Notas de prensa

A actual vaga de calor aínda non supera 'o récord de temperatura' rexistrado en Compostela no ano 1990

'O actual é un episodio longo de calor na contorna de Compostela, e en Galicia en xeral, pero tivémolos bastante peores anos atrás, con rexistros abafantes'. Así define o coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC a vaga de calor que atravesa o país nestes días. As temperaturas medidas na estación do Observatorio, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), chegaron aos 35º8 o 4 de agosto, temperatura máxima rexistrada este mes.

Tomando como referencia só ás últimas décadas, e considerando unicamente os casos mais severos, o profesor Docobo destaca o sucedido durante a vaga de calor de xullo de 1990, na que non só se superaron os 35º en cinco xornadas, senón que os 40º3 do día 20 de xullo de 1990 eríxense “no récord de temperatura na cidade de Santiago de Compostela”.

Agosto de 2003 fora un mes moi caloroso con 14 días por enriba dos trinta graos, destacando os días 6 (37º2), 7 (38º5), 8 (38º7), 9 (33º3), 11 (34º5), e sobre todo o día 12 con 39º7. En xullo de 2006, outra vaga de calor, valores intensos nas temperaturas máximas dende o día 9 (30º3), pasando polo 10 (33º2), 13 (30º9), 14 (34º4), 15 (35º6), 16 (36º), e ata o día 17 (38º7). Tamén en 2006, a calor volveu con forza a comezos de setembro durante cinco xornadas e cunha máxima de 38º4 o día 5 dese mes.

Sete anos despois, en xullo de 2013, repetiuse unha situación semellante con 13 días con máximas por enriba dos trinta graos, destacando os días 5 (35º0), 6 (36º9), 7 (35º5), e 6 (35º6). A comezos de setembro de 2016, houbo tamén unha serie de días con temperaturas moi elevadas, que culminaron o día 6 con 38º7.

A finais de maio do ano 2020 pasouse dos trinta graos en catro xornadas, con 33º2 o día 28; mentres que no primeiro terzo do mes de outubro de 2023, rexistráronse máximas superiores aos trinta graos en cinco días, destacando os 32º3 do día 7. “Tampouco hai que esquecer os días de forte calor de finais de xuño deste mesmo ano 2025 con 35º5 o día 29, 34º2 o día 30 e 34º0, o 28”, lembra o profesor Docobo.

En canto a noites calorosas, a situación actual “non nos deixou tampouco temperaturas mínimas excesivamente altas”, sinala. As noites mais cálidas foron as do día 8 ao 9 e a seguinte, en ambos os casos o termómetro non baixou dos 18º3. Pola contra, no episodio de xullo de 1990, houbo noites con mínimas de ata 21º9. “Como curiosidade cómpre dicir que aínda que o normal é que as máximas do ano teñan lugar nos meses de xullo e agosto, puntualmente estas teñen acontecido en xuño (como no ano 2000), setembro (ano 2009), e mesmo en maio (ano 2019)”, explica o coordinador científico do Observatorio.

Chuvia

No referente ás precipitacións, este ano medíronse 29,4 l/m2 en xuño e 12,3 l/m2 en xullo, e de momento nada en agosto. O último día que choveu en xuño foi o 25, con 2,8 l/m2. En xullo case toda a chuvia caeu a noite do 19 ao 20, con 11,7 l/m2. Ben é certo que na segunda quincena de maio só houbo precipitacións inapreciables (menos de 0,1 l/m2) e polo tanto "a seca vén de atrás", explica Docobo, pero dende comezos de ano ata mediados de maio xa se recolleran na estación do Observatorio Astronómico mais de mil litros/m2.

“Obviamente, en rexistros pretéritos tamén aparecen longos períodos de seca, non só estivais”, subliña. Así, en 2018 deuse un intervalo que vai dende o 12 de xuño ata o 10 de outubro (4 meses), nos que só se rexistraran 93 l/m2. Tamén en 2016, dende o 17 de xuño ata o 12 de setembro (case 3 meses), a choiva medida só foi de 13,8 l/m2. De cando en vez, en xullo, tampouco chove en Compostela, lembra Docobo, tal e como aconteceu en 2020. Ese verán a seca completa estendeuse ata o 11 de agosto.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-08-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES