
O Vicedo celebra o venres e o sábado a oitava edición da Romaxe Viquinga, que impulsa o concello co apoio da Xunta de Galicia. A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación da programación, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o alcalde do municipio, Jesús Novo, e o dúo Queiman e Pousa, que colabora na organización, entre outros.
O pregón da romaxe terá lugar no exterior da Casa da Cultura do Vicedo ás 20.30 horas do venres, e correrá a cargo do actor e guía turístico Suso Martínez. A actividade continuará nas rúas da localidade con música, combates e exhibicións a cargo das asociacións de recreación histórica Cabaleiros Rías Altas, Hípica Celta, Gandalf e Caballeros Bergidum Templi.
O escenario do sábado será a praia de Area Grande de San Román, que acolle os campamentos viquingo e cristián e as numerosas actividades que se sucederán ao longo da xornada, como obradoiros, pintacaras, xogos tradicionais, clase de runas, talleres de coiro, contacontos ou un concurso para premiar as mellores caracterizacións.
Ás 12.45 horas comezará o acto principal, o desembarco viquingo; entre os espectáculos destacan tamén unha voda viquinga, o torneo e, xa pola noite, un enterramento. O apartado musical estará cuberto con diversos pases durante o día dos grupos Perkusiona, Pelepau e Asher Sons Folk.
Arias subliñou a rápida consolidación desta cita de recreación histórica, que acada a súa oitava edición consolidada como un dos principais reclamos turísticos da Mariña. Ao respecto, destacou o empuxe do Concello do Vicedo e lembrou que a romaxe contou co apoio do Goberno galego desde o primeiro momento.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.