Notas de prensa

Youtubeiras+ ofrece obradoiros de creación de contidos dixitais en galego

O proxecto Youtubeiras+, impulsado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, das tres universidades do Sistema Universitario Galego —Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo— e a Deputación da Coruña, promove unha nova edición dos seus obradoiros de creación de contido dixital en galego, orientados a centros educativos, docentes e público xeral.

Estes obradoiros, de carácter teórico-práctico, serán impartidos por persoas referentes no ámbito da creación de contido dixital en lingua galega como Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío, e Laura Veiga, da canle Pingando. A formación busca achegar ferramentas para fomentar a identidade dixital, a diferenciación na contorna virtual e a planificación estratéxica de contidos.

No caso dos centros educativos, os obradoiros dispoñen de dúas modalidades segundo o perfil do alumnado: unha sesión introdutoria de 50 minutos ou un formato ampliado de 100 minutos cun enfoque eminentemente práctico. Para o profesorado, os cursos céntranse na integración das redes sociais e a creación de contidos como recursos pedagóxicos. Pola súa banda, as sesións destinadas ao público xeral —que se realizarán en centros socioculturais, casas da mocidade ou asociacións veciñais— abordarán cuestións clave como a identidade dixital e a planificación de proxectos audiovisuais a medio e longo prazo.

As entidades interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa solicitude a través da web www.youtubeiras.gal ou escribindo ao enderezo electrónico [email protected].

Convocatoria da IX edición dos Premios Youtubeiras+

A maiores, en setembro abrirase o prazo da IX edición dos Premios Youtubeiras+, un certame que recoñece a calidade e orixinalidade de contidos creados en galego en plataformas como YouTube ou TikTok. Nesta nova convocatoria manterase a dotación total de 7.500 euros e ampliaranse as categorías, que pasarán a ser sete. Na edición de 2024 participaron 89 canles, das que 49 procedían de YouTube e 40 de TikTok.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-07-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES