
A selección española de fútbol sub-21 xogará en Lugo o venres 14 de novembro o partido contra o San Marino clasificatorio para o Campionato de Europa 2027. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe, durante a presentación da cita, que a Xunta apoiou desde o primeiro momento á Federación Española de Fútbol para que este evento internacional se celebrara no estadio Anxo Carro.
No acto, celebrado na Delegación Territorial, participaron tamén o seleccionador nacional, David Gordo; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o presidente do CD Lugo, Ronald Baroni, entre outros.
O encontro, que comezará ás 20,45 horas, corresponde á fase de clasificación para o Europeo 2027, que se celebrará en Albania e Serbia coa participación de 16 seleccións. España encadea un pleno de vitorias nas tres xornadas disputadas e lidera o grupo que comparte con Romanía, Finlandia, Kosovo, Chipre e San Marino.
As entradas están a venda a través da plataforma oficial da Real Federación Española de Fútbol e os clubs deportivos da cidade contan cunha promoción especial. Ata o momento vendéronse xa arredor de 2.200 localidades.
O seleccionador nacional, David Gordo, amosou a súa satisfacción por disputar este partido en Lugo, unha cidade na que se respira ambiente de fútbol, cunha afección espectacular e agradeceu o apoio da Xunta para traer á cidade este encontro, que servirá tamén para promover o fútbol entre os máis novos, xa que pode ser o espello no que moitos mozos e mozas se miren.
Javier Arias puxo tamén en valor esta aposta por Lugo e pola mocidade e destacou que comeza a conta atrás para unha cita deportiva de gran calado para Lugo, na que teremos a oportunidade de ver a algúns dos xogadores que máis despuntan no panorama nacional, e que suporá ademais unha importante proxección internacional para a cidade.
O delegado aplaudiu que a RFEF elixira o estadio Anxo Carro e explicou que poñemos á súa disposición unhas boas instalacións, e verán en marcha un proxecto de reforma e modernización que agardo que os anime a contar co noso estadio en máis ocasións.
A Xunta está a investir preto de 3,6 millóns de euros nas obras que transformarán as principais bancadas e outros espazos do complexo deportivo. A previsión é que os traballos estean rematados para o comezo da próxima tempada.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.