
Dada a magnitude do proxecto e a súa complexidade científica, técnica e financeira, é precisa unha colaboración estreita a todos os niveis. Neste proceso, o CDTI impulsa o procedemento da consulta preliminar ao mercado e a Compra Pública Precomercial; a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, actúa como comprador público; e o IGFAE, como promotor científico técnico, é o centro de coñecemento que define, monitoriza e valida o prototipo.
Coa finalidade de chegar a construír en Galicia dito prototipo, lánzase xa a consulta preliminar ao mercado para que as empresas interesadas na fabricación do mesmo poidan expresar o seu interese ata o día 9 de xullo. O próximo 23 de xuño celebrarase na sede do IGFAE, en Santiago de Compostela, unha xornada para explicar a axentes interesados as claves de participación neste proceso, así como os obxectivos e o alcance que terá no ámbito galego, nacional e internacional. Os interesados en participar poden inscribirse xa na seguinte ligazón habilitada.
A través desta consulta, búscase coñecer o grao de desenvolvemento de tecnoloxías novidosas e relevantes no ámbito dos colisionadores de partículas para facer o prototipado completo e preindustrialización dunha sección representativa do Futuro Colisionador Circular (FCC-Future Circular Collider). Esta consulta marca o inicio do proceso de compra pública innovadora na modalidade de contratación precomercial levada a cabo polo CDTI e destinada a articular a participación de empresas e outros axentes do ecosistema de I+D+i neste reto.
Un prototipo para unha maqueta de 43 metros a tamaño real
Co fin de deseñar e probar todas as compoñentes da primeira fase do futuro FCC, está prevista a construción dunha maqueta a tamaño real de 43 metros de lonxitude, na que se ensamblarán os prototipos que se desenvolverán nos respectivos países implicados no proxecto. Cando se constrúa o FCC, deberá replicarse ata 2.000 veces esta maqueta, concibida como unha unidade básica, chamada cela de arco (arc cell), ata completar toda a circunferencia.
Cada unha destas celas contará con imáns dipolares para curvar o feixe das partículas, así como imáns cuadrupolares e sextupolares que enfocan e desenfocan este feixe. Estes últimos están contidos nunha subunidade, chamada Sección Recta Corta (Short Straight Section SSS), que é o obxecto concreto desta proposta. Para este fin, desenvolverase un banco de probas cun deseño a tamaño real, que será ensamblado e comisionado nas instalacións do propio IGFAE, para ser logo validado no propio CERN.
O retorno industrial, un obxectivo fundacional do IGFAE
Segundo destaca o director do IGFAE, Carlos Salgado, este proxecto entronca cun dos obxectivos fundacionais do Instituto, o fomento da actividade industrial en tecnoloxías relacionadas coa física de partículas. A construción deste equipamento para o futuro FCC supón un proxecto tractor para Galicia e o seu tecido de I+D+I, tanto na formación científica e técnica como na creación de emprego altamente cualificado.
O liderado do IGFAE nesta iniciativa é froito da longa colaboración do IGFAE co CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), que se remonta á última década do século XX. Máis dun terzo do persoal do Instituto está adscrito ao CERN; principalmente, na área experimental a través da colaboración LHCb (á que hai que sumar a recente incorporación a CMS), mais tamén desde a perspectiva teórica.
Neste sentido, as novas instalacións do Instituto, inauguradas en 2025 cun investimento de 5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, permitirán establecer nos laboratorios do IGFAE un banco de ensaios para validar os deseños, a integración de sistemas, os materiais e o mantemento e manipulación dos equipos que se integrarán no FCC. Do mesmo xeito, as tecnoloxías desenvolvidas neste proxecto poderían usarse en futuras instalacións experimentais alén do CERN.
Desde o IGFAE coordinarán o proxecto, ademais de Carlos Salgado e Abraham Gallas, o investigador Néstor Armesto (coordinador da estratexia do Instituto para as novas infraestruturas científicas), e o enxeñeiro Antonio Fernández Prieto.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.