
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou esta mañá que Galicia logrou inverter a evolución demográfica proxectada nos últimos anos grazas ao aumento da poboación. Así o sinalou durante a súa visita á Farmacia Labella situada no centro de Santiago de Compostela e que conta con produtos para o coidado dos bebés e os primeiros anos de vida dos cativos.
Fabiola García sinalou que a comunidade galega logrou superar as proxeccións que estableceran os organismos de estatística oficiais, nas que hai unha década se estimaba que no 2025 habería 2,5 millóns de habitantes, unha cifra que recalcou- melloramos en 120.000 habitantes. Ao respecto, fixo fincapé en que no último ano rexistráronse 10.700 habitantes máis.
Neste sentido, a conselleira tamén explicou que a última estatística do Instituto Nacional de Estatística (INE) apunta a unha melloría en Galicia que acadou no mes de maio un 16% máis de nacementos con respecto ao mesmo período do ano anterior. Así, García indicou que pese a baixada xeralizada da natalidade en toda España, as cifras amosan un cambio de tendencia positiva na comunidade galega.
Por iso mesmo, Fabiola García fixo fincapé en que o Executivo galego seguirá intensificando as medidas destinadas a asentar e atraer poboación garantindo sempre o apoio a todas as familias. Ao respecto, tamén sinalou que as medidas pioneira impulsadas pola Xunta para a conciliación están contribuíndo a mellorar o reto demográfico.
Algunhas destas medidas e programas postos en marcha pola Xunta e que xa están a ser imitados por outras comunidades, son fundamentais para facilitar a conciliación das familias en todos os ámbitos, especialmente nas zonas rurais. Así, implantouse a gratuidade na etapa educativa de 0 a 3 anos e que permitiu que Galicia conte coas mellores cifras de escolarización infantil do conxunto de España, unha iniciativa que se complementa coa creación das casas niño, recursos gratuítos e específicos de atención aos cativos nas zonas máis despoboadas.
Ademais, o Executivo autonómico conta con achegas económicas destinadas a apoiar as familias na crianza dos seus fillos, entre elas destacan o Bono Concilia Familia, que permite sufragar os custos dun servizo de conciliación para as etapas non lectivas, ou a Tarxeta Benvida, que permite financiar a adquisición de produtos necesarios para os primeiros meses de vida dos bebés.
Tarxeta Benvida
En concreto, esta mañá, a conselleira visitaba unha das farmacias adheridas á Tarxeta Benvida, e na que os pais e nais poden adquirir calquera produto para o coidado dos fillos. Trátase dunha medida impulsada hai case dez anos e que beneficia a máis de 115.000 familias e cun investimento da Xunta de máis de 220 millóns de euros.
Esta achega é de 1.200 euros para a crianza durante o primeiro ano de vida do cativo, pero aumenta o dobre nos casos nos que o bebé é o terceiro fillo da familia e conta tamén cun incremento do 25% para as unidades familiares que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes. Ademais, desde o ano pasado, as mulleres embarazadas poden solicitar esta achega a partir da semana 21 de xestación, ao igual que as familias acolledoras.
A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.