Notas de prensa

A Selección Oficial do Galician Freaky Film Festival trae a Vigo 74 curtametraxes, 34 países e un exército de estreas

O Galician Freaky Film Festival vén de anunciar a súa esperada Selección Oficial de curtametraxes, un dos sinais de identidade máis recoñecibles do certame vigués. Nesta novena edición, a programación chega con cifras de récord: 74 curtametraxes procedentes de 34 países. Máis de 14 horas de cine freak que converterán Vigo na capital internacional do cinema fantástico e de terror.

Un dos aspectos que cada ano destaca no certame é a cantidade de estreas. Nesta edición continúa a subir o número de filmes que o público poderá ver en exclusiva: 1 estrea mundial, 2 estreas internacionais, 1 estrea europea, 27 estreas en España e 34 estreas en Galicia. En total 65 das 74 pezas proxectaranse por vez primeira en Galicia, un fito que consolida ao GFFF como unha das plataformas máis importantes do panorama español para descubrir cinema de xénero actual e con proxección internacional.

A Selección Oficial e todas as proxeccións especiais e actividades do festival poderán desfrutarse do 19 ao 27 de setembro na Plaza Elíptica de Vigo. As entradas para as proxeccións, que se realizan nos Cines Tamberlick, xa están á venda na web do GFFF. Ademais, para aqueles freaks que non teñan posibilidade de achegarse fisicamente, o certame pon a disposición o GFFFOnline, que permite desfrutar de gran parte das curtas desde a casa.

DOCE BLOQUES TEMÁTICOS PARA TODOS OS FREAKS

A programación artéllase en 12 bloques temáticos, pensados para alimentar todos os gustos e pulsións da comunidade freak. Os dous volumes de Arrepío propoñen un auténtico festín para quen busque pasar medo, con pezas que exploran desde o suspense psicolóxico ata o body horror máis visceral. Un dos bloques de terror estará adicado en exclusiva a producións asiáticas.

A sesión de Ciencia Ficción chega este ano cun nivel excepcional e moi variado: desde propostas cómicas ata experimentos máis delicados, como Himalia, das cineastas canadenses Clara Milo e Juliett Lossky, rodada en esperanto e destinada a ser unha das xoias desta edición.
O apartado de Humor Freak regresa en dobre dose, con comedias disparatadas que abordan desde situacións cotiás ata delirios imposibles. Entre elas destaca I Am the Fire, do sueco Patrik Eklund, que explora a crise da mediana idade con violencia e sarcasmo a partes iguais, e que promete converterse nunha das comedias máis celebradas polo público.

Non faltará tampouco o bloque Serie B-estial, que repite tras o éxito de 2024 cunha nova colleita de propostas de baixo orzamento e ideas tolas, onde a falta de medios se converte en motor de creatividade. O bloque Alimento para o maxín aglutinará pezas moi visuais, que estimulan as neuronas e desconcertan o cerebro. E os dous bloques de Co Cu Torcido sempre conseguen xusto o que se propoñen, descolocar e sorprender con xenerosas doses de humor negro e situacións absurdas.

O surrealismo e a esaxeración visual atopan o seu espazo nas tres sesións de Que Carallo é isto?!, que xa son marca da casa. Neles veremos obras como King of Nothing, do serbio Aleksa Gajić, un relato sucio e arrollador que lembra ás viñetas máis feroces de Frank Miller; ou Mereneläviä, da finlandesa Veera Lamminpää, ambientada nunha pescadería que acaba converténdose nun escenario perturbador. No mesmo bloque tamén se poderá ver Freaks, do ruso Alexander Samsonov, unha historia sobre a marxinación e a procura do amor que combina crudeza e tenrura a partes iguais; ou Drizzle in Johnson, do director Ivan Li, unha animación tan peculiar e perturbadora que, como din dende o equipo de programación, “unha vez vista xa non se pode desver”, e que pechará a novena edición do GFFF.

XURADO DE LUXO

O difícil labor de decidir os gañadores da Selección Oficial recaerá no Ilustrísimo Xurado do GFFF 2025, composto por tres figuras de prestixio internacional. O director catalán Pol Diggler, gañador do Premio Freakiest Director na pasada edición e único cineasta do que o festival proxectou tres traballos, volve este ano en calidade de xuíz. Xunto a el estará a produtora e programadora italiana Alessia Gasparella, con experiencia en festivais como Tribeca, SXSW ou Fantasia e co-directora do Bref International Short Film Festival. Completa o panel Sara Lopo, programadora de MOTELX e membro do xurado en certames como Sitges e Fantastic Fest, recoñecida pola súa traxectoria no cinema fantástico internacional.

9 ANOS DE ABSOLUTO FREAKISMO

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde 2017 trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.

Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade freak.

Un festival único na nosa contorna, que cada ano gaña máis adeptos e que por méritos propios xa falan del como o festival de cinema máis divertido de Galicia, e un dos festivais de xénero da península ibérica que non te podes perder.

Galician Freaky Film Festival, 2025-08-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES