Notas de prensa

Oito galegas pioneiras abren un novo 8M reivindicativo na USC

A Universidade de Santiago comezou co seu programa de actividades culturais e reivindicativas para conmemorar o 8M Día Internacional das Mulleres, que terá o seu acto institucional central o luns 10. Foi no Claustro Alto de Fonseca onde se inaugurou a mostra '8 mulleres galegas que moveron os marcos', que recolle o perfil de mulleres pioneiras, con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes.

A apertura da exposición contou coa participación do reitor Antonio López e da directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal, así como doutras autoridades académicas e civís e numeroso público asistente. A mostra consiste en oito paneis dedicados a esas pioneiras cos que a Biblioteca da USC quere contribuír a poñer en pé de igualdade as súas figuras. Trátase dun “mínimo botón de mostra documental” da intensa actividade dalgunhas destas mulleres, explicou no acto Mabela Casal, para quen “continúa a ser necesario sacar á luz mulleres que non se resignaron e abriron camiños a xeracións posteriores”.

As protagonistas da mostra son Ãurea Rodríguez, a primeira gaiteira da que se ten noticia; Maruxa Villanueva, actriz, cantante e emprendedora teatral en Galicia e alén do Atlántico; Elisa Patiño, a primeira aviadora galega e unha das primeiras en Europa; María Wonenburger, investigadora en álxebra e primeira muller española que obtivo unha bolsa Fullbright; María Luz Morales, primeira directora dun xornal en España; Ãngela Ruiz Robles, mestra e inventora dun dispositivo precursor do libro electrónico; Concepción Pérez Iglesias, mestra e primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España, e María Barbeito, educadora que achegou precozmente a Galicia as máis modernas teorías pedagóxicas que se estaban a xestar en Europa.

O reitor, que felicitou a Biblioteca por esta iniciativa, quixo lembrar nesta apertura que o 8 de marzo que dende o ano 1910 é o Día Internacional das Mulleres é “tamén” para a Universidade “unha data con especial significado xa que foi ese mesmo día e ese ano cando se publicou na Gaceta de Madrid a Real Orde que permitía as mulleres acceder á Universidade sen necesidade de autorización previa”.

8 libros 8 mulleres

à vez que se inaugura esa mostra, chega tamén ao claustro alto de Fonseca a titulada 8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo, que remata a súa andaina despois dun ano de itinerancia polas facultades e bibliotecas dos campus de Lugo e Santiago. Deste xeito, a mostra de mulleres pioneiras que se inaugurou este martes marchará o día 28 de marzo de Fonseca para comezar o mesmo percorrido que a súa antecesora.

Extensa programación en centros

Ademais destas exposicións e do acto central do día 10 en Fonseca, os distintos centros universitarios comezan este mércores 5 coa súa programación reivindicativa. Así, a comisión de actividades culturais, igualdade, normalización lingüística e participación estudiantil da Facultade de Xeografía e Historia organiza xunto co CGAC unha visita guiada por Mar Caldas á exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’. Pola súa banda, a comisión de Xénero da Facultade de Filosofía xunto coa Asemblea de Estudantes convida ás 11.00 horas á ‘mullerenaxe’ mensual no vestíbulo do centro, coa actualización da listaxe de vítimas da violencia de xénero e a inauguración da instalación ‘Senta na cadeira a unha filósofa’.

Xa o xoves 6 o CIFEX, a comisión de Igualdade da Facultade de Filoloxía e a Asociación de veciñas de Vite organizan ás 19.00 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía unha proxección dun audiovisual sobre a performance Re sistencias da artista Ana Gesto.

Equidade de xénero

‘Avances, loitas e desafíos no camiño cara á equidade de xénero’ é o título da mesa redonda que organizan o comité de xénero e a dirección de iMATUS para o venres 7 ás 17.00 horas na que participarán a xuíza Ana López-Suevos Fraguela, a catedrática Laura Lojo Rodríguez, o profesor da USC Jorge García Marín e a investigadora Lorena Maneiro Boo. Tamén o venres, ás 17.30, o Arquivo Universitario presenta o proxecto ‘Pioneiras da USC: un proxecto web e dúas biografías’, un repositorio que pretende divulgar as biografías das mulleres que foron relevantes nos estudos universitarios ben como estudantes, docentes ou investigadoras, ao tempo que permite dar a coñecer a través dos documentos dixitalizados de acceso público o rico patrimonio documental custodiado tanto nos arquivos das distintas Universidades como nos Arquivos Estatais.

Pola súa banda, o ECOBAS organiza ese venres a xornada de portas abertas ‘Social research for gender equality’ para dar a coñecer relevantes achegas sobre as fendas que persisten na sociedade en materia de igualdade. Será ás 12.00 horas en Ciencias Económicas e Empresariais.

Tamén o día 7, a Facultade de Bioloxía inaigurará ás 12.00 horas o Punto Violeta e manten aberta ata o día 14 a exposición ‘Ciencia x Mulleres’ na que se pon en valor o traballo científico das mulleres do centro. Consta dunha serie de posters xa presentados en congresos científicos cunha foto das autoras.

Programa do día 10 nos centros

Ademais da celebración do acto central ás 12.00 horas no Colexio de Fonseca, o programa de actividades do 10 de marzo continúa coa segunda edición do mural Homenaxe a Mulleres destacadas no ámbito das RRLL e RRHH que organiza a Facultade de Relacións Laborais, e coa entrega de premios do IX Concurso de TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural que se desenvolverá ás 12:30 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Lugo.

Ese mesmo día a Facultade de Filosofía organiza ás 11.00 horas a procesión performativa con Concepción Arenal ‘Filósofas á rúa’ con lectura do manifesto e a continuación a proxección e cinefórum da película As sufraxistas. Xa o día 11 ás 16.30 horas terá lugar o obradoiro colaborativo de carteis ‘As filósofas que nos fan falla’ que dous días máis tarde se colocarán nas paredes da facultade.

Humanidades e Ilga

Tamén no mes de marzo, a Facultade de Humanidades acollerá o día 17 ás 12.00 horas a charla ‘Páxinas rebeldes: o poder das librarías feministas e a voz das mulleres’ sobre a posta en marcha e xestión dunha libraría feminista, que estará precedida dunha visita guiada polo persoal da Biblioteca Intercentros aos fondos da súa colección de Xénero.

Pola súa banda, o Instituto da Lingua Galega da USC desenvolverá o día 27 o segundo faladoiro do seu ciclo de conversas coas mulleres do ILG. Nesta ocasión contarán, ás 12:00 horas na biblioteca, con Alba Aguete Cajiao, profesora axudante doutora da Ãrea de Filoloxía Románica da Universidade de Salamanca e colaboradora no Instituto da Lingua Galega, quen nos falará do seu labor investigador e docente desde a súa perspectiva como muller.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ãngel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES