//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
O Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero acordou solicitar ao Ministerio de Igualdade información sobre os fallos recentes nos sistemas de control telemático das ordes de afastamento en Galicia, para saber cantas mulleres puideron resultar afectadas. O director xeral Roberto Barba tamén pediu ao Goberno central máis financiamento e medios técnicos para garantir o bo funcionamento do sistema Cometa, esencial como proba en casos xudiciais. Ademais, o pleno do Observatorio definiu as liñas estratéxicas do II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, incorporando novas perspectivas baseadas na experiencia do primeiro plan.
Un total de 177 adegas e empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de viños, augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade participan nas catas oficiais deste 2025. As precatas dos viños das DO prolongaranse ata este mércores e correrán a cargo de catadores dos propios paneis de cata dos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. As precatas do resto de categorías e as catas finais realizaranse do 21 ao 23 deste mes de outubro, por parte de catadores, sumilleres, enólogos e profesionais vinculados ao sector, pero que non pertencen aos paneis das D.O.
A Consellería do Medio Rural lidera un ambicioso proxecto europeo baixo o nome USE4FOREST, co obxectivo de reforzar a prevención e loita contra os incendios forestais no espazo Sudoe (Suroeste Europeo). Esta iniciativa, financiada con case tres millóns de euros polo programa Interreg-Sudoe, integrará tecnoloxías innovadoras e estratexias preventivas para protexer as zonas forestais máis vulnerables, comezando polas provincias de Pontevedra e Ourense. O proxecto nace dunha colaboración estratéxica entre administracións e entidades especializadas da nosa comunidade (entre as que se atopa a Xunta de Galicia), do resto de España, de Portugal e de Francia.
O modelo de ensino híbrido galego vén de ser recoñecido a nivel estatal coa primeira edición do premio que outorga o Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED), un consorcio integrado por entidades tanto públicas como privadas vinculadas á investigación como a Fundación Cotec e a Fundación Princesa de Girona, entre outras. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recolleu esta mañá en Málaga este galardón, nun acto que tivo lugar con motivo das Xornadas de colaboración público-privada en educación organizadas por esta organización, cuxo labor se centra precisamente en xerar coñecemento colectivo e ofrecer información actualizada sobre a educación dixital en España.
A satisfacción dos galegos coa súa vida e a percepción sobre a súa saúde mellora respecto aos datos do ano 2019 segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística. O IGE vén de publicar o módulo específico da Enquisa estrutural a fogares dedicado ao estudo do capital social para o ano 2024, unha operación dedicada a coñecer o grao de benestar dos galegos maiores de 16 anos. Esta enquisa xa se realizou previamente nos anos 2014 e 2019, cuxos datos completos e actualizados poden consultarse na web do IGE. No 2024, o grao de satisfacción dos galegos e galegas coa súa vida foi de 7,31 nunha escala de 0 a 10, sendo 0 nada satisfeito/a e 10 plenamente satisfeito/a, puntuando por riba de 7 o 73,71 % dos enquisados.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, esixiu esta mañá ao Goberno central que ofreza 'explicacións convincentes' sobre os fallos detectados nas pulseiras antimaltrato e que 'tome solucións inmediatas'. Na súa intervención no Senado, solicitou que se dea a Galicia e ao resto de comunidades autónomas información sobre o alcance real destas incidencias. Fabiola García, que participou na sesión monográfica sobre violencia de xénero que tivo lugar hoxe no seo da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, indicou que a Xunta está recompilando información sobre os posibles casos acontecidos en Galicia e garantiu o apoio do Goberno galego a todas aquelas vítimas que se puideron ver afectadas.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe o inicio da produción en Galicia dun novo radiofármaco que facilita o diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado. Durante o mes de agosto e os primeiros días de setembro puideron subministrarse as primeiras doses do radiofármaco, e a finais deste mes a unidade galega estará en condicións de abastecelo de xeito regular a todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde. A produción destes radiofármacos ten un impacto moi positivo no sistema sanitario, posto que permite diagnósticos máis temperáns e precisos, especialmente en tumores, patoloxías cardíacas e enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer.
Galicia é a segunda comunidade autónoma coa maior porcentaxe de alumnado matriculado en Ensinanzas Artísticas, segundo as estatísticas do Ministerio de Educación. En Galicia, por cada 10.000 habitantes de entre 14 e 21 anos, hai 330 estudantes en Ensinanzas Artísticas, moi preto dos 392 da Comunidade Valenciá. A media española é de 230. As Ensinanzas Artísticas -que inclúen as Artes Plásticas e Deseño, a Conservación e Restauración de Bens Culturais, as ensinanzas superiores de Música e de Arte Dramática e as ensinanzas elementais e profesionais de Danza e de Música- acadaron o pasado curso os preto de 6.200 matriculados.
A Xunta de Galicia vén de lanzar o Protocolo de actuación contra a violencia na infancia e na adolescencia no ámbito educativo, que ten como principal obxectivo que os docentes dispoñan das ferramentas axeitadas, así como dunha folla de ruta clara para activar ante a sospeita de que algún estudante poida estar sufrindo unha situación de violencia de calquera tipo e en calquera contexto. O protocolo establece o procedemento a seguir cunha actuación coordinada do persoal educativo que asegure unha resposta rápida e eficaz e sempre orientada á protección do menor. Nel fai fincapé tanto na prevención como na detección e intervención ante casos de violencia que os estudantes poidan sufrir tanto no propio centro como no seu ámbito social e familiar.
Galicia xa ten identificados 1.600 elementos a incluír no futuro catálogo de bens de valor cultural no litoral. Un traballo que se desenvolveu en tan só dous meses desde a asunción das funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral por parte do Executivo galego. A Lei de ordenación e xestión integrada do litoral en Galicia (Loxilga), en vigor desde hai dous anos, converteu Galicia na primeira Comunidade Autónoma en regular por lei a totalidade da súa costa, exercendo desde o pasado 1 de xullo a súa xestión plena e efectiva co traspaso das funcións e servizos correspondentes. Este marco normativo supón un punto de partida que dota a Galicia da capacidade de actuar e planificar o futuro do seu litoral.
A décimo terceira edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que participan case un cento de adolescentes de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de BAC e ciclos medios de FP, arrancou este luns e desenvolverase ata o sábado 5 en facultades, centros de investigación e laboratorios do Campus de Lugo da USC. Como en anos anteriores, o programa inclúe obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio.
Do 26 ao 28 de setembro, o concello ourensán de Lobios acollerá o Xurés 2025, que aglutina a celebración do IV Seminario Internacional de Educación Social, a IV Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social e o festival musical Xurés Son. A cita, o maior encontro internacional de profesionais da educación social, está promovida polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e coordinada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo.
O pasado mes de abril presentouse no campus de Ourense o proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en oito municipios do rural ourensán. Nel participan os concellos de San Xoán de Río, Taboadela, Oímbra, Larouco, A Teixeira, Vilariño de Conso, Esgos e Porqueira e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Este xoves os seus membros volveron ao campus para deseñar as súas follas de ruta para a implementación das accións deseñadas.
O investigador da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar o artigo 'Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History' na revista 'Names: A Journal of Onomastics' que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.
A Universidade da Coruña foi sede hoxe da reunión constitutiva do grupo de traballo sobre a descentralización do grao en Medicina, proposto na sesión do 10 de xuño do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia. Neste primeiro encontro, marcado pola propia creación do grupo, aprobouse a normativa de réxime interno e o calendario de traballo que marcará as liñas de acción de cara aos vindeiros meses.
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a entrega dos galardóns da VII Edición dos Premios Isabel Zendal, o concurso que ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional, unha ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xuventude.
Como organizar a aula, como deseñar as actividades a desenvolver nela e, sobre todo, facelo dende unha perspectiva interdisciplinaria e cun obxectivo claro: fomentar o pensamento crítico. A todas estas preguntas buscan responder as sesións que, ao abeiro do proxecto Competencias Meta-científicas na Era da Des-información (SciLMi), se desenvolven ao longo desta semana na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
En moitas rexións do mundo coexisten distintas linguas e moitas veces unha delas evoluciona aumentando o seu uso a costa doutra ou doutras. Co obxectivo de contribuír a ter ferramentas científicas para abordar un tema desta complexidade, os investigadores das universidade de Vigo e La Rioja Iván Area e Marc Jornet veñen de desenvolver un modelo matemático que permite predicir a evolución de cada un dos idiomas nun sistema multilingüístico complexo.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a presidenta da Fundación Española de Historia Moderna, Cristina Borreguero; a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos; e o catedrático de Historia Moderna da Universidade da Coruña, Manuel-Reyes García, inauguraron no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a XVII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna (FEHM).
Coordinado pola UVigo e financiado polo programa comunitario Jean Monnet, o proxecto RightsEU buscar achegar ao profesorado de FP unha formación específica sobre a Unión Europea, que poña o foco nos dereitos sociais e laborais da cidadanía, coa idea que as e os docentes poidan posteriormente implantar os principios e dereitos sociais e europeos nos seus programas.