Noticias

A campaña de vacinación fronte á gripe da Xunta supera xa as 243.000 persoas inmunizadas

A campaña de vacinación fronte á gripe acada xa as 243.320 persoas inmunizadas. A campaña de vacinación está activa desde o 29 de setembro e ata o 31 de decembro, tendo como poboación diana as persoas maiores, os menores de 11 anos e os profesionais da sanidade. Unha das novidades desta campaña é que todas as persoas chamadas a vacinarse poden facelo no seu propio centro de saúde ou consultorio. A Consellería enviou xa sms de citación a máis do 60 % dos maiores de 70 anos e a máis do 50 % das familias de nenas e nenos de 6 meses a 11 anos.

A campaña de vacinación fronte á gripe da Xunta acada xa as 243.320 persoas inmunizadas.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, vacinouse este mediodía fronte á gripe e á covid no punto de atención continuada de Santiago, onde estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, e responsables de enfermería e de coordinación da campaña de vacinación na área compostelá.

A campaña de vacinación fronte á gripe e a covid está activa desde o pasado 29 de setembro e ata o 31 de decembro, tendo como poboación diana as persoas maiores, os menores de 11 anos e, por exposición laboral, os profesionais da sanidade.

Unha das novidades desta campaña é que todas as persoas chamadas a vacinarse poden facelo no seu propio centro de saúde ou consultorio.

Ata o de agora, a Consellería de Sanidade enviou sms de citación a máis do 60 % dos maiores de 70 anos e a máis do 50 % das familias de nenas e nenos de 6 meses a 11 anos.

As mulleres embarazadas ou no puerperio e menos de 60 anos con patoloxías de risco poden solicitar autocita con enfermería, no seu centro de atención primaria ou a través da aplicación Sergas Móbil, para vacinarse a partir da próxima semana.

A cobertura antigripal en maiores de 80 anos é actualmente do 53,30 % e sobe ao 65,17 % en maiores de 85.

A partir do 10 de novembro comezará a vacinación de persoas de 60 a 69 anos.

A cobertura de vacinación do persoal sanitario fronte á gripe, comezada o pasado día 20 de outubro, supera nestes momentos o 27 %.

A aposta pola prevención da Xunta materialízase nun incremento constante no orzamento dedicado á vacinación, que en 2026 chegará aos 48,2 millóns de euros, o que supón unha suba de 7,2 millóns.

R., 2025-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES