Notas de prensa

Especialistas e profesionais dialogan na Semana Forestal 2025 sobre o presente e futuro deste sector

Profesionais da xestión forestal e da prevención e extinción de incendios, representantes da industria e investigadores e investigadoras reúnense nestes días na Semana Forestal 2025, un programa de actividades deseñado polo alumnado co obxectivo de promover un diálogo sobre “o presente e o futuro do sector”, como sinalan desde a organización.

Impulsada pola Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal, coa colaboración deste centro e da Vicerreitoría do campus, na mañá deste luns botaba a andar unha nova edición dunha semana na que a habitual actividade académica vese substituída por un conxunto de conferencias e mesas de debate. Estas, explicou Uxío Silva, presidente da delegación, teñen como obxectivo "complementar a formación" do alumnado deste centro a través do "contacto coa realidade do sector”.

Con ese propósito, entre este luns e mércores terán lugar unha serie de actividades que teñen como eixes a “prevención e extinción de incendios, a evolución da xestión forestal, a situación do sector galego da biomasa ou os traballos desenvolvidos por investigadores e investigadoras desta escola no marco de diferentes proxectos”. Esta programación permitirá tamén achegarse ás experiencias profesionais de egresados e egresadas do centro e completarase o xoves 10 coa conmemoración do patrón da escola, San Leandro.

“Para a dirección do centro é un orgullo que se fagan estas xornadas”, salientou a directora da EE Forestal, Ãngeles Cancela, na inauguración dun evento que, lembrou, é promovido e organizado polo propio alumnado, aspecto no que incidiu tamén a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, quen puxo en valor que a programación combine “un conxunto de actividades que vanvos servir para a vosa vida laboral”, con outras que permitiranlles “estar en contacto os uns cos outros”. Estas cuestións foron tamén resaltadas polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, quen lembrou o alumnado que son “o futuro” dun sector “moi importante para a economía de Galicia”. O representante da Xunta destacou nese senso que a cadea forestal-madeira constitúe un dos “poucos sectores nos que temos o recurso e transformámolo no propio territorio”. Nese senso, lembroulles que as e os titulados da escola “teredes cabida en toda esa cadea”, desde a xestión e planificación forestal ata a que definiu como “a industria máis potente do país”, sen esquecer o papel que poden xogar en ámbitos como a ordenación do territorio ou o desenvolvemento rural.

Inventario Forestal Continuo

A programación desta semana arrancou cunha presentación da profesora do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica Julia Armesto e do investigador Andrés Rodríguez sobre os traballos desenvolvidos desde a EE Forestal para o Inventario Forestal Continuo de Galicia. Impulsado a través dun convenio entre a UVigo a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, este proxecto levou aos investigadores e investigadoras da escola a desenvolver sistemas capaces de identificar e caracterizar de forma automatizada diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite. Nese senso, este relatorio permitiu tanto coñecer os mapas de coberturas de alta resolución desenvolvidos, que permiten diferenciar usos e especies en cada parcela forestal, como os realizados con fontes de media resolución, que fan posible unha actualización continua deste inventario. Armesto e Rodríguez presentaron tamén os mapas de combustibles e de demandas de madeira por parte da industria realizados tamén no marco deste proxecto, xunto co visor que permite coñecer estes resultados na web do inventario.

A programación desta primeira xornada completouse cunha conferencia sobre xestión cinexética en espazos naturais protexidos, da man Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga) e cunha ruta medioambiental pola contorna do Lérez, guiada polo axente ambiental Gonzalo Gamallo.

Da realidade profesional á extinción de incendios

A xornada do martes abrirase cunha conferencia do presidente do Clúster da Biomasa de Galicia, Francisco Ãlvarez, egresado da escola e director executivo de Ecowarm, que participará tamén nunha mesa dirixida a que titulados e tituladas acheguen as súas experiencias profesionais ao alumnado. Promovido co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, neste coloquio participarán tamén Ana Rodríguez, directora de compras e vendas de Madeiras O Fragueiro; Fran Abilleira, xerente de Redenor, e Noelia Méndez, da asociación provincial de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo.

Tamén o martes terá lugar un relatorio sobre a evolución da xestión forestal, a cargo do enxeñeiro de montes Alberto Mayo, mentres que a programación do mércores estará dedicada á prevención e xestión de incendios. Esta abrirase cun coloquio no que o enxeñeiro técnico Francisco Losada relatará a súa experiencia como membro dun grupo de expertos en xestión de emerxencias impulsado polo Goberno central para axudar na resposta aos incendios vividos o pasado na amanozía boliviana. Tras esta, terá lugar unha sesión centrada na organización de operativos, promovida coa colaboración da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta e na que intervirán Manuel Ogando e Xosé Bieito Rodríguez, da Unidade de Directores de Extinción. Nesta xornada será posible tamén coñecer dous proxectos de investigación, financiados polo programa Interreg e centrados na análise estratéxica do territorio e a prevención de lumes, da man dos investigadores da escola Juan Picos e Thais Rincón. Trátase de 'Firepoctep+', que ten como obxectivo identificar e intervir en zonas clave na prevención de grandes lumes ao longo da fronteira entre España e Portugal, e 'Use4Forest', que busca promover unha estratexia para a prevención de incendios no suroeste europeo, mediante a mellora dos espazos forestais.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-04-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-20260206.jpg) O museo da Xunta inicia a programación de 2026 co proxecto Internalities. Arquitecturas para un equilibrio territorial, impulsado polo Goberno do Estado en colaboración con Acción Cultural Española. Trátase dunha mostra que, tal e como explicou o representante da Xunta, permite “ollar os desafíos aos que deben responder as novas xeracións de arquitectos que se mostran sensibilizados coa realidade ambiental", xa que a proposta pon en valor o emprego de recursos locais, rexenerativos e de baixa pegada de carbono dunha nova xeración de estudos de arquitectura españois.
Foto de la tercera plana (sociedade-xente.jpg) A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade considera que a onda estacional de gripe xa finalizou, ao manterse durante dúas semanas consecutivas o nivel basal de intensidade. O departamento sanitario galego vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á quinta semana do ano, que rematou o día un deste mes.

Notas

A Vicerreitoría do Campus de Ferrol acolleu unha reunión de traballo entre a Xunta e os tres campus de especialización acreditados do Sistema Universitario de Galicia: o Campus Industrial de Ferrol, o Campus Terra de Lugo e o Campus Auga de Ourense. O seu obxectivo foi avanzar na cooperación mutua e no intercambio de estratexias co fin de aproveitar ao máximo as súas potencialidades.
xMaseda65 fala desde a emoción, cun ton honesto, íntimo e reflexivo. A súa voz conecta coa vulnerabilidade sen artificios para tender pontes co que escoita a través dun estilo directo, cru e poético. 'Estudei Filoloxía galega porque creo no poder da lingua, nas historias que contan as palabras postas'. explica. 'Na miña música busco iso: ser fiel ao que sinto, sen adornos , sen máscaras', engade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES