En canto aos expositores directos, que proceden de España, Italia, Portugal, Países Baixos e Austria, suman un 3,5% máis que na anterior convocatoria e ocuparán unha superficie neta de 11.648 metros cadrados. Esta repártese entre os dous pavillóns principais do recinto, unha gran carpa anexa ao pavillón 2 que albergará as ganderías de vacún frisón e, tamén nesta edición, en boa parte do paseo central, supoñendo unha superficie bruta próxima aos 26.000 metros cadrados.
Esta quinta edición da feira mostrará as últimas novidades, entre outros ámbitos, en sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética, animal vivo, sistemas de muxido, equipos para explotacións gandeiras e maquinaria entre a que destacará a destinada ao cultivo de forraxe e á preparación de chan para cultivo de viñedo e pataca, ademais de compoñentes e accesorios. Unha mostra que volverá converter ao certame nunha cita referente en innovación agropecuaria.
Aínda que a feira abre as súas portas mañá xoves, o acto oficial de inauguración terá lugar o venres ás 12.30 horas, presidido pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.
Conferencias, concursos e demostracións
Respecto ás actividades do certame, contará con multitude de propostas de gran interese para agricultores, gandeiros e outros profesionais do sector, as cales converten esta feira nun foro para a análise e o intercambio de coñecementos.
As conferencias terán un papel destacado pola súa diversidade, actualidade e interese. Así, acollerá o XXVII Monográfico de Gando Porcino, as Xornadas de Cunicultura e unha xornada técnica para responsables de calidade de fábricas de pensos.
A distribución sostible de xurro será outro dos temas das xornadas da feira, xunto coa optimización de datos en granxas de vacún de leite e os proxectos Sat4carbón, de monitoreo de carbono en sistemas silvopastorais por teledetección, e Biotrace, o cal, baseado en biotecnoloxía avanzada, busca salvagardar as razas autóctonas porcinas minoritarias. Sumaranse o reaproveitamento de subprodutos agrogandeiros para o impulso da economía circular, innovación no sector agrícola para mitigar os efectos do cambio climático, estratexias innovadoras nos sectores vitivinícola e forestal e impulso da sustentabilidade no sector lácteo. Ademais, a Consellería do Medio Rural realizará unha xornada informativa e formativa para a incorporación de mozos e novos agricultores ao rural e outra centrada en sanidade animal.
Os concursos tamén contarán con gran importancia na feira. Organizados pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural, desenvolveranse os morfolóxicos XXXVII Open Internacional e XXXIII Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 159 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña e Portugal; o XX Concurso Internacional de Preparadores de Gando e XLII Concurso de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas Cimag, aos cales concorren 35 interesantes innovacións presentadas por 26 empresas.
Ademais, haberá diversas presentacións, como a do primeiro cebo pulverizable listo para usar que permite un control rápido e efectivo de moscas e demostracións, como as de aplicacións aéreas con drons sobre cultivos. Así mesmo, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) levará a cabo Experiencias de Calidade, sesións gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade e produtos de artesanía alimentaria de Galicia, dirixidas polo chef Marcos Arufe en colaboración con persoal dos consellos reguladores implicados.
Serán un centenar de expertos de distintos ámbitos dos sectores da maquinaria, a agricultura e a gandería os que conduzan ou participen na realización das actividades.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.