
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e do director da ONG Aldeas Infantiles, Pedro Puig, participou na xornada Deputados por un día, na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade.
Os catro alumnos representantes dos colexios, un por cada provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Nesta ocasión, participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia.
O director xeral agradeceu o traballo realizado polos portavoces dos colexios Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño (Vila de Cruces), que presentaron e debateron as súas propostas para facer da sociedade un lugar mellor onde medrar.
Ao respecto, Jacobo Rey felicitou tanto a Aldeas Infantiles como aos centros educativos polo seu interese por trasladar aos máis novos valores como o diálogo e o consenso e animou aos nenos e adolescentes a participar en iniciativas que fomenten a súa participación na sociedade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.