
A proposta conta coa colaboración de Ikea e está desenvolvida por Basurama, un colectivo dedicado á investigación e creación no ámbito cultural e ambiental, con especial atención á reutilización de materiais e aos procesos de transformación do espazo público. Desenvolverase ao longo do sábado 28 de xuño, en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00, con entrada libre e de balde, e as estruturas construídas permanecerán no Gaiás tamén durante o domingo.
Desafío de cartón forma parte da rede internacional Cardboard Challenge, que basea a súa metodoloxía na acción colectiva, promovendo a experimentación e a aprendizaxe a través do xogo. O seu enfoque céntrase na participación libre, na exploración da cidade e na promoción de valores como a horizontalidade e a inclusión.
Gaiás en verde
Esta proposta lúdica enmárcase en Gaiás en verde, unha liña de acción da Cidade da Cultura que programa actividades que mesturan arte e creatividade co obxectivo de consolidar a conciencia medioambiental da cidadanía, e especialmente da rapazada. Os espazos naturais do Gaiásmáis de 40 hectáreas verdes que inclúen o Bosque de Galicia, o Parque do Lago e os xardíns Literario e do Teatro convértense en escenarios e axentes de propostas artísticas e lúdicas non convencionais atravesadas pola ecoloxía.
Ao longo deste verán, o Gaiás está a acoller, por exemplo, un eco-campamento urbano que, ademais de ser espazo de conciliación para as familias, convida a descubrir e a conectar cos espazos naturais do monte Gaiás ao tempo que fomenta valores de sustentabilidade e respecto ambiental.
Tamén na primeira quincena de xullo o Parque do Lago converterase na contorna natural única que acolle unha programación de actividades familiares con música, teatro, xogos e obradoiros artísticos, unha proposta que recolle o espírito participativo e festivo das grandes citas culturais, pero adaptándoo a un formato máis sustentable, accesible e en harmonía coa contorna.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.