
Destes, un total de 32 contarán cun espazo na carpa do evento na praza de España, mentres que outros oito proxectos foron seleccionados para presentar os seus modelos de negocio no encontro Pont-Up Venture, dirixido a achegarlles oportunidades de financiamento.
As máis de 150 candidaturas recibidas volven deixar dous datos moi claros sobre o ecosistema emprendedor galego, sinalan desde a organización dun evento que conta coa colaboración de Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia. En concreto, nesta edición destacan novamente as empresas con base no rural, que representan máis do 59% das iniciativas presentadas, así como os proxectos liderados por mulleres, que representan máis do 60% das propostas recibidas.
Propostas innovadoras en múltiples sectores
Entre as iniciativas seleccionadas para esta nova edición dun evento dirixido a empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria atópanse iniciativas como Agrolistik, unha aplicación que pon en contacto a propietarios de leiras con tractoristas e outros profesionais do sector forestal. Presentada como un Uber para tractoristas, trátase dunha iniciativa da empresa Agro4Impact, unha spin-off da Universidade de Vigo, desenvolvida coa axuda do programa Ignicia da Xunta de Galicia.
Por outra banda, a empresa Masel presentará no Pont-Up Store unha ferramenta de xestión para hostalería con intelixencia artificial integrada, mentres que Serenia Solucións dará a coñecer un asistente virtual orientado ás persoas maiores, que ofrece entretemento ao mesmo tempo que monitoriza distintos aspectos da súa saúde. Outra das propostas destacadas pola organización é Proa2 Care, un leite de inicio para lactantes procedente de vacas galegas en réxime de pastoreo.
Xunto a estas propostas, a innovación aplicada a sectores como o agroalimentario, o enerxético ou a cosmética natural forman parte dos 40 proxectos seleccionados, entre os que se atopan tamén diferentes iniciativas de artesanía e deseño con vocación sostible.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.