Noticias

Galicia reitera a petición ao Goberno central de rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros para impulsar o seu consumo

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reiterou hoxe a necesidade de que o Executivo estatal rebaixe o IVE dos produtos pesqueiros, unha demanda persistente do conxunto da cadea mar-industria galega que, segundo subliñou, permitiría favorecer hábitos de alimentación saudable e reforzar un sector estratéxico para Galicia. A responsable autonómica insistiu nesta petición durante a inauguración da xornada A fiscalidade dos alimentos: retos e realidade no sector primario, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración co Consello Económico e Social. Tamén incidiu en que o peixe, o marisco e as conservas constitúen alimentos de alto valor nutricional e recordou que Galicia leva anos defendendo que deben ser considerados produtos básicos tamén desde o punto de vista fiscal.

Neste liña, lamentou a negativa reiterada do Goberno central a aplicar esta medida, que contribuiría a mellorar o acceso da cidadanía a alimentos saudables e a fortalecer a competitividade do sector. Unha xestión que contrapuxo ao compromiso da Xunta coa promoción do consumo dos produtos do mar a través de iniciativas como o Bono Peixe, que permitiu mobilizar arredor de 11 millóns de euros e favorecer o incremento do consumo destes alimentos. Ademais, destacou que Galicia mantén niveis de consumo de peixe, marisco e conservas superiores á media estatal grazas ás políticas impulsadas polo Goberno galego.

Durante a súa intervención, tamén sinalou que a fiscalidade alimentaria constitúe unha ferramenta clave para orientar as decisións de compra cara a opcións máis saudables e sostibles, ao tempo que apoia o desenvolvemento económico e social das zonas costeiras.

A xornada reuniu a expertos en fiscalidade e representantes da cadea alimentaria para analizar o impacto das políticas impositivas no consumo e no custo dos alimentos, así como os retos derivados das políticas comerciais internacionais e da evolución dos mercados.

R., 2026-02-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES