Actualidad de Sociedad

Noticias sociedad

A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana dúas do ano, que rematou o 11 deste mes, no que se sinala que a actividade gripal en Galicia rexistra unha intensidade baixa con tendencia decrecente. Respecto da semana anterior, a taxa de consultas por gripe descendeu un 4 % e fica en 72,7 consultas por 100.000 habitantes. Con todo, só se observou unha diminución da taxa de consultas no grupo de 20 a 59 anos, do 7,8 %. No caso do grupo de 5 a 19 anos rexistrouse unha suba do 13,9 %. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos, con 99,3 consultas por 100.000 habitantes.
Galicia volve bater o seu propio récord con 429 transplantes e 143 doadores de órganos durante o ano 2025. Da cifra total de transplantes do pasado ano, 229 foron de ril, dos que 22 procedían de doadores vivos; 116 de fígado; 7 de páncreas; 26 de corazón e 51 de pulmón. Estes 429 transplantes beneficiaron a un total de 420 pacientes, tendo en conta que algúns casos foron de transplantes multiorgánicos. Os transplantes pancreáticos, que son os máis complexos, experimentaron a maior subida: incrementáronse un 75 % con respecto ao ano anterior, desde os 4 realizados en 2024 aos 7 de 2025.
O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a súa taxa de positividade e superou o 8 % na semana 2 do ano (do 5 ao 11 de xaneiro), segundo se recolle no informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade. Nesta última semana, obsérvase un descenso na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos, en concreto, diminuíu nun 18,2 % con respecto á semana previa. En canto a hospitalizacións, rexistráronse dous ingresos na última semana na cohorte de nados entre abril e setembro de 2025 e unha hospitalización dun lactante menor de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o Plan integral de benestar dixital, que será, a partir de agora, a folla de ruta para xestionar de forma axeitada a utilización das tecnoloxías no eido educativo e contribuír, deste xeito, á formación de cidadáns dixitais que fagan un uso consciente, responsable e comprometido destas. O documento, que leva aparellado un orzamento de 7,4 millóns de euros, inclúe un paquete de 'medio cento de medidas' estruturadas en cinco eixes para desenvolver ao longo de cinco anos ata 2030. Segundo abondou Rueda, o plan, deseñado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nace co obxectivo de blindar os centros educativos como 'contornas dixitais seguras' e saudables onde a innovación avance da man da protección, da igualdade de oportunidades e da defensa dos dereitos e da dignidade das persoas.
A onda epidémica da gripe mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente na comunidade. Galicia segue a incrementar o número de vacinados fronte á gripe, con 876.347 persoas esta temporada, e cun especial incremento da cobertura vacinal dos maiores de 65 anos, cun 73,17 % de vacinados, o que supón dous puntos máis que o ano pasado. Tamén aumentou notablemente a porcentaxe de persoal sanitario vacinado, con máis do 66 %, o que representa 12 puntos con respecto a 2024. No colectivo de embarazadas, a cobertura aumentou case 2 puntos porcentuais, superando o 48 %.
O circuíto estatal AIEnRUTa-Artistas inicia a súa nova programación coa participación das bandas galegas Mad Martin Trio, Eladio y Los Seres Queridos e De Ninghures, que ata xuño ofrecerán concertos por salas de toda España. Os concertos galegos desta primeira metade do ano arrancaronn o 9 en Tafalla con Mad Martin Trio, que tamén toca o sábado 10 en Logroño, o 7 de marzo en Huesca e o 18 en Alacante. Eladio y Los Seres Queridos actuará en Bilbao o 20 de febreiro, en Oviedo o 21 dese mes, en Palencia o 17 de abril e en Valladolid o 18; mentres De Ninghures estará en Bilbao o 27 de febreiro, Madrid o 10 de abril, Donostia o 17 dese mes e Barcelona o 29 de maio.
O DOG publica a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que converterá Galicia en pioneira na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. Con esta norma, as bebidas enerxéticas quedarán equiparadas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco a nivel de restricións e, polo tanto, Galicia vai ser a primeira comunidade de España na que se prohiba a venda e consumo destes produtos a menores de idade. Así a Xunta é a primeira administración en elaborar unha norma deste tipo.
A Xunta de Galicia impulsa a calidade, a innovación e a proxección do Sistema universitario de Galicia a través do selo de excelencia, un distintivo do que gozarán neste novo ano unha vintena de titulacións. Para acadar esta cifra, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP ten aberto neste momento dous procesos. Por unha banda, ata o 5 de febreiro as universidades poden solicitar o recoñecemento para un máximo de seis graos, dous por cada institución. Ademais, ata o 28 de febreiro está aberto o procedemento para renovación dos másteres. Este selo, creado polo Goberno autonómico, recoñece aquelas titulacións que destacan polo seu elevado nivel académico, científico e técnico, así como pola súa capacidade de adaptación ás demandas actuais da sociedade.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) confirma a alta inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario Galego, tal e como se reflicte nun estudo onde se analiza a situación dos egresados no curso 2021-2022 no seu primeiro ano tras obter a titulación e a súa evolución nos tres anos inmediatamente posteriores, tendo en conta, principalmente, as afiliacións á Seguridade Social. A radiografía do IGE súmase ao mapa de inserción laboral que elabora periodicamente a Axencia para a Calidade do SUG (ACSUG), aínda que neste caso examínase a situación dos titulados seis anos despois de titular e faise a través de entrevistas persoais.
Galicia pecha o 2025 sendo, por terceiro ano consecutivo, a comunidade coa ratio de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil máis alta do conxunto do país, segundo os datos oficiais do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Isto tradúcese en que o 64,3% dos nenos e nenas de entre 0 e 3 anos galegos acoden a unha escola infantil, unha cifra que se sitúa 15 puntos por enriba da media nacional (que é do 49,2%). Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lembra que estes datos tan positivos son un exemplo do bo funcionamento das políticas de conciliación impulsadas pola Xunta.
« Anterior | 2  de  394 | Siguiente »

Notas sociedad

O ano 2025 supuxo un punto de inflexión para a Rede CRUSOE, que afianzou o seu posicionamento no ámbito da investigación e a cooperación universitaria no Arco Atlántico europeo. Ao longo do exercicio, a Rede alcanzou fitos estratéxicos que consolidan o seu crecemento, a súa proxección internacional e a súa capacidade de influencia no deseño de políticas académicas e territoriais. Un dos principais avances do ano foi o impulso decisivo cara á creación dunha macrorrexión do Arco Atlántico.
A Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC) acollerá os vindeiros días 28 e 29 de xaneiro a II edición de ParlaCoruña, unha simulación do Congreso dos Deputados que se desenvolverá ao longo de dúas tardes e que ofrecerá ao alumnado unha experiencia práctica arredor do funcionamento das institucións parlamentarias. A través do traballo en distintas comisións, as persoas participantes debaterán cuestións de actualidade que afectan á vida cotiá, recreando procesos reais de negociación e toma de decisións políticas.
A investigadora Patricia Muñiz Núñez, do Grupo Persoa-Ambiente da UDC, vén de recibir o Premio González Llanos de Investigación en Enxeñaría e Arquitectura, que outorga o Concello de Ferrol, polo seu traballo 'De la emergencia a la recuperación'. A docente de Área de Composición Arquitectónica recibiu este recoñecemento polos seus traballos en vivenda de transición e reasentamento para persoas desprazadas.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
Os XII Premios Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia acaba de recoñecer tres estudos que abordan a accesibilidade, a distribución da renda e a pesca na Galicia cantábrica. O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia e o Consello Económico e Social de Galicia convocan con carácter anual este certame que distingue traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia.
Pontevedra convértese na terceira sede da exposición ForestED-Bo bosque á edificación, que reúne un conxunto de prototipos experimentais, resultado dun proxecto de investigación dirixido a atopar novas aplicacións á madeira de frondosas nos ámbitos da arquitectura e a construción. Ata o 21 de decembro poderá visitarse unha exposición con prototipos a escala real, infografías, material audiovisual e troncos das especies empregadas.
Despois do éxito da primeira edición en 2024, o Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia regresará ao campus de Vigo en marzo de 2026. Esta segunda edición terá lugar os días 25, 26 e 27 e a Facultade de Filoloxía e Tradución repetirá como sede do que pretende ser o segundo evento científico dunha serie que, ao longo dos anos, estudará as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.
Especialistas de España e Portugal participan deste este mércores en Vigo no II Encontro Ibérico de Internacionalización, unha cita que se prolongará ata mañá xoves no auditorio do Consorcio da Zona Franca e co que se busca reforzar a colaboración entre ambos os dous países en materia de internacionalización no ámbito da educación universitaria.
As Xornadas Horizonte Eurorrexional Galicia-Norte de Portugal organizadas en Santiago pola Fundación CEER consolidaron un paso decisivo cara á creación dun espazo universitario eurorrexional máis integrado. O encontro inaugurouno Inês Gusmãn, directora do CEER, xunto con Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da USC, quen destacaron a importancia estratéxica da cooperación eurorrexional no contexto europeo.
A fosa de Luou foi finalmente exhumada setenta e sete anos despois no marco das actuacións do Plan de Memoria Democrática dirixidos polo grupo interdisciplinar coordinado e dirixido polo grupo Histagra da USC e do CISPAC, coincidindo fortuitamente co 50 aniversario da morte de Franco. Os traballos deron cun resultado "altamente positivo" ao atopar o que o estudo histórico anunciaba, agora á espera de que o Imelga da Xunta e o Incifor da USC confirmen que son os corpos de catro membros da resistencia antifascista galega asasinados en 1948.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES