Noticias

Galicia rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido desde o ano 1961, cunha temperatura media 2,4 graos máis alta do habitual

Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.

Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018.

Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría.

En concreto, explicou que o comportamento do mes pasado estivo marcado no conxunto da Comunidade polas altas temperaturas, moi por riba do habitual nesta época do ano en comparación cos datos do período de referencia, e por varios episodios de calor que se sucederon ao longo das catro semanas.

A explicación estivo fundamentalmente no predominio das xornadas anticiclónicas e na entrada de masas de aire cálido procedentes do norte de África que deixaron temperaturas máximas moi elevadas a nivel local, como os 36,8 graos rexistrados en Santiago, os 36,6 en Lugo ou os 38,9 en Ourense durante os primeiros días do mes.

En canto á chuvia, setembro, en xeral e no conxunto de Galicia, foi seco. O informe constata que a precipitación media acumulada situouse arredor dos 37 litros por metro cadrado, un 52% menos do habitual en comparación coa serie histórica, e con chuvias concentradas, ademais, nas xornadas dos días 8, 29 e 30.

Os precedentes máis próximos desde o punto de vista da seca foron os meses de setembro de 2018 e de 2017, dous anos nos que choveu neste período un 70% e un 67% menos do agardado.

Así mesmo, de cara á fin de semana longa do 12 de outubro, a conselleira explicou que despois da inestabilidade atmosférica que está caracterizando o tempo en Galicia nas últimas horas, a previsión é que a partir de mañá, xoves, se volva recuperar a situación anticiclónica e que o venres os termómetros empecen a subir progresivamente. Así, agárdase unha ponte festiva caracterizada por tempo seco e temperaturas suaves.

Por último, a conselleira recordou que os episodios de calor como os que se viviron este verán na Comunidade son cada vez máis frecuentes e que a temperatura media en Galicia aumenta a un ritmo aproximado de 0,2 graos por década, lixeiramente inferior ao do conxunto do país.

Novo Portal de Acción Climática

Cómpre lembrar que a Xunta conta cunha Rede de Observación Meteorolóxica, integrada por 160 estacións en todo territorio, 4 sensores de detección de raios e 1 radar en Cuntis, na que se apoia MeteoGalicia para dispoñer de datos actualizados e información continua que axudan a detectar con antelación a evolución dos fenómenos meteorolóxicos adversos e facilitan a capacidade de resposta das administracións.

Ademais, Ángeles Vázquez explicou tamén que o pasado luns a Xunta puxo en marcha o Portal de Acción Climática de Galicia, unha nova plataforma dixital concibida para integrar e ordenar toda a información dispoñible neste eido, reforzar a transparencia institucional e coordinar as actuacións e a participación dos distintos axentes implicados na loita contra o quecemento global a nivel autonómico.

Galicia súmase así a outras comunidades que contan xa con estruturas propias e avanzadas en materia de clima, coa singularidade de apostar por un modelo que destaca por reunir, por primeira vez nun mesmo espazo dixital accesible, a información, os instrumentos e os recursos que permiten facer un seguimento da súa acción climática.

Segundo indicou tamén a directora xeral, a xestión do portal recae na Oficina de Cambio Climático, que, máis alá das súas funcións de seguimento e coordinación das políticas neste eido, se configura a través da nova plataforma dixital como un punto de encontro e de relación directa coa sociedade para promover a colaboración e a participación de administracións, empresas, entidades e cidadanía na transición climática de Galicia.

R., 2026-10-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.
Foto de la tercera plana (fp-madeira-2.jpg) No que atinxe ao reparto territorial, a matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 persoas (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 persoas matriculadas (+5,44%). Esta dinámica alcista dáse tamén en todas as áreas territoriais, sendo a que máis medra a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%).

Notas

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acolle a XIX Xornada Científica de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa, organizada polo grupo de investigación TCMR. O encontro reúne especialistas de institucións españolas e portuguesas para compartir liñas de investigación biomédica e favorecer a colaboración entre disciplinas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES