//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.
A primeira fase do piloto do proxecto Xenoma Galicia permitiu detectar, entre os máis de 1.000 participantes aos que se lle recolleu unha mostra de sangue, 14 novos casos de alto risco para as patoloxías investigadas de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar. A Consellería de Sanidade presentou esta mañá ante o Consello da Xunta un informe de situación do piloto do proxecto Xenoma Galicia. Cun investimento de 20 millóns de euros, o Goberno galego márcase o obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 persoas. Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e evitalas grazas ao estudo do xenoma e da historia clínica.
No marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta de Galicia vén de rebaixar a alerta por altas temperaturas aos niveis 1 e 2. Deste xeito, a vaga de calor iniciada pasado venres, que na xornada de onte acadou o nivel 3 de alerta en diversas áreas de Galicia, agora queda establecida nos dous primeiros niveis de alerta. En concreto, as zonas que ficarán no nivel 2 son o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra, así como o Centro e a Montaña da provincia de Lugo. Pola súa banda, defínese o nivel de alerta 1 por vaga e calor as zonas do interior de Coruña, o sur de Lugo, Miño de Ourense, montaña de Ourense, sur de Ourense, Valdeorras, litoral de Pontevedra e a zona Miño de Pontevedra.
No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vénse de activar o nivel 1 de alerta a diversas áreas da comunidade autónoma por episodio de calor. Meteogalicia informa que a partir da xornada do venres 27, as altas presións volverán localizarse ao norte da península Ibérica, achegando unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana. Isto fará que as temperaturas experimenten significativos ascensos, tanto nos valores mínimos como nos máximos. Este ascenso de temperaturas comezará a notarse desde ese mesmo día, cando en moitos puntos de Galicia se superarán os 30ºC, e mesmo os 35ºC, en puntos do interior.
Galicia reforza por terceiro curso consecutivo o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e achégase ao 65 %, máis de 15 puntos por riba da media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar hoxe o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Deste xeito, Galicia segue sendo a comunidade autónoma onde máis familias poden acudir a unha escola infantil totalmente gratuíta. As cifras oficiais revelan que Galicia rexistrou no curso 2024-2025 unha taxa do 64,3 % de escolarización, máis de catro puntos por riba do 60,6 % acadado no período anterior. Esta porcentaxe mantén á comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca.
Galicia logrou inverter a evolución demográfica proxectada nos últimos anos grazas ao aumento da poboación. A comunidade galega logrou superar as proxeccións que estableceran os organismos de estatística oficiais, nas que hai unha década se estimaba que no 2025 habería 2,5 millóns de habitantes, unha cifra que melloramos en 120.000 habitantes. Ao respecto, no último ano rexistráronse 10.700 habitantes máis. A última estatística do Instituto Nacional de Estatística (INE) apunta a unha melloría en Galicia que acadou no mes de maio un 16% máis de nacementos con respecto ao mesmo período do ano anterior. Pese a baixada xeralizada da natalidade en toda España, as cifras amosan un cambio de tendencia positiva na comunidade galega.
Música, territorio e natureza son os eixos fundamentais do Fisterra Experience, unha singular cita musical que regresa esta fin de semana á vila mariñeira de Fisterra co apoio dos Concertos do Xacobeo para celebrar a súa segunda edición os días 27, 28 e 29 de xuño. Fisterra Experience busca achegarse á arte dun modo cercano, ofrecendo experiencias únicas e inspiradoras. O festival explora as posibilidades que ofrecen o territorio e a natureza de Fisterra, desde unha ollada sostible e comunitaria. Entre as bandas e artistas destacados do seu cartel, danse cita nomes como Baiuca, Mondra, Helena Egea, Sabela & The Heartbreakers, A Pedreira e Andhrea & The Blacks Cats, entre moitos outros. Deste modo, o Fisterra Experience renace neste 2025 para ofrecer unha experiencia musical cualitativa que vai da electrónica ao soul, do pop ao jazz e a nova música tradicional, entre outros sons, nunha contorna única.
A Xunta de Galicia está traballando no texto da primeira Lei de Violencia Dixital de España, que contará con medidas específicas para a protección e atención das vítimas de violencia de xénero. A Lei de Violencia Dixital na que traballa o Executivo autonómico incluirá referencias específicas para a loita contra a violencia de xénero, e recursos e medidas de gran calado para paliar o sufrimento das vítimas deste tipo de violencia. A Xunta traballa en colaboración cos axentes sociais para seguir impulsando medidas e iniciativas neste eido, como a Guía de indicios para a detección das vítimas de violencia de xénero na empresa ou o Protocolo contra as violencias machistas e lgbtifóbicas no ocio nocturno.
A Cidade da Cultural convida as familias a participar o vindeiro sábado 28 de xuño no Gaiás en 'Desafío de cartón', unha actividade lúdica e educativa que fomenta a creatividade a través do xogo con materiais de refugallo. Trátase dunha intervención efémera, coa que a Praza Central da Cidade da Cultura se encherá de elementos reutilizables para que persoas de todas as idades teñan a oportunidade de construír estruturas e xoguetes co único límite da súa imaxinación. Con 'Desafío de cartón' proponse sensibilizar sobre a reutilización de materiais e o impacto ambiental do cartón como residuo. A partir deste elemento, e con ferramentas como tesoiras, adhesivos ou retallos de tea, as persoas participantes poden construír libremente, experimentar e transformar o espazo mediante o xogo e a intervención colectiva, nunha actividade aberta á creatividade espontánea e á cooperación.
O FIV de Vilalba anunciou esta mañá a programación diaria do festival que celebrará a súa 18º edición o 25 e 26 de abril. Con grupos como Shinova, León Benavente, Varrry Brava ou The Rapants como algúns dos máis esperados para dúas noites co mellor da música independente e máis actividades por desvelar. As entradas por día xa están á venda na páxina web do festival xunto aos abonos. Próximamente estará dispoñible o Abono Camping.
Capitanes, unha curtametraxe ambientada no transcurso dunha intensa semifinal da Copa do Rei de fútbol, inaugurará este xoves no Teatro Colón a terceira edición do festival Norte Cinema Diverso. Coa proxección de Capitanes ás 21:00 horas, a organización únese á celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia no deporte. A curtametraxe denuncia o silencio que condiciona a vida pública dos futbolistas homosexuais.
A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, abrirá as súas portas desde mañá ata o sábado na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra) coa presenza de 508 firmas expositoras, das cales 174 son expositores directos e 334 son marcas representadas. As firmas expositoras, de 26 países, supoñen un 20% máis que na pasada edición, celebrada en 2023.
A Universidade da Coruña organiza a décimo primeira edición da FIRST LEGO League Galicia o vindeiro sábado 22 de febreiro, no Campus Industrial de Ferrol. Participarán un total de 53 equipos (27 na categoría FLL Challenge, 22 na FLL Explore e 4 na FLL Discover) e máis de 350 mozos e mozas de distintos puntos de Galicia e de Asturias. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia
Como cada ano, a Universidade de Santiago súmase o 11 de febreiro á conmemoración en todo o mundo do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Arredor desa data, son numerosos os centros en Santiago e Lugo que contemplan accións divulgativas para pór en valor o traballo das mulleres científicas da USC á vez que espertar vocacións entre as futuras xeracións.
O programa 'Unha enxeñeira ou científica en cada cole' organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC en colaboración co Concello de Santiago arrancou a súa décima edición no compostelán CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei. Alí tivo lugar o obradoiro 'Física Divertida' que impartiron as profesoras e investigadoras da Área de Física Aplicada da USC María José Pérez Comuñas, María Jesús García Guimarey e Encina Calvo Iglesias
O FIV de Vilalba, un dos eventos máis especiais da música independiente en Galicia, anunciou hoxe o seu cartel completo nunha presentación na Delegación Provincial da Xunta de Galicia en Lugo. O grupo de indie pop Varry Brava, con máis de dez anos de traxectoria na primeira liña da escena musical nacional; o cantautor catalán Joe Crepúsculo e banda Cycle, de xira polo seu 20 aniversario, son os nomes que se engaden a unha proposta na que xa se presentaron Shinova, León Benavente, The Rapants ou Leria.
A Universidade da Coruña (UDC) organiza, do 3 ao 7 de febreiro, o II Simposio Galaico-Brasileiro, un evento organizado polo Grupo de Estudos Territoriais (GET) da UDC en colaboración co Centro Universitario de Brasilia (CEUB). O simposio reunirá a docentes, persoal investigador e estudantado de ambas as dúas institucións para reflexionar sobre os retos do dereito á cidade en Galicia.
A convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural rexistrou un total de trece candidaturas na que xa é a súa vixésimo quinta edición. Será o vindeiro venres, 31 de xaneiro, cando os membros do xurado examinen todas as propostas presentadas e se dea a coñecer o ditame deste galardón que conta cunha dotación de 10.000 euros e un diploma de mérito.
Os Premios Egeria levan dende 2014 apoiando a inclusión da perspectiva de xénero e/ou feminista nos traballos fin de grao, fin de mestrado e teses de doutoramento na Universidade de Vigo. A última edición, correspondente ao curso 2023/2024, recoñeceu os traballos de oito mozas investigadoras, entre elas Andrea Mouriño, Laura Otero e Xoana Abraira, que obtiveron as mellores puntuacións en cada unha das tres categorías, e que debullan no Duvi os seus traballos e as súas sensacións tras saberse gañadoras.