
Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia regresan esta fin de semana á Praia da Concha de Vilagarcía de Arousa dándolle cobertura a unha nova edición do Atlantic Fest. Turismo de Galicia apoia así, un ano máis, a celebración deste evento de referencia do verán musical no territorio galego, que alcanza a 12ª edición deste este venres, 18 de xullo, e ata o domingo 20 na vila pontevedresa.
Neste 2025, no cartel do Atlantic Fest danse cita, grandes figuras imprescindibles da escena indie-rock e o pop internacional, estatal e galega, como Primal Scream, The Jesus and Mary Chain, Slowdive, Zahara, Xoel López, Los Planetas e León Benavente, entre moitos outros, que actuarán no escenario principal do festival, bautizado como Galicia Calidade.
Durante a presentación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, sinalou que o Atlantic Fest é un dos eventos máis queridos polo público galego, que transcende diferentes xeracións, e supón un relevante motor turístico nunha contorna costeira privilexiada.
Neste senso, salientou a satisfacción de contribuír á celebración, un ano máis, desta proposta musical de referencia, que aposta pola calidade musical e ofrece ao público a oportunidade de gozar cos directos de bandas e artistas de culto internacionais que visitan Galicia da nosa man. Finalmente, Merelles quixo destacar, tamén, que eventos como o Atlantic Fest amosan a relevancia e a singularidade da oferta musical e cultural galega, como motor da economía, o turismo e o lecer sostible no noso territorio.
O director de Turismo de Galicia destacou tamén a participación de Galicia Calidade nesta cita a través dun espazo específico dentro do festival, onde a marca desenvolverá diferentes actividades gastronómicas nas que se porá en valor a excelencia e variedade dos produtos galegos certificados.
As actividades gastronómicas celebraranse durante o venres 18 e sábado 19 de xullo, con degustacións e showcookings dirixidos por profesionais recoñecidos. O venres, ás 19:30 horas, a experta Salomé Beiroa será a encargada dunha cata de queixos galegos, e a partir das 22:00 horas terá lugar un showcooking a cargo do chef Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra). No menú empregarase unha ampla variedade de produtos certificados polo selo Galicia Calidade, que abranguen referencias do mar e da horta, produtos lácteos e elaboracións artesás.
O sábado, ás 19:30 horas, o público poderá asistir a unha exhibición de corte de xamón, con pezas procedentes de Jamones González e Terra de Núñez, e ás 22:00 horas terá lugar un segundo showcooking a cargo dos cociñeiros de Nova Ourense, que presentarán un menú creativo baseado en produtos de tempada e proximidade, cunha clara aposta pola innovación culinaria. Ao longo das dúas xornadas, empregaranse case unha trintena de produtos galegos certificados de diferentes empresas.
Grandes nomes do indie-rock e pop
A música en directo, o ambiente familiar e os grandes nombres do indie-rock e pop internacional, estatal e galego de hoxe e de sempre son os grandes piares desta exitosa cita. Cun cartel que reúne figuras xa clásicas e outras emerxentes e de absoluta vixencia, o Atlantic Fest converterá un ano máis á localidade de Vilagarcía no epicentro da música durante tres completas xornadas.
O escenario principal que dará cabida aos grandes directos das grandes iconas musicais do programa está bautizado como Galicia Calidade. O Atlantic fest conta, tamén, cun espazo para djs, un segundo escenario na Praza do Castro e unha zona de camping e glamping. O recinto ten un zona infantil, un espazo con xogos, obradoiros, cine e baile, ademais de zonas gourmet, e programa actividades paralelas aos concertos para todos os públicos, como exposicións ou, incluso, presentacións de libros. A entrada ao festival para menores de 12 anos é gratuíta.
Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Na provincia de Pontevedra, Concertos do Xacobeo suma máis dunha trintena de eventos, como Portamérica, Atlantic Fest, Costa Feira, Orballo Cultural, o Atlantic Fest ou Revenidas.
Deste xeito, contribúese a fomentar na provincia de Pontevedra a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da paisaxe e a riqueza patrimonial e paisaxística local.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.