Noticias

Galicia rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido

O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido. En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira parte, ata o día 18, con predominio de altas presións, que deixaron tempo seco e moi cálido. A partir do día 19, as temperaturas descenderon e as precipitacións foron aparecendo con máis frecuencia e intensidade. Con todo, as temperaturas medias do mes quedaron moi por riba do que sería de agardar en outubro e as precipitacións que se foron acumulando nos últimos días non puideron chegar aos valores propios deste mes na maior parte de Galicia.

No que respecta ás temperaturas, a media en outubro para a serie rexional foi de 16,1 graos, 1,6 graos máis do valor habitual neste período, o que significa que se tratou dun mes moi cálido. De feito, segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas, as desviacións medias das temperaturas mínima (0,9 graos) e máxima (2,4 graos) foron tamén superiores aos valores normais neste mes.

Máis polo miúdo, a media da temperatura mínima en Galicia en outubro foi de 9,9 graos. Os valores máis baixos (5,1 graos e 6,3 graos) rexistráronse nas comarcas da Limia e de Verín e nas serras da Queixa e Eixe, mentres que os más altos (entre 13,8 graos e 14,9 graos) localizáronse nas zonas costeiras das rías de Pontevedra e Vigo. En canto ás temperaturas máximas, a media foi de 20,4 graos. Nas ribeiras do Miño ourensá e nos vales dos ríos Sil, Soldón, Támega e Tea rexistráronse os valores máis altos (entre 22,9 e 24,5 graos) e os máis baixos (entre 14,7 graos e 16,3 graos) déronse nas serras da Queixa e Eixe.

Por outra banda, a precipitación media acumulada para a serie rexional en Galicia no mes de outubro foi de 123 l/m2 e, segundo o valor medio das anomalías rexistradas nas 16 estacións meteorolóxicas representativas, isto supón un 26% menos do habitual neste período, polo que se considera seco.

As cantidades de precipitación máis elevadas rexistráronse na fachada atlántica, con valores de entre 250 e 300 l/m2, chegando aos 350 l/m2 na contorna da serra do Suído. Pola contra, os acumulados máis baixos, que oscilan entre os 20 e os 40 l/m2, atópanse na metade setentrional da Mariña e en áreas dos vales dos ríos Sil e Navia.

R., 2025-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES