Noticias

O Pladiga 2025 incrementará nun 19% o orzamento para formación do persoal contra incendios

O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Entre 2019 e 2024 investiuse un total de 2,6 millóns de euros, permitindo a realización de 159 accións formativas e case 469.000 horas lectivas.

Para os próximos anos, o plan estrutúrase en seis programas:

- Cursos monográficos sobre temas específicos.
- Itinerario formativo profesional para especialización.
- Adestramento operativo para mellorar a eficiencia.
- Formación para entidades locais.
- Programas de sensibilización cidadá.
- Divulgación pública para concienciación.

Novidades operativas: o xefe de loxística

Unha das innovacións do Pladiga é a creación da figura do xefe/a de loxística, un posto operativo que xestionará

- O desprazamento de medios durante incendios complexos.
- A supervisión das comunicacións en zona de emerxencia.
- O avituallamento e aloxamento do persoal.
- A coordinación co Centro de Coordinación de Distrito (CCD) e o Punto de Recepción de Medios (PRM).

Dispositivo humano e medios materiais

O dispositivo contra incendios contará cun total de 7.000 profesionais, cifra similar a anos anteriores, contabilizando os da Xunta e outras Administracións. Ademais, amplíase o período de traballo do persoal fixo-descontinuo, que o ano pasado traballaron ao longo de sete meses, en 2025 estano facendo oito e en 2026 e sucesivos farano nove meses.

En canto aos recursos materiais, vaise contar con 30 medios aéreos (da Xunta e do Estado) e 380 motobombas e vehículos pesados (incluídos os municipais), destacando tamén o proceso de renovación dos equipos existentes (desde 2013 substituíronse 137 motobombas, e en 2025 adquiriranse 3 novas unidades).
NoticiaPrevención en parques naturais e novas estratexias

En 2025 elaboraranse plans preventivos nos seis parques naturais de Galicia, compatibilizando a conservación do patrimonio natural coa redución do risco de incendios.

Tamén se avanzará nunha ferramenta de análise de risco para identificar áreas estratéxicas, coñecendo con maior precisión as zonas con maior probabilidade de incendios. Este proxecto, enmarcado no programa europeo Interreg-Sudoe (USE4FOREST), comezará en Pontevedra e Ourense.

Sensibilización, infraestruturas e investigación

Dentro dos traballos destinados á prevención activa dos incendios forestais, están previstas a creación de faixas cortalumes, a mellora de pistas forestais, as queimas controladas e o mantemento de 5.000 puntos de auga.

Outro punto fundamental é a sensibilización, e concretamente dentro dos centros educativos, coa edición de 3.500 libros, 10.000 cadernos e 10.000 unidades didácticas de "Os Bolechas. Os incendios forestais".

En relación co plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras salienta a actuación nas parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI): Este ano incorpóranse dúas parroquias, e saen do listado 16, de xeito que en 2025, 26 parroquias estarán no listado (14 menos que en 2024).

Renovación de infraestruturas

O Plan de Mellora de Infraestruturas (2025-2026) contará cun orzamento de 13,7 millóns de euros para:

- Nova base aérea en Lalín (Pontevedra)
- Reforma integral da base de Antela (Sandiás, Ourense), adaptada para seis avións, cuxo financiamento contará co apoio de fondos Feader dentro do programa Interreg, e nova base aérea en Valga
- Bases de unidades operativas (BUO) en Valga, Portas, Tui e Bande, financiadas con fondos Feader e Feder.

Estas actuacións pretenden, modernizar os medios de prevención e extinción, garantindo unha resposta máis eficaz ante os incendios forestais.

R., 2025-07-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES