Notas de prensa

Arranca o programa 'Unha enxeñeira ou científica en cada cole'

O programa 'Unha enxeñeira ou científica en cada cole' organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC en colaboración co Concello de Santiago arrancou a súa décima edición no compostelán CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei. Alí tivo lugar o obradoiro 'Física Divertida' que impartiron as profesoras e investigadoras da Área de Física Aplicada da USC María José Pérez Comuñas, María Jesús García Guimarey e Encina Calvo Iglesias

O programa ten como finalidade visibilizar as enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), coa realización de obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 4º de primaria en colexios públicos do concello.

Nesta décima edición están previstos 15 obradoiros nos que participarán nenas e nenos de cuarto curso de Primaria dos colexios públicos de Santiago Mestre Rodríguez Xixirei, Cardeal Quiroga Palacios, Pío XII, Vite, López Ferreiro, Lamas de Abade e Roxos. Todos eles están coordinados por Encina Calvo Iglesias e impartidos por profesoras investigadoras da USC de diferentes áreas (Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, Electrónica e Computación, Enxeñería Química, Física Aplicada, Química Inorgánica, Química Orgánica, Química Analítica, Óptica), técnicas superiores de apoio á investigación do CiQUS e investigadoras do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Colexios públicos composteláns

O seguinte centro educativo en participar neste programa será o Pío XII o 17 de febreiro, co obradoiro ‘Xogando coa luz’ das profesoras e investigadoras da área de Óptica Carmen Bao Varela, Mª Teresa Flores Arias e Ana Isabel Gómez Varela. O día seguinte terá lugar ‘Será ou non será? Xogando coa probabilidade’, impartido pola profesora e investigadora Rosa Crujeiras da Área de Estatística e Investigación Operativa da USC e directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).

Tamén en febreiro serán as sesións do CEIP de Roxos, con ‘Química ao noso redor’ impartido o día 19 polas profesoras e investigadoras Mercedes Torneiro Abuín e María Tomás Gamasa da Área de Química Orgánica e ‘Lume no Monte’ da profesora e investigadora Otilia Reyes Ferreira, do Departamento de Ecoloxía da USC, coas alumnas Laura Mareque Liste, Paula López González e María Bouso Posada o día 26.

O Quiroga Palacios contará os días 25 e 26 cos obradoiros ‘Só facemos química cando imos ao laboratorio?’ das profesoras Mª Raquel Domínguez González do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica e ‘Informática visual aplicada á bioloxía’ da profesora Eva García Cernadas área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigadora do CITIUS, e a alumna Clara Álvarez. O 27 acollerá ‘Xogando con modelos matemáticos’, impartido pola profesora María del Pilar Salgado Rodríguez da área de Matemática Aplicada.

‘A maxia da Química’, impartido pola profesora Mª Dolores Pérez do Departamento de Química Orgánica e directora adxunta do CiQUS coas técnicas superiores de apoio á investigación Laura Acevedo e Noela Torrente do CiQUS, será o obradoiro do día 26 no colexio de Vite.

Mes de marzo

No CEIP de Prácticas López Ferreiro terán lugar tres obradoiros o 20 de marzo: ‘Luz, cor e sombra’, impartido polas profesoras da Área de Óptica María Elena López Lago e María Dolores Mouriz Cereijo; ‘Mosaicos, grupos e baldosas: como deseñar o chan máis bonito do mundo’, a cargo da profesora Ana Belén Rodríguez Raposo da Área de Didáctica da Matemática; e ‘Facendo economía rosquilla’, de Eva Aguayo Lorenzo, da área de Economía Cuantitativa.

Tamén o 20 de marzo no Ceip Lamas de Abade serán os obradoiros ‘Falando cos superordenadores’ das investigadoras do CESGA Cecilia Grela Llerena, María José Rodríguez Malmierca, Lorena Fernandez Fernandez, Irais Bautista Guzmán, Mariamo Mussa e Ana María Labrador García; e ‘Química Divertida’, impartido pola profesora Magdalena Cid Fernández, da área de Química Orgánica da USC. Xa o 24 será a quenda de ‘Exploramos para que non nos conten trolas?’ impartido pola profesora Paula Saavedra Nieves, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES