e Palmira Vicente ofrecerán as súas regueifas feministas. O acto poderase seguir en directo a través da canle 1 de UVigoTV.
Entre os actos que organizarán diferentes membros da comunidade universitaria tamén en Ourense, a Facultade de Dereito celebra o día 7 de marzo a conferencia Só si é si, ou non? Razóns e desrazóns das últimas reformas dos delitos sexuais. Será ofrecida por Patricia Faraldo, catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña e membro da comisión redactora da Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, da Garantía Integral da Liberdade Sexual.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.