
Promovido por estas dúas sociedades, o XVII Congreso Nacional da AEET e III Reunión de Sibecol ten á fronte un grupo de investigadoras e investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela (USC) e da Misión Biolóxica de Galicia (MGB-CSIC), co Concello de Pontevedra como colaborador principal e o apoio da Deputación Provincial. Conferencias plenarias, máis de 40 sesións temáticas, nas que se presentarán preto de 450 comunicacións, e a defensa de máis de 250 pósters integran o programa dun evento que reunirá investigadores e investigadoras procedentes de 20 países.
Este XVII Congreso da AEET III Sibecol foi presentado este martes no Concello, nun acto que contou coa participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; Sara Varela, coordinadora do grupo MapasLab do CIM-UVigo; e Alexandra Rodríguez e Luis Sampedro, do MBG-CSIC, responsables do comité organizador deste congreso xunto con Mar Sobral, da USC.
Co título de Outra ciencia é posible: diversidade, decrecemento e sostibilidade en investigación ecolóxica, neste evento insírense o décimo sétimo congreso bienal da AEET e a terceira reunión de Sibecol, sociedade que agrupa ás entidades científicas españolas e portuguesas dedicadas á investigación en ecoloxía terrestre, ecoloxía mariña e ecoloxía de augas doces.
Ciencia que non desgaste as persoas nin o planeta
Nesta edición, o congreso terá como eixes a diversidade, o decrecemento e a sostibilidade na investigación ecolóxica. Son tres conceptos que están presentes na sociedade a na política actual, pero tamén na ciencia e na ecoloxía, como temas de estudo, sinalan desde o comité organizador, ao tempo que lembran que o ser humano está ocasionando unha perda de diversidade biolóxica sen precedentes, que debemos analizar desde o ámbito científico.
De aí que as promotoras deste foro académico subliñen que cremos que a ciencia non só debe estudar e promover a diversidade e sostibilidade, senón tamén aplicala. Con esa idea, un dos obxectivos do congreso será impulsar unha reflexión sobre o propio papel da comunidade científica, pondo o foco na importancia de promover prácticas como a redución da pegada ecolóxica nas investigacións, a inclusión de diversas perspectivas e saberes e a aposta por modelos científicos máis xustos e sostibles. Do mesmo xeito, buscarase tamén xerar un debate que conecte a idea do decrecemento e o labor investigador, xa que moitas veces a ciencia vai demasiado rápido, produce por producir e esquécese do para que, o que, no ámbito da ecoloxía, é unha contradición enorme, recoñecen. De aí que resalten a necesidade dunha ciencia que non desgaste as persoas nin o planeta e de que as ideas de sostibilidade e diversidade contribúan a unha investigación realmente conectada co mundo que dicimos querer coidar.
Catro días de debate científico
Co obxectivo de promover tanto o intercambio de coñecemento como o debate arredor destas temáticas, o programa do congreso abrangue por unha banda seis charlas plenarias de interese xeral, impartidas por científicos de recoñecido nome, entre os que se atopan as investigadoras do CIM-UVigo Beatriz Mouriño e Elena Ojea ou o responsable do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera. Cada unha destas sesións plenarias, explican, agrupará á súa vez dúas conferencias consecutivas cun fío en común, co obxectivo de promover un debate co público. De xeito paralelo, celebraranse en diferentes espazos do Pazo da Cultura 43 sesións paralelas, que abranguen unha ampla gama de temáticas vinculadas á investigación en ecoloxía.
Ademais, o congreso abrirase na mañá do 2 de xuño cunha serie de talleres prácticos e cun speed dating científico e verase complementado o venres 6 cunha serie de excursións técnicas de campo. Así mesmo, co propósito de achegar as cuestións abordadas á cidadanía de Pontevedra, o congreso verase complementado por diversas actividades na rúa e en locais sociais, como destacan desde o comité organizador.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.