
Baixo a coordinación das universidades organizadoras Santiago de Compostela, Central de Chile e Complutense de Madrid, o encontro reunirá máis de 300 persoas inscritas procedentes de 20 países, con numerosa representación de Chile, México, Ecuador e Portugal.
Na inauguración, ás 16.30 horas no Salón de Graos do centro, estarán presentes a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso rueda; a presidenta do Consello de Transparencia e Bo Goberno, Concepción Campos, e a directora do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais, Rosario García Mahamut. Tamén participarán o vicerreitor académico da Universidad Central de Chile, Emilio Oñate Vera; o director do comité organizador local, José Julio Fernández Rodríguez; o presidente do comité científico, Roberto Blanco Valdés, e o director do congreso, Manuel Sánchez de Diego.
Un ano máis, o CIT reunirá persoal académico, sociedade civil, profesionais da información e empregados públicos para debater sobre os retos da transparencia. Esta edición pon o foco na intersección entre seguridade e transparencia, no impacto da intelixencia artificial e outras tecnoloxías no dereito a saber das persoas e nas novas normas de bo goberno, con especial atención á regulación dos lobbies e os conflitos de intereses na función pública, así como á ciberseguridade e a desinformación como ferramenta de guerra híbrida, sen deixar de prestar atención aos colectivos máis vulnerables. Ademais, o #CIT2026 ábrese á comunidade latinoamericana cunha celebración en paralelo na Universidad Central de Chile, que se pode seguir por streaming.
Nesta edición, ademais, a sociedade civil estará representada pola Fundación Democracia y Gobierno Local, Transparencia Internacional, a Fundación Hay Derecho e Access Info, que intervirán xunto a figuras relevantes da transparencia e o bo goberno como membros do Consello de Contas de Galicia -entre eles, o conselleiro de Corporacións Locais- e o director de prevención da Oficina Antifraude de Cataluña.
A consolidación académica do congreso reflíctese na presentación de obras que recollen o coñecemento xerado nos encontros do CIT. Así, durante a mañá do 28 de setembro presentaranse o novo número da Revista Española de la Transparencia a cargo do seu director, Javier Sierra, e os libros Basado en hechos reales. 28 relatos sobre resoluciones creativas de derecho de acceso a la información pública e Anuario Local de la Fundación Democracia y Gobierno Local.
Recepción oficial, o domingo
Con carácter previo á inauguración do Congreso, o domingo 27 ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a reitora da USC ofrecerá unha recepción oficial aos congresistas e autoridades convidadas. Participarán tamén as alcaldesas de Santiago de Compostela e de Teo, e os profesores da USC membros do comité organizador José Julio Fernández Rodríguez e Anxo Varela Hernández.
No encontro colaboran ademais o Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), o Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP), o Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, a Cátedra de Goberno Aberto da Universidad de Castilla-La Mancha, a Fundación Manuel Giménez Abad, o Colexio de Avogados de Madrid, o Centro de Estudos de Partidos Políticos da UNED, o Centro de Estudios Políticos e Constitucionais e a Plataforma en Defensa da Liberdade da Información (PDLI).
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.