
Foi nunha estancia utilizada como vertedoiro das vivendas romanas, entre miles de obxectos recuperados, sobre todo cerámicos, onde o equipo liderado polo docente e investigador Adolfo Fernández descubriu o que se confirma como o undécimo trilobite coñecido, localizado nun contexto arqueolóxico, procedente dun asentamento romano, que data dos séculos I-III d.C, escavado na Cibdá de Armea.
O espécime representa o primeiro trilobite confirmado de época romana e é o terceiro do rexistro arqueolóxico mundial recollido e utilizado por humanos hai máis de 1000 anos. As súas características paleontolóxicas e de conservación permiten situar a súa probable orixe no afloramento de esquisto del Ordovícico Medio no centro-sur da península ibérica, a máis de 430 quilómetros do xacemento onde se atopou, explican as e os investigadores. Sobre as modificacións que o exemplar, un membro da familia Reedocalymeninae (Colpocoryphe sp.), de entre 453460 millón de anos e orixinario da zona centroibérica meridional do macizo ibérico, presenta na súa parte inferior, interprétanse como indicadores do seu posible uso dentro dun colgante ou pulseira, probablemente servindo como amuleto con propiedades máxicas ou protectoras.
Interese polos fósiles na época romana
As e os autores do artigo Significance of fossils in Roman times: the first trilobite find in an early Empire context sinalan o interese de emperadores romanos como Augusto e Tiberio polos fósiles de gran tamaño, ao tempo que as fontes clásica tamén mencionan fósiles de organismos máis pequenos, como moluscos, artrópodos ou equinodermos, que os romanos coñecían e consideraban como elementos máxicos e protectores, tanto nos seus lugares de orixe, como no lugar onde se comercializaban.
A miúdo, acababan servindo como ofrendas ou depósitos votivos en lugares relixiosos, templos ou simples lugares de veneración. Lamentablemente só se coñecen uns poucos casos de fósiles de invertebrados recuperados en contextos arqueolóxicos romanos, o que limita a nosa comprensión do fenómeno, sinalan os autores do artigo que confirman que o descubrimento presentado neste traballo representa o primeiro trilobite documentado no mundo romano e referencia máis antiga coñecida a este grupo fósil, e á manipulación intencionada dun espécime de trilobite, en toda a antigüidade clásica.
Funcións máxicas, protectoras e incluso medicinais
A escasa presenza de trilobites en arqueoloxía, motivada pola dificultade para desprenderse dos seus restos das duras rochas silíceas ou as calcarias masivas nas que se xeralmente se atopan e que fixo que pasaran desapercibidos para os coleccionistas en épocas pasadas, é unha das cuestións que confirman os investigadores da UVigo no seu traballo, ao tempo que inciden no feito de que nos dez rexistros arqueolóxico de trilobites anteriores, coma neste, se lle atribuíron funcións máxicas, protectoras ou mesmo medicinais similares ás atopadas noutros grupos de invertebrados en xacementos arqueolóxicos de diversas épocas, mitos, tradicións e farmacopeas antigas.
O feito de que non existan fósiles deste tipo na zona e nas rexións próximas compostas por rochas ígneas ou con forte metamorfose, respalda a existencia dun comercio insospeitado destas pezas dentro da península ibérica, que se desprazaba de sur a norte ao longo de centos de quilómetros, sinalan os autores do artigo, que tamén destacan o valor como obxectos sagrados con forte calidades protectoras que os romanos outorgaban a estes animais ancestrais. Neste sentido, o aspecto torácico dos trilobites podería inspirar toda unha serie de obxectos protectores e curativos, como as doas de trilobites de acibeche, utilizadas principalmente como elementos de protección por mulleres e nenos, detallan os e as arqueólogas, que afirman que o estudo arqueolóxico confirmou a recolección e uso do fósil en época romana, posiblemente engastado nun brazalete ou como colgante de banda nun colar e datado o seu abandono entre os séculos I e III d.C., aínda que a finalidade exacta do seu uso segue a ser obxecto de especulación.
Non obstante, é plausible considerar que o trilobite de Armea puidera ser percibido como posuidor de poderes máxicos e protectores para o seu portador, como ocorre con fósiles ou mesmo trilobites noutros contextos arqueolóxicos coñecidos, explican as e os autores do traballo, que na súa consideración final refíren unha coincidencia histórica simple pero paradoxal, aseguran. O trilobite de Armea foi atopado no nivel arqueolóxico xunto a unha moeda de bronce de Augusto, quen, segundo o historiador romano Suetonio, era un coleccionista de fósiles e fundou o primeiro museo paleontolóxico coñecido, conclúen.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.