//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
Máis de 100 concellos impartirán a partir de xullo cursos de introdución á lingua e cultura galegas destinados á poboación non nada na Comunidade para favorecer a súa integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva. Ao abeiro desta iniciativa, unha das medidas inmediatas postas en marcha no marco do Pacto pola Lingua para fomentar o prestixio do galego, realizáronse o ano pasado un total de 105 cursos con 1.503 participantes de ata 39 nacionalidades. Este curso está estruturado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.
Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foi presentado o Wake Up! SdC, que se celebra os días 5 e 6 de xuño en Santiago de Compostela. Tras catro edicións de gran formato celebradas na Coruña, o Wake Up! inicia unha nova etapa na capital de Galicia, coa Cidade da Cultura de Galicia como escenario, consolidándose como unha referencia dentro do circuíto estatal de música electrónica. O cartel ofrece algunhas das figuras máis recoñecidas da escena internacional e nacional, cun cartel encabezado por artistas de referencia como Ben Klock, Joris Voorn, Fatima Hajji, Ben Sims, Lee Ann Roberts ou Vendex, xunto a outros nomes destacados do panorama actual como Alarico, Future.666, The Lady Machine, Blasha & Allatt, Dax J ou Pawlowski.
A programación conta con 18 formacións musicais, das que 15 son galegas, o que reflicte un impulso á creación musical da comunidade e á consolidación dun tecido profesional estable no ámbito da música ao vivo. A carteleira, que xa se vén desenvolvento desde o pasado mes de abril, inclúe en vindeiras datas as actuacións de Pablo Leira, Caamaño & Ameixeiras, Calequi y Las Panteras, High Paw, Saibran, Anxo Araújo, Grande Amore, Pava, Bala, Toundra, De Ninghures, Abril, Zeltia Irevire, e Su Garrido Pombo, nun calendario de concertos que se prolongará ata finais de febreiro do ano que vén. No caso da Guión Clube, están previstas dúas citas dentro deste ciclo.
A formación profesional galega supera a barreira das 50.000 prazas ao ofertarse un total de 50.244 prazas de novo ingreso (un 2,22 % máis cun incremento de 1.080 prazas) o vindeiro curso. As prazas distribúense en en 277 ofertas diferentes (44 delas de nova implantación), entre os 159 ciclos (un novo) de grao básico, medio e superior, 33 másters (catro novos), 27 títulos de alta especialización (seis novos), 45 formacións aceleradas (34 delas de nova implantación) e 14 programas formativos. A nova oferta reflicte un crecemento cuantitativo sostido no tempo, que nos últimos catro anos foi do 33,41 %, ao tempo que afianza un impulso cualitativo cunha aposta sen precedentes pola calidade, a especialización, a flexibilidade e a internacionalización destas ensinanzas como un referente no conxunto do Estado.
A Rede de detección de raios de MeteoGalicia contabilizou no que vai de ano un total de 12.825 raios, o que supón o 80% de todos os rexistrados durante o pasado 2025. O 42% dos raios rexistrados este ano -5.371- caeron a pasada fin de semana. En concreto, entre o venres 22 e o luns 25 de maio e, ademais, ese venres e o domingo 24 foron as xornadas con máis raios de todo o ano. O que aconteceu a semana pasada é que se deron as circunstancias perfectas para que se produciran esas treboadas: aire moi cálido en superficie procedente do norte de África -como quedou demostrado pola presenza de partículas de polvo sahariano en suspensión- e frío en altura nas capas medidas e altas da atmosfera.
A comunidade gaña poboación con forza e de xeito constante en todas as provincias ata acadar os 2,73 millóns de habitantes, a cifra máis elevada dos últimos once anos. Os datos recentemente publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistran un crecemento de poboación de preto de 14.000 persoas nos últimos doce meses, de máis de 24.500 persoas nos dous últimos anos e de 31.600 persoas en comparación con 2023. As cifras confirman que Galicia pasou dun descenso de residentes na década pasada a un incremento nesta e supón, ademais, unha mellora moi importante respecto ás proxeccións de poboación que fixeran no pasado tanto o INE como o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Rábade acolle o próximo sábado, 30 de maio, a cuarta edición do Festival Entrepontes, promovido pola Asociación Cultural Fillos do Chaira. Mirando Flores serán os o encargados de abrir a xornada cun concerto no campo da feira ás 13,30 horas. Pola noite actuarán Ulex (20,00 h.), Monouilous DOP (21,20 h.), Amor Líquido (22,55 h.), Parquesvr (00,15 h.), e Pladür (1,50 h.). Haberá tamén un mercado de artesanía e a tarde estará adicada ao Festivaliño, dirixido aos máis pequenos, que poderán desfrutar dunha sesión de cine, un espectáculo de ventriloquia e unha festa Holi. O horario previsto é de 16,00 a 19,00 horas.
O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) presentouse de xeito oficial nun acto institucional que tivo lugar na Facultade de Veterinaria da USC. O iTERRA aspira a consolidarse como un referente nacional e internacional en investigación en saúde global e sustentabilidade, recoñecido pola súa capacidade para integrar ciencia, innovación e coñecemento local na procura de solucións ante os grandes retos do século.
O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar o premio María Josefa Wonenburger Planells 2026 á doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, Yolanda Prezado. Este galardón, que lle foi comunicado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pretende recoñecer o seu labor de investigación no eido da radioterapia e a decisión foi acadada por consenso e unanimidade.
O mercado de Sabarís converteuse nun gran laboratorio científico coa celebración da quinta expo-feira da UVigo 'A ciencia que vén ten nome de muller', iniciativa que reuniu máis de 300 escolares de educación infantil e primaria de centros de Baiona, Gondomar e Nigrán arredor de experimentos, xogos e obradoiros pensados para achegar a ciencia á sociedade desde unha perspectiva participativa e inclusiva.
O recente incidente sanitario no buque de expedición Hondius, detectado en augas canarias con portadores de hantavirus, acendeu as alarmas sobre a fraxilidade da saúde global. O caso do Hondius, un claro exemplo de zoonose -enfermidades que saltan de animais (neste caso, roedores) a humanos- pon de manifesto unha vez máis a relevancia de impulsar investigacións nesta liña desde diferentes perspectivas.
Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
O proxecto europeo MAREST, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, celebrou este martes a súa reunión de arranque (kick-off), que marca o inicio oficial das súas actividades científicas e de coordinación entre socios. O obxectivo do programa é reforzar a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e á cohesión territorial das rexións participantes.
Entre finais de abril e comezos de maio, o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo a segunda campaña de sondaxes no castro de Hortas, nas illas Cíes. O proxecto foi levado a cabo en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas de Galicia.
O Claustro da Universidade de Santiago quedou constituído este luns 11 logo de ter mudado a súa composición nas eleccións do pasado 12 de febreiro. Tras a sesión extraordinaria, tivo lugar a ordinaria na que se presentou o informe do Valedor da Comunidade Universitaria correspondente ao curso 2024-2025 e na que a reitora fixo tamén un informe de situación.