Noticias

A Xunta ten en marcha a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19 cun programa piloto de vacinación intranasal en centros educativos

A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19, que se estenderá ata o vindeiro 31 de decembro e que introduce importantes novidades tanto para a poboación maior como para a infantil. Durante esta primeira fase, adminístrase a vacina antigripal reforzada de alta carga ás persoas usuarias das residencias de maiores e dos centros de persoas con discapacidade e ao persoal que neles traballa. A principal novidade este ano é a ampliación das doses de alta carga ás persoas maiores de 70 anos, tras os bos resultados obtidos no ensaio clínico Galflu.

A campaña continuará de maneira progresiva ata finais de ano, seguindo un cronograma escalonado por grupos de idade e risco, co obxectivo de acadar a totalidade dos colectivos de poboación diana.

Programa piloto de vacinación intranasal nos centros educativos

De feito o 13 de outubro comezou tamén un programa piloto de vacinación fronte á gripe por vía intranasal en centros educativos, co obxectivo de chegar a 19.000 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos pertencentes a 55 colexios galegos.

Trátase dunha iniciativa conxunta das Consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP, que pretende consolidar o liderado de Galicia en materia de prevención sanitaria, ao contar cun dos calendarios de vacinación máis completos do mundo.

A vacinación nos centros realízase de forma voluntaria entre o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria, cun obxectivo de cobertura do 70 % entre os nados entre 2014 e 2022. En función dos resultados acadados, a Xunta avaliará a posible extensión do programa ao resto dos centros escolares nas próximas campañas.

A administración da vacina por vía intranasal, que evita o pinchazo, facilita a loxística e a aceptación entre a poboación infantil. Para iso, equipos de enfermería das sete áreas sanitarias desprázanse aos colexios participantes para realizar a vacinación nas propias instalacións educativas.

O obxectivo final é reducir o número e a gravidade das complicacións derivadas da gripe na poboación infantil, minimizando o impacto na saúde dos nenos e nenas, das súas familias e da comunidade en xeral, mediante a prevención e a interrupción da cadea de transmisión.

NoticiaAs consellerías implicadas informaron aos centros e ás familias dos detalles do programa e da importancia da vacinación. Para iso, fíxose unha reunión por videoconferencia cos responsables dos colexios seleccionados e encontros informativos presenciais coas familias e os equipos de enfermería, nos que se fixo entrega da folla informativa e o consentimento que deben asinar para a vacinación dos seus fillos e fillas.

O programa piloto estase a desenvolver en 55 centros educativos, seleccionados para garantir unha representatividade equilibrada dos ámbitos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias galegas.

Desenvolvemento da campaña de vacinación

A campaña continuará con diferentes fases de inmunización:

• 20 de outubro: vacinación de persoas de 70 e máis anos, inmunodeprimidas e do persoal sanitario e de urxencias.
• 3 de novembro: mulleres embarazadas e persoas menores de 60 anos con patoloxías de risco.
• 10 de novembro: persoas con 60 e máis anos, persoal de servizos esenciais e con exposición laboral.
• 1 de decembro: conviventes de persoas de risco e resto da poboación.

Galicia, líder en cobertura vacinal

A comunidade galega continúa á cabeza do Estado en materia de prevención. A taxa de vacinación fronte á gripe en maiores de 65 anos acadou o pasado ano o 71 %, fronte ao 58,4 % da media española.

A Xunta convida ao conxunto da poboación galega a vacinarse fronte á gripe e á covid-19, co obxectivo de reducir a incidencia destes virus e previr as súas complicacións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables e a poboación infantil.

R., 2025-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES