Noticias

Galicia reduce os tempos de tramitación da dependencia e da discapacidade

No que vai de ano reducíronse un 10% os tempos de tramitación, o que supón 38 días menos, mentres que media nacional subiu nun 4,5%. A taxa de atención mellorou de maneira continua. Así, esta pasou, do 95,3% en xaneiro do 2023 ao 98,8% en setembro de 2025, sendo Galicia a segunda comunidade que máis incrementou o número de dependentes atendidos, ata superar hoxe os 88.000, e a pesar de ser tamén a que máis solicitudes recibiu. Desde a entrada en vigor en xaneiro do Plan de choque ata o pasado mes de setembro se resolveron de maneira favorable 63.425 expedientes de dependencia e de discapacidade, un 102,3% máis respecto ao mesmo período do ano anterior.

A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, María Francisca Gómez, defendeu hoxe os avances conseguidos na atención á dependencia e á discapacidade. Fíxoo na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, onde sinalou que no que vai de ano reducíronse un 10% os tempos de tramitación, o que supón 38 días menos, mentres que media nacional subiu nun 4,5%. Neste sentido, sinalou que aínda hai marxe de mellora e que o obxectivo pasa por seguir axilizando o acceso aos servizos e prestacións.

Ademais, María Francisca Gómez destacou que a taxa de atención mellorou de maneira continua. Así, esta pasou, do 95,3% en xaneiro do 2023 ao 98,8% en setembro de 2025, sendo Galicia a segunda comunidade que máis incrementou o número de dependentes atendidos, ata superar hoxe os 88.000, e a pesar de ser tamén a que máis solicitudes recibiu.

Na súa intervención, a responsable autonómica detallou que desde a entrada en vigor en xaneiro do Plan de choque ata o pasado mes de setembro se resolveron de maneira favorable 63.425 expedientes de dependencia e de discapacidade, un 102,3% máis respecto ao mesmo período do ano anterior.

En concreto, en dependencia rexistráronse 20.576 novas persoas atendidas e en discapacidade emitíronse 42.849 expedientes positivos, dos cales mais de 10.300 foron resoltos por homologación, evitándolles ás persoas unha dobre valoración e recoñecéndolles a discapacidade ás persoas dependentes que a tiñan solicitada. Ao respecto, lamentou que o Goberno central impugnara ante o Tribunal Constitucional estas homologacións automáticas, poñendo en risco os dereitos destas persoas.

Atención máis rápida e eficaz

María Francisca Gómez expuxo que estes datos poñen de manifesto que o Plan está a dar resultados, xa que está a permitir reducir as listas de agarda, simplificar os trámites e garantir unha atención máis rápida e eficaz, especialmente para as persoas maiores de 80 anos, para as que se establece unha vía preferente de atención.

Ademais, apuntou que estes resultados foron posibles grazas a un importante esforzo de xestión e de persoal: adaptáronse as aplicacións informáticas e o sistema de citas, creáronse unidades de valoración máis próximas á cidadanía e reforzouse o cadro de persoal.

A secretaria xeral da Consellería indicou que o desenvolvemento deste Plan require un importante esforzo económico. O orzamento destinado á atención directa ás persoas dependentes nos primeiros oito meses do ano aumentou en 52 millóns de euros con respecto ao mesmo período de tempo de 2024, situándose nos 700 millóns de euros.

Críticas ao Goberno central

Nesta liña, volveu reclamar ao Goberno central que sufrague o 50% do custo da dependencia ao que está obrigado por lei. Pero en vez de aumentar a súa achega, esta diminúe cada ano, pasando de financiar o 40% no 2023 ao 34% o exercicio pasado. Un financiamento do 50% que si comprometeu co País Vasco, deixando ao marxe ao resto de comunidades e xerando, deste xeito, dependentes de primeira e de segunda.

A responsable autonómica puxo en valor que Galicia foi a primeira comunidade en adaptar a súa normativa ao Real Decreto para a reforma do sistema de dependencia aprobado polo Executivo central en xullo de 2023, a catro días das eleccións xerais, e sen previo aviso e sen consenso coas Administracións autonómicas e locais, que son as que realmente xestionan e prestan os servizos.

María Francisca Gómez explicou que con esta normativa o Goberno central incrementou as intensidades do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) –ata un 85% no grao I e máis dun 34% no grao III–, sen achegar fondos adicionais e sen ter en conta se os concellos dispoñían de financiamento para aplicalo, se os contratos de prestación do servizo que teñen coas entidades adxudicatarias admitían este incremento ou se contaban con persoal suficiente.

Ao respecto, cualificou de despropósito orzamentario e técnico a imposición deste Real Decreto e puxo como exemplo que se a Xunta o tivera aplicado literalmente, as persoas dependentes en Galicia terían que pagar un 40% máis polas mesmas horas de SAF e de centro de día. Para evitar esta situación, a Xunta elaborou en tempo récord unha norma que corrixiu estes desfases e que supuxo un custo adicional de 80 millóns de euros.

R., 2025-10-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES