Noticias

A nova Estratexia Galega de Enfermidades Raras potenciará o acceso á rehabilitación e a novos tratamentos

O Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030 na que se van investir 400 millóns de euros e que vai reforzar os servizos de rehabilitación e ampliar o cribado neonatal. O obxectivo é desenvolver un conxunto de actuacións que teñen por obxectivo mellorar a calidade de vida destes pacientes que sofren este tipo de doenzas durante os próximos cinco anos. Unha das principais novidades será a avaliación de resultados en saúde para medir a calidade de vida, as funcionalidades recuperadas, a autonomía ou a redución da dor e dos síntomas, con cada un dos tratamentos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030 na que se van investir 400 millóns de euros e que vai reforzar os servizos de rehabilitación e ampliar o cribado neonatal.

Unha Estratexia que, segundo resaltou Rueda, enmárcase na aposta do Goberno autonómico por “tratar desde a sanidade pública as chamadas enfermidades raras” e mellorar a calidade de vida dos “máis de 5.200 pacientes diagnosticados” que hai na comunidade con algunha destas patoloxías. Nesta liña, lembrou a creación nos últimos anos de unidades específicas para enfermidades raras “na Coruña, Santiago e Vigo” -que xa rexistraron 5.600 consultas- ou que Galicia conta co cribado neonatal “máis completo de España”.

Tal e como aprobou hoxe o Consello, o Executivo galego realizará un investimento que superará os 396 millóns de euros para desenvolver un conxunto de actuacións que teñen por obxectivo mellorar a calidade de vida destes pacientes que sofren este tipo de doenzas durante os próximos cinco anos.

A estratexia prevé o gasto de 384 millóns de euros para financiar as terapias farmacolóxicas que reciben os pacientes diagnosticados con enfermidades raras, así como 4,8 millóns para o programa de cribados neonatais; e unha partida específica de 7,8 millóns de euros para artellar novas liñas de traballo durante o período 2025-2030.

Unha das principais novidades será a avaliación de resultados en saúde para medir a calidade de vida, as funcionalidades recuperadas, a autonomía ou a redución da dor e dos síntomas, con cada un dos tratamentos.

Un eixo transversal e cinco liñas de traballo

O departamento sanitario da Xunta de Galicia deseñou unha nova folla de ruta que se estruturará ao redor de cinco liñas estratéxicas de traballo e un eixe transversal que permitirá ponderar a efectividade das accións recollidas na nova estratexia.

Así, o conxunto de accións que incorpora a Estratexia galega de enfermidades raras 2025-2030 compartirán un triplo obxectivo: a execución de accións que permitan avaliar os resultados en saúde; potenciar as inscricións no Rexistro Galego de Pacientes con Enfermidades Raras (Rerga), que pechou o ano 2024 con 5.217 casos, e o fomento de actividades informativas para os profesionais e pacientes do Servizo Galego de Saúde.

No que atinxe ás liñas de traballo, o presidente destacou que a primeira delas incidirá no fomento da rehabilitación, unha “prioridade” e parte fundamental da asistencia sanitaria destes pacientes. Este labor realizarase a través de equipos multidisciplinares constituídos por médicos rehabilitadores, fisioterapeuras, logopedistas, terapeutas ocupacionais, psicólogos ou traballadores sociais. Así, tal e como anunciou Rueda, darase un paso adiante importante na accesibilidade, coa posta en marcha “dun servizo de rehabilitación a domicilio” para determinados pacientes con características clínicas e sociais específicas.

Ademais, “incorporarase a tecnoloxía robótica” aos servizos de rehabilitación hospitalarios das sete áreas sanitarias.

En segundo lugar, e co obxectivo de mellorar a atención a estes pacientes, a Consellería de Sanidade márcase como obxectivo reducir o tempo de espera das probas e os estudos xenéticos de diagnóstico de enfermidades raras. Neste senso, crearase un sistema coordinado que permita compartir coñecementos, recursos e protocolos, ao optimizar o acceso aos estudos xenéticos e garantir unha maior equidade na atención. Para iso levarase a cabo unha coordinación funcional entre as unidades multidisciplinares e os expertos en xenética para mellorar a prestación de consello xenético.

Co mesmo fin de mellorar a atención, crearase unha plataforma tecnolóxica para facilitar a incorporación de Galicia á rede de nodos do Sistema Nacional de Saúde que permitirá que todos os pacientes pediátricos con enfermidades raras teñan as mesmas oportunidades de atención e tratamento, vivan na comunidade en que vivan. O Consello da Xunta abordou hoxe a licitación do servizo para o desenvolvemento desta plataforma.

Outros dos eixes principais deste plan terán como obxecto ampliar a carteira de servizos do Programa galego de detección precoz de enfermidades conxénitas na proba do talón. Na actualidade, o cribado neonatal que realiza a sanidade pública galega permite detectar un total 37 enfermidades primarias ao nacer, unha cifra que sitúa Galicia como a Comunidade co cribado máis completo de toda España. O titular do Goberno galego sinalou que na nova estratexia estudarase “incluír 12 enfermidades máis”, sobre a base da evidencia científica dispoñible, explicou o presidente.

Cómpre destacar que entre os anos 2000 e 2024 foron cribados 476.531 bebés e diagnosticáronse 705 enfermidades. Entre elas, o sistema sanitario público galego incluíu, de forma pioneira, a detección da atrofia muscular espiñal (AME), que rexistrou dous casos en 2023 e outros dous máis o ano pasado. Así, e grazas a esta detección temperá, os bebés puideron comezar os seus tratamentos para mellorar o prognóstico.

En cuarto lugar, a nova Estratexia galega de enfermidades raras tamén inclúe homoxeneizar e facilitar o acceso ás terapias e aos tratamentos, xa sexan medicamentos orfos (especificamente desenvoltos para previr, diagnosticar ou tratar enfermidades raras) ou convencionais (terapias avanzadas, fármacos en investigación ou produtos sanitarios). Nesta liña, deseñaranse protocolos de seguimento específicos por medicamento e patoloxía para seren cubertos polos propios pacientes e avaliar a súa experiencia, medindo aspectos relacionados coa calidade de vida, a funcionalidade e os síntomas asociados a unha patoloxía.

A quinta liña que recolle a estratexia ten como obxectivo mellorar a precisión dos informes médicos co fin de facilitar valoracións máis axustadas de recoñecemento do grao de discapacidade, dependencia ou incapacidade laboral permanente. Para iso, consensuarase unha guía específica para a redacción de informes médicos en enfermidades raras, incluídos os criterios clínicos relevantes e as orientacións sobre o impacto funcional.

No marco da nova estratexia, seguirase a potenciar a coordinación entre os distintos niveis asistenciais e potenciarase a figura do xestor de casos para que sexa o profesional de referencia de cada paciente.

Para definir a nova Estratexia galega en enfermidades raras 2025-2030, a Consellería de Sanidade abordouna con entidades como a Federación Española de Enfermidades Raras e a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec).

Con esta nova estratexia, a Xunta de Galicia mellorará a resposta asistencial ante unha enfermidade rara, o que supón un grande impacto, tanto para o paciente como para a súa familia, tanto no plano físico como no emocional, social e económico.

R., 2025-07-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello 'aprobou a orde para a posta en marcha do Bono Peixe' que ofrecerá 'ata 50 €' para mercar peixe e marisco frescos nos establecementos da comunidade adheridos. Unha medida coa que a Xunta busca 'incentivar o consumo' destes produtos galegos que son sinónimo 'de excelencia e calidade' por todo o mundo e 'facer unha chamada atención' sobre o descenso destes alimentos na dieta que se está a vivir 'a nivel nacional, europeo e mundial e do que Galicia non é allea'.
Foto de la tercera plana (praia_mar.jpg) Galicia segue a ser un referente nacional en calidade ambiental e turística, con 137 bandeiras azuis e 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. Sanxenxo mantén a súa posición á cabeza do conxunto estatal con 17 praias, 3 portos deportivos (o Real Club Náutico Sanxenxo, o Club Náutico Portonovo e o Porto Deportivo Juan Carlos I) e 1 centro azul (o Centro de Interpretación das Telleiras), ademais de ser o concello que conta co maior número de sendeiros azuis de toda España, cun total de 8 rutas. Galicia mantense entre as tres Comunidades con máis distintivos azuis (tras a Comunidade Valenciana e Andalucía) con 137 galardóns que inclúen praias, portos e centros azuis, ademais de 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. De feito, concentra unha de cada seis bandeiras azuis concedidas este ano aos areais españois.

Notas

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a UVigo. Coordinados polo catedrático Jesús Simal Gándara, investigadores e investigadoras dos grupos de Investigacións Agrarias e Alimentarias; Tecnoloxías Aeroespaciais e Historia Contemporánea I conforman a representación da UVigo en AgroSpace.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES